Demanda xudicial e análise da evolución do Acordo sobre medidas de mellora

As organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP queremos anunciar que esta mañá, día 17/06/2025, presentamos perante o servizo de reparto do Decanato dos Xulgados de Santiago de Compostela o recurso contencioso-administrativo contra os incumprimentos do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica  2/2006, de 3 de maio, de educación, por parte da Consellería de Educación.

Tomamos a vía xudicial, xunto coa denuncia pública, para garantir o cumprimento íntegro de todas as disposicións do Acordo, despois da promulgación da Lei 5/2024 de medidas fiscais e administrativas, que obstaculiza a súa aplicación, atrasando a implantación íntegra das ratios previstas no Acordo de Agrupamentos de 2009 así como as medidas de desdobre de aulas e a dotación de profesorado de apoio.

Desde o inicio de curso e tras consultar á práctica totalidade dos centros da Comunidade, xa advertimos de que, de aplicarse o Acordo tal e como foi asinado, o sistema educativo contaría con 282 aulas máis e ata 396 docentes adicionais, que se sumarían aos 556 xa incrementados con respecto ao curso anterior, acadando un incremento total de 952 docentes.

Entre os principais incumprimentos constatados a inicios de curso, destacan as ratios  en aulas que escolarizan alumnado de diferentes niveis, ciclos e etapas, con 110 centros afectados. A continuación, estaría o cómputo dobre ou triplo de alumnado con  discapacidade, depedencia e/ou transtornos graves de conduta, que supera a ratio máxima. Este incumprimento rexístrase nun total de 67 centros.

Ademais, ao longo do curso comprobamos que existe unha interpretación restritiva e obstrucionista por parte da Consellería de Educación, especialmente a través do servizo de Inspección. Por acción ou omisión, estanse freando de forma sistemática os avances pactados no Acordo. O último exemplo desta actitude foi a Instrución 2/2025, difundida aos centros pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que permite vulnerar a foto fixa dos grupos situados entre 20 e 25 alumnos/as no momento de entrada en vigor do Acordo.

Lonxe de permanecer inactivos, en outubro presentamos á Valedora do Pobo os incumprimentos constatados e iniciamos a vía administrativa de reclamación que culmina hoxe, tras esgotar todos os trámites administrativos previos, co paso á vía xudicial coa presentación do recurso contencioso-administrativo. Lamentamos a lentitude ao ter que esgotar os sucesivos prazos administrativos, pero son a única maneira de darlle seguridade xurídica á nosa reclamación.

Aspiramos a unha sentenza similar á da Comunitat Valenciana, que obrigou alí ao goberno autonómico a contratar case 2 000 docentes por incumprir un acordo similar. Do mesmo xeito, presentamos unha reclamación administrativa pola aplicación incorrecta do 10 % de incremento correspondente ao ano 2025 nos complementos de sexenios e titoría, que será acumulada no proceso xudicial, unha vez esgotada a vía administrativa.

Fronte a esta actitude activa, as organizacións non asinantes do Acordo manteñen unha postura ambigua: dunha banda piden coa boca pequena o seu cumprimento e, doutra, esixen que retiremos a sinatura. Esta actitude resulta totalmente irresponsable, pois retirar a sinatura significaría renunciar tanto ás melloras xa acadadas no Acordo como aos avances que están por vir en cursos futuros.

A renuncia ao Acordo suporía:

  • A diminución do cadro de persoal actual en 556 docentes, que son as persoas incorporadas este curso grazas a aplicación das diferentes disposicións do Acordo.
  • A supresión de ata 204 aulas que se mantiveron abertas grazas ao Acordo, e que significaría a supresión de ata 300 postos docentes.
  • A volta ás ratios de 25 alumnos/as en todos os niveis de Infantil e Primaria.
  • Ningún alumno computaría a efectos de ratio dobre ou triplo.
  • O alumnado repetidor non computaría a efectos de ratio.
  • O incremento das ratios en aulas mixtas: de 14 a 25 en infantil e tamén a 25 en primaria.
  • A paralización da aplicación progresiva das ratios de 25 en secundaria e 30 en bacharelato.
  • Unha redución salarial de 60 euros para os equipos directivos, incluídos os responsables de centros con menos de tres unidades.
  • Unha redución retributiva para todo o profesorado en función dos seus sexenios:
  • Un incremento de dúas horas lectivas semanais para os mestres/as, o que implicaría tamén dúas horas máis de permanencia semanal no centro.
  • Eliminaríase o compromiso de negociar a redución do horario lectivo en secundaria cando se aborde a nova xornada de 35 horas do persoal da Xunta.
  • A Administración non tería obriga de publicar un plan para racionalizar a burocracia.
  • Suprimiríase a posibilidade de que os órganos colexiados e de coordinación docente puidesen reunirse telemáticamente.
  • Reduciríanse á metade ás axudas de reintegros por gastos de formación.
  • Suprimiríanse as licenzas por formación non retribuídas para a realización de estudos universitarios, que foran recuperadas grazas ao Acordo.

Máis aló dos incumprimentos concretos, queremos poñer en valor os efectos positivos do Acordo nun contexto de forte descenso da matrícula, con case 3 000 alumnos menos cada curso. Entre os logros máis salientables destacamos:

  1. O acordo puxo fin á “sangría” de aulas, sobre todo no rural. Por primeira vez en moitos anos, este curso creáronse 10 aulas de catálogo e 21 postos de traballo definitivos, fronte a un balance negativo de 239 aulas e 334 postos destruídos nos tres cursos anteriores.
  2. Evitouse o peche de ata 204 aulas, o que supón conservar preto de 300 postos de traballo.
  3. Prevese que nos vindeiros tres cursos se eviten máis de 800 supresións de aulas e arredor de 1200 docentes postos docentes.
  4. Incrementouse o número de docentes en activo en 556 con respecto ao curso anterior, pasando de 31 044 a 31 600. Esta cantidade sumaríase aos postos de traballo que non foron suprimidos grazas á aplicación do Acordo.

Queremos volver a agradecer aos sindicatos que non asinaron o Acordo e que o cualificaron no seu momento como Acordo da miseria ou Acordo da vergoña que hoxe reclamen vehementemente a súa aplicación. Seguimos animándoos a sumar a súa sinatura para axudar a construír a unidade sindical e de acción que tanto demandan noutros contextos, e que xa se aplica con éxito noutras comunidades autónomas.

A nosa folla de ruta é clara: denuncia pública, mobilización, acción institucional e vía xudicial. Seguiremos esixindo o cumprimento íntegro do Acordo ata as últimas consecuencias, sen descartar ningunha medida de presión.