Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas

O 23 de setembro é o Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas.

En España subiron alarmantemente os casos de explotación sexual e trata de persoas debido a dous factores:

  • O auxe das tecnoloxías da relación, información e comunicación (TRIC), cada vez máis utilizadas polas redes criminais en todas as fases da trata, especialmente na captación, control das vítimas e publicidade dos seus servizos.
  • A situación xeográfica respecto a África e a relación con países suramericanos.

En 2023 identificáronse 1466 vítimas de delitos de trata e explotación de seres humanos (18 delas, menores de idade), a gran maioría mulleres e nenas; desenvolvéronse 409 investigacións, coas que se logrou a detención de 923 persoas e a desarticulación de 109 grupos ou organizacións criminais.

No ámbito da trata e explotación sexual, en 2023 identificouse a 664 vítimas (294 de trata e 370 de explotación), na inmensa maioría mulleres (98 %) procedentes de América do Sur; entre elas, había 12 menores de idade.

Canto á trata e explotación laboral, 807 vítimas de ambos os delitos (195 por trata e 612 por explotación), a maioría de orixe marroquí e colombiana. Do total de vítimas, 5 eran menores de idade.

A nacionalidade predominante das vítimas de trata con fins de explotación sexual e de delitos de explotación sexual e laboral foi a colombiana, mentres que a marroquí foi a maioritaria nos casos de explotación laboral.

Desde CCOO solicitamos que se amplíen os recursos para a prevención de situacións de explotación sexual e trata de persoas. Para que se trate no currículo educativo esta situación que, como xa dixemos, é cada vez máis alarmante. E para concienciar a sociedade da necesidade da colaboración de todas as persoas na súa erradicación.