Aínda que esta convocatoria se dirixe ao conxunto do persoal da Xunta de Galicia, desde CCOO Ensino queremos poñer o foco no persoal de apoio educativo dos centros públicos galegos, que forma parte deste ámbito e se ve directamente afectado polas decisións da Administración autonómica.
As modificacións nas listas de contratación, os recortes de dereitos e a falta de respecto á negociación colectiva tamén teñen consecuencias no día a día das coidadoras e coidadores, intérpretes de lingua de signos, persoal de cociña, limpeza, subalterno, administración e demais categorías que sosteñen o funcionamento dos centros educativos.
Comunicado conxunto

CCOO, CSIF e UGT convocamos mobilizacións ante a deriva autoritaria, os recortes e o desprezo á negociación colectiva da Xunta de Galicia
As tres organizacións sindicais denunciamos falta de vontade real para acadar consensos, a imposición sistemática de medidas sen un marco real de negociación e perda de dereitos na Administración da Xunta de Galicia.
O vindeiro venres, 29 de maio, CCOO, CSIF e UGT ofreceremos unha rolda de prensa en Santiago de Compostela na que anunciaremos o inicio do calendario de mobilizacións.
As organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT queremos trasladar ao conxunto das persoas empregadas públicas da administración xeral da Xunta de Galicia a nosa profunda preocupación ante a crecente deriva da Administración autonómica contra os dereitos e garantías do persoal empregado público. As decisións adoptadas nos últimos meses evidencian un preocupante retroceso en materias esenciais vinculadas á negociación colectiva, á seguridade xurídica, á transparencia e ás condicións laborais do conxunto das traballadoras e traballadores públicos que producen un progresivo deterioro dos servizos públicos.
Todo isto ocorre ignorando de maneira reiterada as demandas e advertencias das organizacións sindicais representativas do persoal empregado público, cun desprezo continuo das propostas sindicais, cunha imposición sistemática de decisións unilaterais, ausencia real de negociación e falta de vontade para acadar consensos. Todo isto evidencia unha preocupante dinámica autoritaria incompatible cunhas relacións laborais baseadas no diálogo social e no respecto institucional.
Sinalar como exemplos recentes, entre outros, a imposición da modificación do decreto de listas de contratación temporal pese ao voto en contra das tres organizacións sindicais presentes na negociación, vulnerando calquera vontade real de consenso e reducindo garantías e dereitos do persoal afectado; ou, o auténtico caos xerado na resolución de numerosos procesos selectivos finalizados e no concurso de traslados, con atrasos, falta de transparencia, ausencia de planificación e unha xestión deficiente que está provocando inseguridade e incerteza entre milleiros de persoas aspirantes e empregadas públicas; ou a incomprensible decisión de devolver a SEAGA a xestión das brigadas para a prevención e defensa de incendios forestais xa que en 2019 foi a propia Xunta de Galicia a que decidira integrar os efectivos de incendios forestais de SEAGA ao Servizo de prevención incendios da Consellería de medio rural.
CSIF, UGT e CCOO demandamos a suspensión da reforma do Decreto de listas, a axilización e resolución definitiva dos procesos de concurso, OPE e estabilización coa máxima seguridade xurídica, e o reforzamento do persoal de SPIF con xestión directa da Consellería.
A esta situación súmase a absoluta falta de avances en cuestións esenciais comprometidas ou pendentes de negociación, entre outras:
- A transposición efectiva de medidas xa acordadas a nivel estatal, como a implantación da xornada de 35 horas.
- A apertura dun novo acceso extraordinario á carreira profesional.
- A posta en marcha do sistema ordinario de carreira profesional.
- O desenvolvemento e aplicación do grupo B de clasificación profesional.
- Un verdadeiro impulso e cambio de paradigma en materia de promoción interna e acceso o emprego público.
- A implantación real do concurso aberto e permanente.
- A ampliación do ámbito de aplicación de coeficientes redutores a outras especialidades e categorías dos servizos de extinción de incendios, medio ambiente, gardacostas…
- A apertura das mesas de negociación pendentes para abordar as condicións de traballo do persoal funcionario de ámbitos como persoal non docente de educación ou medio ambiente.
- Avances reais e efectivos nas mesas de traballo derivadas do acordo de política social.
- Avances concretos nas mesas de negociación abertas na Consellería do Medio Rural.
Estas actuacións e omisións reflicten unha forma de proceder baseada na imposición, recorte de dereitos e a ausencia dun marco real de negociación colectiva, debilitando gravemente as relacións laborais no ámbito da Administración autonómica.
As tres organizacións sindicais, CCOO, CSIF e UGT entendemos que a situación require unha actuación organizada dende a unidade de acción coa finalidade de normalizar o diálogo e as relacións laborais e mellorar as condicións laborais e a calidade dos servizos a cidadanía, e queremos poñer de manifesto a nosa unanimidade e acordo de unidade de acción sindical fronte a mobilizacións unilaterais oportunistas que teñen moito que ver con posicionamentos ideolóxicos.
Por iso, UGT, CCOO e CSIF anunciamos o inicio dunha campaña de mobilizacións que se desenvolverá nos próximos meses e que terá como obxectivo poñer de manifesto esta realidade, denunciar o deterioro progresivo da función pública e esixir un cambio radical na actitude da Administración.
Así mesmo, as tres organizacións sindicais anunciamos a convocatoria dunha rolda de prensa conxunta que se celebrará o vindeiro venres, 29 de maio, en Santiago de Compostela, na que se detallarán as reivindicacións formuladas e o calendario inicial de mobilizacións.
As organizacións sindicais facemos un chamamento ao conxunto do persoal empregado público para participar activamente nas distintas accións que se convocarán proximamente, así como á cidadanía galega para defender uns servizos públicos dignos e de calidade.
A defensa dos dereitos do persoal empregado público é tamén a defensa duns servizos públicos ao servizo de toda a sociedade.


