A Consellería de Educación vén de presentar publicamente EdugalIA, unha proposta coa que pretende impulsar o uso da intelixencia artificial nos centros educativos galegos.
Desde CCOO Ensino celebramos que Galicia avance na reflexión sobre o impacto da IA no ensino, mais insistimos en que esta transformación só pode facerse con planificación, garantías e participación real da comunidade educativa.
Hai poucos días, CCOO participou no encontro internacional organizado pola Internacional da Educación sobre o papel da IA no futuro laboral e docente, onde se puxeron enriba da mesa ideas fundamentais para un desenvolvemento seguro, ético e centrado nas persoas.
As conclusións daquela xuntanza son unha referencia imprescindible para avaliar iniciativas como EdugalIA.
A IA no ensino: oportunidade si, pero cun marco claro
Desde CCOO Ensino defendemos:
- Unha IA centrada no ser humano e que non substitúa o labor docente
É necesario garantir que estas tecnoloxías complementen o traballo do profesorado, non o desvirtúen nin o fagan máis precario. A experiencia internacional apunta a riscos de automatización de tarefas e de aumento da carga administrativa se non se regula adecuadamente. - Formación de calidade e tempo recoñecido
A introdución da IA nos centros require plans reais de formación, con horas lectivas recoñecidas, recursos e acompañamento pedagóxico. A día de hoxe, a Consellería non definiu ningún itinerario formativo sólido para o profesorado. - Avaliación dos riscos éticos, de privacidade e de dependencia tecnolóxica
Calquera plataforma ou ferramenta de IA que se incorpore ao sistema educativo debe garantir protección de datos, transparencia e soberanía tecnolóxica. Non podemos aceptar modelos baseados en software opaco ou dependente de empresas privadas sen control público. - Participación negociada e establecer un marco laboral claro
O desenvolvemento da IA no ensino debe abordarse na Mesa Sectorial. É imprescindible garantir dereitos laborais, evitar sobrecargas e definir en que condicións, responsabilidades e tempos se espera que o profesorado utilice estas ferramentas.
Chamamento a escoitar á comunidade educativa
Desde CCOO Ensino instamos á Consellería a abrir un proceso serio de diálogo ordenado, no que o profesorado e as súas representacións teñan un papel central. A intelixencia artificial non pode entrar pola porta da propaganda, senón da planificación e das garantías.
Galicia ten a oportunidade de situarse á vangarda dun modelo educativo dixital que poña as persoas no centro. Para iso, é necesario partir das recomendacións internacionais e das demandas do profesorado galego.
CCOO seguirá traballando para que a innovación non sexa sinónimo de precariedade nin de perda de control público sobre o sistema educativo.
