CCOO xa denunciou a insuficiencia dos cambios introducidos polo Real decreto 905/2025, polo que se modificou o Real decreto 640/2021, de 27 de xullo, de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, que agora se pretende emendar con esta proposta
O presidente do Goberno anuncia a futura aprobación dun real decreto que viría a limitar a oferta de titulacións universitarias de grao e máster “en liña”, especialmente no ámbito das ciencias da saúde, co obxecto de reforzar a súa presencialidade e calidade, aínda que sen definir o horizonte temporal da nova norma nin o marco de concertación social para a súa elaboración.
Con esta proposta, o Goberno di que busca incrementar as esixencias de calidade dos estudos universitarios que se imparten en universidades públicas e privadas e mais reforzar a presencialidade de determinados graos e másteres. Será de aplicación tanto para as universidades públicas como para as privadas. E para iso anúncianse dúas medidas principais:
- En determinadas titulacións (sinálanse especialmente as das ciencias da saúde), a docencia terá que ser presencial. Isto pode supor que algunhas titulacións impartidas actualmente na modalidade a distancia teñan que transformarse en presenciais.
- O 50 % de profesores/as dunha titulación (presencial ou virtual, pública ou privada) terán que ser doutores/as, e un 40 % deben ter contrato a tempo completo. O RDL 905/2025 de modificación do RDL 460/2021 de creación e recoñecemento de universidades e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios obriga a que a metade do total do profesorado sexa doutor. Con esta nova proposta planéase esixir que esta porcentaxe sexa de aplicación en cada titulación, para evitar que se cumpra o requisito xeral concentrando o profesorado doutor en determinadas titulacións (ciencias sociais, fundamentalmente). Esta foi unha das deficiencias apuntadas por CCOO no seu momento no documento de proposta ao RDL 905/2025, no que sinalabamos que o 70 % do profesorado de cada titulación tiña que ser doutor, con independencia de se a modalidade era presencial, semipresencial ou en liña. Non debiamos estar tan equivocados, malia que non se tivo en conta a nosa achega.
CCOO, aínda que considera positivo que o Goberno recoñeza a necesidade de afondar nos requisitos para a creación e funcionamento das universidades privadas e da impartición de titulacións, quere lembrar que no seu momento xa denunciou a insuficiencia dos cambios introducidos polo Real decreto 905/2025, que agora se corrixe. Para evitar que esta situación se repita, CCOO reclama un proceso real de diálogo e traballo compartido para lograr unha regulación efectiva tanto dos criterios de oferta das titulacións en liña como de todas aquelas materias que non foron atendidas abondo pola anterior normativa aprobada en 2025.
A falta de coñecer un documento de referencia que aclare os ámbitos que se pretenden regular de xeito específico e o desenvolvemento que se persegue dar ás supostas deficiencias do sistema que se busca corrixir, CCOO recorda que xa lle reclamou outrora unha maior ambición ao Goberno na reforma do RD 640/2021. A actual regulación resulta ás claras insuficiente e está permitindo que algunhas universidades privadas se aproveiten da crecente demanda de titulacións en determinados ámbitos (especialmente o de ciencias da saúde) e da falta de prazas suficientes na universidade pública por falta de recursos (froito dun infrafinanciamento crónico que ten orixe en decisións políticas) para ampliar masivamente a súa oferta en liña, aproveitando a oportunidade de negocio, sen garantir os estándares de calidade e presencialidade.
A realidade é que boa parte das propostas que agora se apuntan co novo RD xa foron reclamadas por CCOO no proceso de elaboración da normativa en vigor e foron ignoradas no seu momento. Non podemos perder de novo a oportunidade de establecer unha regulación que garanta que calquera universidade en funcionamento ou que se poida crear nun futuro, especialmente no caso das universidades privadas, non se limite unicamente a expedir títulos, senón que sexan realmente institucións creadoras, preservadoras, transmisoras e difusoras do coñecemento e a cultura, como o son as universidades públicas.
É imprescindible que os criterios de necesidade, idoneidade e calidade tanto das universidades como dos seus cadros de persoal primen na decisión final de creación da universidade ou de autorización dunha titulación sobre as consideracións políticas, que dependen basicamente das maiorías parlamentarias. E neste sentido, CCOO coida que a calidade das titulacións universitarias é un elemento esencial para garantir a calidade e viabilidade do sistema e non pode estar sometida aos intereses do “mercado universitario”.
Para lograr este obxectivo cómpre garantir unha participación real e efectiva da comunidade universitaria e dos axentes sociais no proceso de elaboración e deseño da norma. Esta participación preséntase como un piar fundamental para garantir a lexitimidade, a eficacia e a calidade da gobernanza institucional. Este enfoque colaborativo é imprescindible para transformar as normas de simples mandatos burocráticos en ferramentas de cohesión e desenvolvemento, asegurando que o sistema universitario responda tanto ás súas necesidades como ás demandas sociais que ten formuladas. En definitiva, reclamámoslle ao Goberno negociación e diálogo, e non decisións unilaterais. Para iso, un bo punto de partida podería ser a publicación do borrador de proposta lexislativa.o responda tanto a sus necesidades como a las demandas sociales que tiene planteadas. En definitiva, reclamamos al gobierno negociación y diálogo, y no decisiones unilaterales. Para ello, un buen punto de partida podría ser la publicación del borrador de propuesta legislativa.

