É urxente reforzar os cadros de persoal e a asignación adecuada de recursos nos centros de menores.
Esta semana coñeceuse a sentenza polo asasinato da educadora Belén Cortés, ocorrido o pasado marzo nun piso tutelado da Xunta de Estremadura localizado na capital pacense. Como xa denunciou CCOO no seu momento, este gravísimo e tristísimo suceso que hoxe nos vemos obrigados a recordar, volve revelar a neglixencia administrativa e a dramática precariedade estrutural destes recursos.
As e os profesionais desempeñan o seu labor con cadros de persoal baixo mínimos, sen as ferramentas nin os medios necesarios para atender ao xeito as e os menores, afrontando unha carga de traballo e unhas condicións que con frecuencia os levan a enfermar ou deixar o traballo.
Este déficit non só pon en risco a integridade das persoas traballadoras, senón que tamén vulnera a protección e o benestar das e dos menores, que se expoñen a un sistema que prioriza o aforro fronte á calidade do servizo.
Denunciamos que a xestión –frecuentemente externalizada– se fundamenta en licitacións á baixa, o que reduce artificialmente os custos e deriva no incumprimento de obrigas esenciais. Esixímoslles ás Administracións públicas unha auditoría inmediata de todos os centros, o reforzo urxente dos cadros de persoal, recursos adecuados para a atención e protocolos que garantan seguridade e dignidade para menores e persoal traballador.
