O V Convenio Colectivo Estatal de reforma xuvenil e protección de menores é hoxe unha realidade grazas a CCOO

O 19 de setembro de 2024, a Federación de Ensino de CCOO asinou o que será o V Convenio Colectivo Estatal de Reforma Xuvenil de Protección de Menores. Unha vez superado o trámite pertinente no Rexistro de Convenios do Ministerio de Traballo, entrará en vigor cando, logo de publicarse no BOE, remate a vixencia do convenio actual, é dicir, o 1 de xaneiro de 2026. Precisamente, a posibilidade de ter unhas táboas salariais que impedisen a conxelación dos salarios por falta destas –non podemos obviar que, para o bo e para o malo, estamos suxeitos á Lei de contratos públicos– e, polo tanto, que sexan de obrigado cumprimento nas licitacións que están por vir é un dos principais obxectivos que conseguimos ao provocar o inicio da negociación moito antes de finalizar a vixencia do Cuarto Convenio.

Como ocorre en toda negociación, non acadamos o 100 % dos nosos obxectivos pero, indubidablemente, este V Convenio contén unha cantidade de logros que se traducen en importantísimas melloras para as persoas traballadoras e representa un fiito na curta historia do noso sector. Velaquí as máis significativas:

Procédese á equiparación progresiva das táboas salariais do resto de centros coas de reforma en réxime pechado e/ou semiaberto; estas últimas subirán un 20 % no período 2026-2029.

  • O complemento de antigüidade establécese en 20 euros por trienio.
  • O conseguinte e significativo incremento dos complementos de nocturnidade e festividade producido polo incremento dos salarios.
  • Un complemento de festividade especial para as quendas da tarde anterior, a noite e o festivo de Nadal, Aninovo e Reis do 20 % de salario e complemento específico.
  • Un día máis de asuntos propios para os traballadores e traballadoras que teñan un quinquenio de antigüidade.
  • Quilometraxe a 0,26 €.
  • Equiparación económica do cociñeiro/a co xefe/a de cociña en centros de máis de 40 prazas.
  • Importantes melloras nas axudas de custo.
  • Nova regulación do complemento de garda localizada de 60 € á semana e a devolución do tempo investido na atención da dita garda e un complemento de insularidade de 100 € ao mes.

É probable que desde algunha outra organización sindical se argumente que a suba salarial é insuficiente. Pero, realmente, cabe preguntarse se é unha suba insuficiente, por exemplo, na categoría de educador/a social gañar 5000 euros máis en réxime pechado e/ou semiaberto, ou 7000 euros no resto dos centros que en 2025.

CCOO, desde o respecto a todos os puntos de vista e opinións, quere rebater con seriedade eses comentarios. En primeiro lugar, somos o sindicato maioritario no sector e o único con representatividade para asinar o convenio estatal. Iso quere dicir que, para quen non o pode asinar, é un recurso fácil criticar o asinado. En segundo lugar, ningún convenio do ámbito do social asinou unha suba salarial como a que asinamos neste convenio. En terceiro lugar, a alternativa a estas subas salariais (que van do 20 % ao 34 % durante a vixencia do convenio) é unha suba do 0 %. Tivemos, malia as dificultades, unha boa conxuntura para arrancar estas subas ás patronais. Delongar a negociación impediríanos, por moitos motivos, asinar estas porcentaxes de suba; isto unido a que, se non hai táboas salariais, as licitacións non as reflicten e, por tanto, prodúcese unha conxelación salarial.

Lembrámosvos a importancia de analizar polo miúdo as licitacións, subvencións ou concertos sociais dos nosos centros, recursos ou programas para garantirnos o estrito cumprimento do convenio. En caso contrario, debedes pedir asesoramento ao voso responsable no sindicato para poder executar no tempo e a forma oportunas accións legais.

Calquera información adicional que necesites sobre o convenio colectivo, non dubides en contactar connosco no enderezo de correo reeducales@fe.ccoo.es.