En Palestina, a educación converteuse nun acto de resistencia
CCOO Ensino reflexiona nas xornadas «Pensar a educación despois de Gaza», un día despois de cumprírense 101 anos da liberación de Auschwitz, sobre as causas, as consecuencias e o impacto político e humano do xenocidio palestino.
A Federación de Ensino de CCOO, xunto co Instituto de Estudios Educativos y Sindicales e a Fundación 1.º de Mayo, organizaron unha xornada de reflexión e debate sobre a parte de acción que nos toca, como docentes, ante o xenocidio que Israel perpetrou sobre o pobo palestino. Que fixemos mal ou que non fixemos son dúas preguntas que deberían preocuparnos; que papel deberiamos desempeñar a partir de agora como elemento importante da reivindicación e a mobilización, ante o xenocidio e as súas repercusións educativas, culturais, sociais, políticas, etc.
En definitiva, queremos:
- Analizalo e debater sobre o proceso histórico do xenocidio do pobo palestino.
- Analizar a validez do «plan de paz Trump» para o futuro de Palestina e os retos que presenta.
- Analizar se é posible unha paz sen xustiza, sen verdade e sen reparación. Ten valor unha paz imposta por terceiros?
- Analizar e debater sobre que nos poderían ensinar os grandes xenocidios e que retos nos supoñen ao profesorado.
- Analizar o papel do profesorado na reivindicación e a mobilización contra o xenocidio de Gaza e as súas consecuencias na política mundial.
- Analizar e debater sobre a necesidade de educar para a paz ante o fracaso do Humanismo e a Ilustración e o seu impacto na sociedade.
- Reformular o discurso e o pensamento pedagóxicos para enfrontar calquera intento de xenocidio no futuro.
- Analizar o papel da educación para a cidadanía no fortalecemento da democracia e as liberdades, fronte aos procesos crecentes de «des-democracia».
- Analizar e debater sobre a importancia do valor do público e o político na educación para a paz.
- Analizar o papel dos medios de comunicación no xenocidio gazano. Educación, dignidade e solidariedade fronte á inxustiza.
Porque defender a educación é defender a vida. En Palestina, onde a ocupación, a violencia e o castigo colectivo fan parte da vida cotiá, a educación volveuse un acto de resistencia.
Neste sentido, FECCOO impulsou e conseguiu que a Permanente do Consello Escolar do Estado aprobara por unanimidade unha declaración que denuncia, de xeito claro, a inconmensurable barbarie que se estaba cometendo contra o alumnado e o profesorado en Gaza. Non corremos igual sorte ao presentar ese escrito en todos os consellos escolares autonómicos. Nalgúns deles conseguimos que se aprobara, como no Consell d’Educació de Catalunya, no Consell Escolar de Illes Balears, no Consejo Escolar de Andalucía, de Canarias e de Asturias. Noutros, aferrándose a puras cuestións formais —que aterrador é que os formalismos vallan máis que as vidas humanas— ou non deixaron presentar o escrito, como nos casos de País Valencià, Cantabria, Aragón, Galicia e Rexión de Murcia, ou, simplemente, rexeitárono, como no caso de Castilla-La Mancha.
De igual modo, démoslle voz ao sindicato palestino no último número da revista TE, con diversos artigos en que se sitúan análises xeopolíticas do xenocidio de Gaza, descrición de accións de solidariedade e activades nos centros educativos. Tamén puxemos en marcha na nosa web un báner con recursos para que calquera docente poida acceder a actividades para traballar co alumnado.
Traballamos en alianza con outras organizacións do mundo educativo e sumámonos á Plataforma Marea Palestina.
Por último, a FECCOO tamén asumiu, canda outros sindicatos internacionais, o compromiso de acompañar o profesorado palestino, de non mirar para outro lado e de alzar a voz alí onde se intenta impoñer o silencio, realizando unha visita ao profesorado palestino que o Goberno israelí prohibiu e non se puido levar a cabo.
En conclusión, en Palestina, educar é resistir. E acompañar a quen educa é unha responsabilidade ética e sindical. A actuación de FECCOO non é só cooperación internacional: é unha toma de posición clara fronte á inxustiza. A educación segue sendo un obxectivo político e a solidariedade internacional segue a ser tratada como unha ameaza.
Precisamente por iso, seguiremos estando. Con proxectos, con palabras, con denuncias, con alianzas. Ata que a educación deixe de ser un campo de batalla e volva ser, plenamente, un dereito.
