CCOO pide prudencia tras o pronunciamento do TXUE sobre o abuso de temporalidade no sector público e reclama unha resposta legal efectiva

A xustiza europea volve cuestionar que o ordenamento español dispoña de medidas realmente eficaces, disuasorias e proporcionadas fronte ao abuso na contratación temporal.
CCOO mantén que a solución de fondo esixe unha reforma normativa clara, que adapte plenamente o noso sistema ás esixencias do Dereito da Unión Europea.

A área Pública de CCOO considera que o pronunciamiento do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre o abuso da temporalidade no emprego público confirma, unha vez máis, unha idea esencial: o ordenamento xurídico español segue sen ofrecer unha resposta suficientemente eficaz para previr e sancionar o abuso na utilización de relacións temporais no sector público.

“Á espera dun estudo en profundidade da sentenza, que afecta directamente o persoal laboral das administracións públicas e, sobre todo, dos posteriores pronunciamentos do Tribunal Supremo, unha primeira lectura do fallo permite extraer varias conclusións relevantes.”

En primeiro lugar, o TXUE reitera que corresponde aos órganos xudiciais nacionais apreciar e declarar, en cada caso concreto, se existiu abuso ou fraude na utilización da temporalidade. Non se trata, por tanto, dunha declaración automática nin xeral, senón dunha valoración que debe realizarse en sede xudicial atendendo as circunstancias individuais de cada persoa afectada.

En segundo lugar, o Tribunal Europeo volve poñer o foco na insuficiente trasposición ao dereito interno español da Directiva 1999/70/CE e do Acordo Marco sobre traballo de duración determinada, ao considerar que as medidas existentes non garanten unha resposta real fronte ao abuso. Non basta con medidas formais ou xenéricas: deben existir instrumentos efectivos, disuasorios e proporcionados.

Así mesmo, o TXUE insiste en que os procesos de estabilización, aínda sendo lexítimos como vía de ordenación do emprego público, non constitúen por si mesmos unha sanción adecuada fronte ao abuso. E non o son porque se trata de procedementos abertos, sometidos os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, nos que pode concorrer calquera aspirante, sufrise ou non abuso na temporalidade. Por iso, eses procesos non reparan por si sós a situación padecida pola persoa temporal abusada.

Do mesmo xeito, volve quedar en dúbida a insuficiencia da indemnización taxada de 20 días por ano co límite dunha anualidade, ao non incorporar un verdadeiro elemento sancionador vinculado especificamente ao abuso producido. Reitera o TXUE, así como o fixo o Comité Europeo de Dereitos Sociais interpretando a Carta Social europea, que o réxime indemnizador por despedimento en España non é suficientemente disuasorio nin reparador. Tamén se cuestiona a eficacia do réxime de responsabilidades previsto para as administracións públicas, polo seu carácter ambiguo, abstracto e pouco previsible.

Agora ben, para CCOO convén subliñar con claridade “que o TXUE non impón de forma automática a fixeza como solución xeral nin afirma que esa sexa a única resposta posible. A conversión en fixo aparece na xurisprudencia europea como unha posibilidade para valorar cando non existan no ordenamento interno outras medidas adecuadas para sancionar o abuso, pero non como unha declaración directa e inmediata aplicable sen máis”. Neste sentido desde CCOO trasladamos unha proposta de reforma do despedimento á mesa do Diálogo Social que debe acabar cos sistemas de abuso da temporalidade e modificar o réxime indemnizador.

“Por iso, desde CCOO insistimos na necesidade de actuar con rigor e sen precipitación. Haberá que esperar o estudo pormenorizado da sentenza e, especialmente, a como a interpreten e apliquen tanto o Tribunal Supremo como os restantes órganos xudiciais. Será esa doutrina a que determine o alcance real do pronunciamiento europeo dentro do marco constitucional e legal español”.

CCOO mantén que a solución de fondo esixe unha reforma normativa clara, que adapte plenamente o noso sistema ás esixencias do Dereito da Unión Europea, dote de seguridade xurídica ás persoas afectadas e evite que a temporalidade abusiva siga resolvéndose a golpe de litixio.

Mentres tanto, o sindicato afirma que seguirá vixiante nos procesos de estabilización en curso, defendendo os dereitos do persoal temporal e ofrecendo atención xurídica a quen, de forma individual, decidan exercitar accións xudiciais en defensa dos seus intereses.

Para CCOO, a sentenza europea volve deixar unha conclusión difícil de discutir: as medidas actualmente existentes en España non foron consideradas suficientes para previr nin sancionar adecuadamente o abuso da temporalidade no sector público. O que queda agora por resolver é como debe traducirse iso, na práctica, no noso ordenamento xurídico.