CCOO esixe importantes medidas económicas, laborais e organizativas para garantir o Plan estratéxico de Educación Inclusiva

Non entendemos que as CC. AA. gobernadas polo PP rexeitasen este Plan e os recursos achegados polo Ministerio, cando o financiamento da educación é responsabilidade das CC. AA.

CCOO Ensino compartimos en termos xerais o enfoque e a orientación do novo Plan Estratéxico de Educación Inclusiva presentado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Garantir que a escola sexa a referencia para a escolarización do alumnado con discapacidade constitúe un mandato explícito da LOMLOE e, ademais, responde ao consenso da comunidade educativa e aos requirimentos do Comité dos Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU, que en reiteradas ocasións sancionou a España por manter dinámicas de segregación educativa.

Non entendemos como as CC. AA. gobernadas polo PP rexeitaron este Plan e os recursos achegados polo Ministerio, cando o financiamento da educación —tanto no ingreso como no gasto— é responsabilidade dos gobernos das CC. AA. Nestas condicións, o Plan presenta demasiados interrogantes sen resolver. Para CCOO Ensino, a inclusión non pode quedar nunha declaración de intencións nin traducirse nunha mera escolarización do alumnado sen os recursos necesarios. Esiximos ao Ministerio e ás CC. AA. respostas concretas nas seguintes materias esenciais:

  • Financiamento e memoria económica real por CC. AA.: un cambio de modelo desta envergadura esixe un compromiso orzamentario claro, finalista e suficiente. Sen unha memoria económica vinculante, a inclusión corre o risco de converterse en papel mollado e non asegurar garantías.
  • Saturación e sobrecarga docente: incorporar alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ás aulas ordinarias sen unha baixada drástica das ratios, sen un incremento substancial dos cadros de persoal de profesorado de apoio educativo e dos departamentos de orientación, e sen incrementar os perfís docentes de pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe e servizos á comunidade, provocará unha sobrecarga insustentable e un grave desgaste profesional nos equipos docentes.
  • Incorporación de novos perfís profesionais con garantías de emprego público, como persoal de enfermaría, educadoras/es sociais, fisioterapeutas ou integradoras sociais, entre outros. Rexeitamos categoricamente calquera vía de externalización ou precarización. Estes perfís deben incorporarse mediante contratación pública estable, con condicións dignas e plenamente integrados nos equipos educativos dos centros.
  • Formación permanente e tempos de coordinación en horario lectivo: para implementar metodoloxías inclusivas reais como a codocencia ou o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), o profesorado necesita formación específica e permanente dentro da súa xornada laboral. É imprescindible garantir tempos semanais de coordinación, recollidos expresamente no horario laboral, para as e os profesionais dos centros educativos e os distintos equipos multidisciplinares responsables da atención á inclusión, co tempo necesario para desempeñar estas funcións con calidade e eficacia.
  • Futuro: as persoas profesionais dos Centros de Educación Especial esiximos certeza e claridade absoluta sobre que vai acontecer co persoal docente e laboral que actualmente desempeña o seu labor nos CEE. As administracións educativas deben garantir a estabilidade dos seus postos de traballo e pór en valor a súa valiosa experiencia profesional no novo marco inclusivo.

Desde CCOO Ensino esiximos para a educación inclusiva recursos humanos e materiais suficientes e a mellora dos dereitos laborais dos cadros de persoal.

Continuaremos vixiantes e demandaremos en todos os ámbitos de negociación que este Plan se acompañe dos investimentos e garantías organizativas e laborais que o sistema educativo e as súas e os seus profesionais necesitan.