CCOO esíxelle ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades que cumpra a LOSU e garanta, polo menos, o 1 % do PIB para o financiamento das universidades públicas
Sen financiamento suficiente non hai universidade pública. Supoñíase que o artigo 55 da Lei orgánica 2/2023 do Sistema Universitario (LOSU) abordaba esta necesidade cando establece que:
- As Administracións públicas dotarán as universidades dos recursos económicos necesarios para garantir a suficiencia financeira que lles permita dar cumprimento ao establecido nesta lei orgánica e asegurar a consecución dos obxectivos nela previstos.
- E co horizonte temporal do ano 2030, establece que:
- Estas Administracións deberán destinar, como mínimo, o 1 % do produto interior bruto (PIB) ao gasto público en educación universitaria pública no conxunto do Estado.
- E todo isto co obxectivo da equiparación progresiva ao investimento medio dos Estados membros da Unión Europea (UE), que no ano 2024 se situou no 1,2 %.
Esta obriga legal non é só un compromiso administrativo, senón un investimento esencial para o desenvolvemento socioeconómico a nivel nacional e autonómico, imprescindible para superar o infrafinanciamento estrutural do sistema público universitario.
Porén, TODAS as Administracións levan anos sen cumprir con esta obriga. O mesmo ministerio (MICIU) que anunciou á boca chea a creación o 20 de novembro de 2024,ano e medio despois de que entrara en vigor a LOSU,dunha comisión de traballo para “establecer o incremento do gasto público para alcanzar o obxectivo do 1 % do PIB destinado ao financiamento das universidades públicas”:
- Só convocou dúas reunións desta comisión, a última o pasado 25 de outubro de 2025. Ambas as reunións limitáronse á presentación de informes e estudos.
- Non avanzou nin un milímetro en concretar o procedemento, os criterios ou cuestións tan esenciais, como se o 1 % do PIB se referencia no PIB nacional ou no autonómico.
- Non presentou ningunha proposta, non xa de acordo, senón tan sequera de traballo.
- Non se fixou ningún calendario de reunións.
E todo isto coa escusa da suposta falta de vontade de alcanzar un acordo por parte das CC. AA. O mesmo ministerio que se escandaliza cando facilita datos como que entre 2009 e 2024 as CC. AA. destinan ás súas universidades públicas só o 0,49 % do PIB e que as transferencias correntes ás universidades públicas en 2024 foron un 0,55 % de media, non move un dedo por poñer remedio a esta situación cando a LOSU, norma aprobada por un goberno da mesma cor política ca o actual, o obriga a garantir a suficiencia financeira das universidades públicas. Suficiencia que pasa necesariamente por alcanzar, polo menos, o 1 % do PIB. Neste contexto, a responsabilidade non é só das CC. AA.: o Ministerio, por omisión, é igualmente responsable de abandonar á súa sorte as universidades públicas.
CCOO vén reclamando de maneira reiterada a convocatoria inmediata desta comisión para fixar un calendario estable e regular de reunións e para concretar cuestións esenciais para esta materia como:
- Se o mínimo do 1 % do PIB se refire ao PIB estatal ou ao de cada C. A. CCOO defende que a referencia sexa ao PIB autonómico, garantíndose un mecanismo de financiamento mínimo que pode tomar como referencia o importe do 1 % do PIB nacional. Dentro deste compromiso de financiamento, debe garantirse que o gasto por alumno/a se sitúe na media da UE, o que suporía un incremento medio do 26 %.
- O procedemento e prazos para alcanzar non só o 1 % do PIB, senón o financiamento medio da UE.
- O contido e alcance do principio de suficiencia e a previsibilidade financeira.
- As necesidades e fontes de financiamento das universidades públicas para dar cumprimento ao mandato legal de prestar un servizo público de calidade e accesible para o conxunto da sociedade.
- Aclarar que se entende e que engloba o financiamento estrutural basal, o financiamento estrutural por necesidades singulares e o financiamento estrutural por obxectivos. CCOO defende un modelo que, dentro do respecto ás competencias autonómicas, garanta un financiamento basal finalista que asegure a estabilidade presente e futura das universidades públicas españolas e o seu crecemento.
- Que o financiamento público, en todas as súas modalidades, se destine á universidade pública, prohibindo “derivacións” cara ás universidades privadas ou cara á fórmulas de “concertos”.
É imprescindible un plan de financiamento conxunto entre o Ministerio e as CC. AA. que garanta a aplicación deste compromiso, aínda que non parece estar entre as súas prioridades. Non queremos pensar que os actuais responsables do Ministerio dan por rematada a lexislatura e que o Ministerio e as CC. AA. estean deixando pasar o tempo para que o mandato contido na LOSU sexa papel mollado.
A pregunta que debemos facernos é se queremos unha universidade pública forte ou un sistema onde o privado gañe peso mentres o público se debilita. Se non se garante un financiamento suficiente, obrigarase as universidades públicas a buscar cada vez máis financiamento externo, que poderá condicionar ou orientar a actividade pública universitaria cara a criterios de rendibilidade económica, facendo da educación superior un espazo cada vez máis condicionado por intereses privados. E isto é o resultado dunha estratexia política sostida no tempo para converter a universidade pública en obxecto de negocio.
CCOO fai un chamamento á responsabilidade de todos os actores con capacidade de decisión para afrontar dunha vez por todas as serias carencias no financiamento das universidades públicas que poñen en perigo o seu papel de servizo público e de nivelador social. Apelamos a que os distintos intereses políticos non afecten a resolución do problema do infrafinanciamento da universidade pública. Non nos podemos permitir seguir esperando por solucións que nunca chegan mentres asistimos á deterioración permanente do modelo público universitario.
A universidade pública de calidade é un ben de todas e todos, que constitúe unha das principais formas de contribución ao progreso social. Desde CCOO reclamamos ao MICIU que cumpra coas súas obrigas e garanta un financiamento realista que posibilite un servizo público de calidade, sostible e accesible ao conxunto da cidadanía.

