A marcha de Fabiola García a Madrid é unha boa ocasión para facer balance dun mandato marcado pola falta de diálogo, o desprezo á representación legal das persoas traballadoras e a ausencia de respostas ás reivindicacións dos sectores de Discapacidade, Menores e Educación Infantil 0-3.
Durante todo este tempo, a Consellería de Política Social negouse a recibir a representación de CCOO Ensino, ignorou as reiteradas peticións de reunión e bloqueou calquera posibilidade real de negociación. A resposta ás demandas dun persoal esencial para a atención e o coidado das persoas foi, unha e outra vez, o silencio.
Ese é o balance dun mandato no que a falta de diálogo institucional se converteu nunha forma de gobernar.
A realidade dos centros está moi lonxe dos discursos oficiais. Falamos de profesionais con salarios insuficientes, contratacións precarias, xornadas difíciles de conciliar, falta de persoal e recursos materiais, e condicións que comprometen tanto a saúde e a seguridade das traballadoras como a calidade da atención ás persoas usuarias.
En Discapacidade, é imprescindible avanzar cara a un acordo autonómico que permita dignificar os salarios mediante un complemento galego, mellorar as condicións laborais e reforzar os cadros de persoal. Outras comunidades autónomas xa desenvolveron vías de mellora propias. Galicia non pode seguir instalada na resignación, nin deixar que as entidades asuman custos salariais sen unha resposta pública á altura das necesidades do sector. Mellorar as condicións de quen coida é tamén mellorar a atención ás persoas con discapacidade.
No sector de Menores, a precariedade salarial, a falta de efectivos e as carencias materiais dificultan o traballo diario nos centros. Cómpre aplicar melloras salariais e garantir persoal e instalacións suficientes para ofrecer unha atención segura, estable e de calidade aos nenos, nenas e adolescentes.
En Educación Infantil 0-3, continúa sen se recoñecer plenamente o carácter educativo dunha etapa fundamental para o desenvolvemento da infancia. As traballadoras necesitan salarios dignos, ratios adecuadas, máis persoal —incluída a parella educativa— e recursos suficientes. Tamén é necesario avanzar na integración desta etapa na Consellería de Educación e deixar atrás un modelo que non pode sosterse sobre a precariedade das súas profesionais.
Desde CCOO Ensino consideramos que a Xunta non pode seguir desentendéndose duns servizos esenciais que financia e dos que é responsable. Non abonda con recoñecer publicamente o seu valor: cómpre garantir condicións laborais dignas, recursos suficientes e unha atención de calidade.
O modelo privatizador do Partido Popular trae consecuencias directas para a clase traballadora: PRECARIEDADE LABORAL.
A saída da conselleira non pode servir para pasar páxina sen asumir responsabilidades. Desde CCOO Ensino esperamos que a persoa que asuma a responsabilidade da Consellería de Política Social poña fin a esta situación inaceptable, desbloquee o diálogo social e reciba de inmediato a nosa representación. É imprescindible abrir unha vía real de negociación que permita abordar as reivindicacións pendentes nos sectores de Discapacidade, Menores e Educación Infantil 0-3, con compromisos concretos e prazos para avanzar nas melloras laborais e na calidade dos servizos.
CCOO Ensino seguirá esixindo respostas e solucións. Non imos aceptar que o silencio institucional siga sendo a resposta a quen sostén cada día uns servizos esenciais para a sociedade galega.
As traballadoras e os traballadores destes sectores non necesitan máis promesas nin máis silencio. Necesitan negociación, compromisos concretos e melloras reais. Porque a dignidade laboral de quen coida, educa e protexe non pode seguir esperando.

