Ante a proposta insuficiente do Ministerio, temos­ de organizarnos! Empezamos recollendo a túa voz

Na reunión do pasado martes, 23 de setembro, finalmente o Ministerio presentounos a súa proposta de redución do horario lectivo do profesorado a un máximo de 18/23 períodos, que sería de aplicación xa desde o vindeiro curso 2026-2027, e de redución de ratios.

A proposta é unha resposta tardía e moi parcial ás reivindicacións que en CCOO levamos anos mantendo. Agora seguiremos facendo presión para que non quede en auga chirla.

A proposta sobre ratios ten moito menos impacto que a nosa reivindicación, que consiste en que, amais de baixar as ratios con carácter xeral, todo o alumnado con calquera necesidade específica de apoio, incluídas tamén as asociadas a desvantaxe socioeducativa, conte dobre para os efectos de ratio. Ademais, todo este alumnado debe estar asociado a dotación adicional de apoios especialistas. A liña da proposta ministerial é aplicalo soamente ás necesidades educativas especiais e a algúns centros en zonas de especial complexidade ou con proxectos específicos.

Cómpre ter en conta que en Galicia xa avanzamos nesta dirección grazas ao Acordo de medidas de mellora, no que o alumnado con discapacidade, grao de dependencia recoñecido ou trastornos graves de conduta conta dobre ou triplo para os efectos de ratio, pero consideramos positivo que pretenda contarse dobre a todo o alumnado NEAE.

A actitude do Ministerio é dilatoria co resto das nosas reivindicacións e xa se nos esgotou a paciencia, así que pasamos á acción. Contesta esta enquisa, e poñamos en común prioridades e mobilizacións, que desde o sofá non se arranxa nada.

Comparte esta mensaxe cos teus compañeiros e compañeiras, subscribídevos a https://salariodecente.ccoo.es/ e organizádevos en CCOO Ensino!