CCOO e UGT esixen ao Goberno o cobro do 0,5 %, asegurar a xubilación parcial e abrir a negociación dun novo acordo que garanta a mellora das retribucións e máis emprego público.
A Área Pública de CCOO e UGT Servicios Públicos reprochan ao Goberno que o Acordo Marco para unha Administración do Século XXI segue sen cumprirse na súa integridade, xa que aínda quedan pendentes cuestións tan relevantes como o pagamento do incremento do 0,5 % das retribucións con carácter retroactivo desde xaneiro de 2024, a implantación do grupo B, a reclasificación profesional e a xubilación parcial, así como a eliminación da taxa de reposición xa comprometida.
Por iso, CCOO e UGT, desde as súas federacións con competencia e representación na Área Pública, esixen ao Goberno que deixe de demorar o pagamento dos atrasos do 0,5 %, ao tempo que o instan a sentarse a negociar para dar unha solución que permita recuperar o dereito á xubilación parcial do persoal laboral e a súa plena implantación para o persoal funcionario. No caso de que estas demandas non sexan atendidas, as organizacións sindicais non descartan convocar novas mobilizacións e levar a cabo as accións que consideren necesarias ata conseguir que o Ministerio cumpra os compromisos asumidos na mesa da Función Pública.
Do mesmo xeito, solicitan ao ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, que abra de maneira inmediata a negociación dun novo Acordo Marco que garanta o poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos para 2025 e os exercicios seguintes, que poña fin ao grave problema do emprego público, culminando os procesos de estabilización e o crecemento neto do emprego, así como a mellora das condicións laborais mediante o recoñecemento da profesionalidade das traballadoras e traballadores públicos.
Na necesaria transformación do país, é fundamental situar ao conxunto das administracións públicas como referente duns servizos públicos garantes do estado de benestar e da igualdade de oportunidades que a cidadanía demanda e require.
