O Estatuto do PDI, a última oportunidade?

Tras máis dun ano de paralización, vólvese reunir a mesa de negociación

O xoves 25 de setembro celebrouse unha reunión no Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU) para retomar, unha vez máis, a negociación do Estatuto do PDI. A xuntanza foi presidida polo secretario xeral de Universidades, Francisco García Pascual, e contou con representantes dos sindicatos CCOO, UGT, CSIF, CIG e ELA.

O pasado 17 de xullo, desde a Federación de Ensino de CCOO dirixímonos por escrito ao MICIU reclamando, entre outras cuestións, a reactivación da negociación do Estatuto do PDI. Esta solicitude foi atendida ao ser convocados o pasado 28 de xullo para esta reunión da mesa de negociación do Estatuto do PDI.

A negociación do Estatuto do Persoal Docente e Investigador (EPDI) iniciouse hai máis de quince anos e, a día de hoxe, segue paralizada. E iso a pesar de que a Disposición Adicional Décima da Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario (LOSU) contemplaba un prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei orgánica para que o Goberno presentase ao Congreso dos Deputados un proxecto de Lei do Estatuto do PDI universitario.

Este prazo venceu o pasado 14 de outubro de 2023. A última reunión da mesa de negociación produciuse o 24 de xullo de 2024, polo que, tras un ano de paralización do devandito proceso, consideramos imprescindible abordar de maneira decidida e urxente a concreción do proxecto de lei que defina de maneira axustada o marco dos dereitos e condicións de traballo deste colectivo.

Neste contexto, CCOO entende, e así se manifestou na reunión, que chegamos a un punto de non retorno. Non podemos manter por máis tempo este goteo intermitente de supostas “reunións negociadoras” nas que, en realidade, se fala de diversas cuestións, pero non se afronta unha negociación real e efectiva das condicións de traballo do PDI das universidades públicas. Neste sentido sinalamos que:

  1. Débese levantar acta de todas as reunións para ir constatando os puntos de acordo ou desacordo sobre o texto obxecto de consideración. Non facelo supón traballar desde unha inseguridade sobre o acordado e sobre o estado do proceso, tal e como vén ocorrendo desde que o proceso se retomou tanto en 2022 como en 2024.
  2. Debe quedar reflectido de forma explícita que o Estatuto do PDI é obxecto de negociación colectiva en aplicación do reflectido nos artigos 33 e 37 do TREBEP. Neste sentido, para CCOO é irrenunciable:
    • Que o actual proceso debe plantexarse como unha mesa real de negociación xa que o Proxecto de Lei afectará de maneira directa ás condicións de traballo do colectivo do PDI. Polo tanto, e con independencia do traslado a outros axentes que o ministerio lle dea ao documento que saia da mesa de negociación (CRUE, outros ministerios e axentes), o texto resultante deste proceso debe volver a esta mesa para coñecer as modificacións que se puideran plantexar desde outros ámbitos.
    • Tras a súa valoración, débese abrir un proceso para negociar as cuestións que a parte social considere necesarias daquelas que se modificasen en relación á proposta que saia desta mesa. O texto que saia desta mesa, se fose o caso, terá que ser o que se someta ao trámite legal requirido para a súa aprobación e a parte social debe coñecer o documento final de forma previa á súa remisión ao Consello de Ministros.
  3. Débese definir claramente o calendario de traballo realista e o método de traballo. Neste sentido reclamamos un calendario de reunións cada dúas ou tres semanas de obrigado cumprimento. De maneira inicial o MICIU plantexou as datas do 24 ou o 28 de outubro para a seguinte reunión.
  4. O marco temporal debe ser realista. En mes e medio (plantexamento inicial) ou tres meses (exposto ao longo do desenvolvemento da reunión) é imposible, vistos os antecedentes, concretar un documento final.

Inicialmente o MICIU asumiu estes criterios, o que esperamos que se reflicta no desenvolvemento do proceso. O seu incumprimento suporá para CCOO o cuestionamento da nosa permanencia nunha negociación que non garantiría o cumprimento da obrigación legal de que os dereitos das persoas traballadoras sexan obxecto de negociación colectiva.

CCOO defende a necesidade dun documento que aborde o conxunto de dereitos do colectivo. Polo tanto, reclama incorporar á negociación materias non contempladas inicialmente no documento de traballo e desenvolver outras que entendemos responden á necesidade do profesorado, entre as que se poden sinalar:

  • Acceso e promoción. Sistema de promoción transparente baseado en criterios obxectivos: docencia, investigación, xestión, extensión, participación e representación. Consideración do factor de xénero.
  • Definición clara da carreira docente e investigadora. Recoñecemento a todas as figuras do dereito á avaliación da súa actividade (docente, investigadora, de xestión) e ao complemento salarial correspondente.
  • Recoñecemento da carreira profesional. Desenvolvemento da carreira horizontal cunha definición clara dos criterios e os seus efectos. Articulación da carreira vertical e da promoción interna.
  • Definición clara da estrutura retributiva. Suba dos niveis do complemento de destino do TU e o CU.
  • Dignificación das condicións de traballo e das funcións de xestión e representación.
  • Equiparación para todos os efectos entre o TU e o Profesorado Permanente Laboral. Igualdade de dereitos, a todos os niveis, entre o profesorado funcionario e laboral no marco das realidades de cada colectivo.
  • Regulación clara dos dereitos sociais, de saúde, formación e sindicais e de representación do colectivo.
  • Mellora das condicións de traballo e definición dos dereitos dixitais e de desconexión.
  • Dereito á conciliación laboral e flexibilidade da xornada.
  • Medidas contra o acoso laboral, sexual, por razón de xénero ou discriminación dentro da institución. Plena aplicación das políticas e normas de igualdade e non discriminación.
  • Definición clara e actualización do réxime de incompatibilidades.

Valorando positivamente a reactivación da negociación do Estatuto do PDI, CCOO considera que estamos ante unha regulación necesaria pero que, de ningún xeito, esgota o marco da necesaria negociación colectiva dentro dun marco estable regulado e recoñecido por todas as partes. E todo iso co obxectivo de mellorar as condicións de traballo de todo o persoal das universidades. Sendo o Estatuto do PDI unha prioridade esencial para CCOO, non asumiremos un documento que non concrete dereitos e procesos, polo menos nas cuestións máis relevantes. O documento será asumido se é compartido, non imos dar cobertura política a un documento meramente declarativo.