O ordenamento xurídico español sigue sen ofrecer unha resposta suficientemente eficaz para previr e sancionar o abuso da temporalidade no sector público
A Área Pública de CCOO considera que o pronunciamento do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre o abuso da temporalidade no emprego público (Asunto C-418/2024, caso Obadal) confirma, unha vez máis, unha idea esencial: oordenamento xurídico español segue sen ofrecer unha resposta suficientemente eficaz para previr e sancionar o abuso na utilización de relacións temporais no sector público.
O cumprimento das medidas para combater o abuso na temporalidade no marco das opcións que describe a cláusula 5ª da Directiva 1999/70 acumula un dilatado percorrido. De feito, a propósito desta cuestión interpelouse o TXUE en máis de corenta ocasións, basicamente, para dilucidar dous aspectos:
- Primeiro, para avaliar se determinadas circunstancias poderían ser cualificadas como un abuso; e,
- segundo, para determinar se as medidas dirixidas a combatelo se poderían subsumir no concepto de «medida equivalente» da citada cláusula.
Visto desde a perspectiva do noso dereito interno, en todo este tempo non nos movemos en exceso deste binomio. E, á vista dos datos de temporalidade no sector público, semella que todo este esforzo (con lei de estabilización incluída – Lei 20/2021) non impediu que a temporalidade siga ancorada arredor do 30 %.
Á espera dun estudo profundo da sentenza, que afecta directamente ao persoal laboral das Administracións públicas e, sobre todo, dos posteriores pronunciamentos do Tribunal Supremo, unha primeira lectura permite tirar varias conclusións relevantes:
- En primeiro lugar, o TXUE reitera que lles corresponde aos órganos xudiciais nacionais apreciar e declarar, en cada caso concreto, se existiu abuso ou fraude na utilización da temporalidade. Non se trata, por tanto, dunha declaración automática nin xeral, senón dunha valoración que debe realizarse en sede xudicial atendendo as circunstancias individuais de cada persoa afectada.
- En segundo lugar, o TXUE volve poñer o foco na insuficiente transposición ao dereito interno español da Directiva 1999/70/CE e do Acordo Marco sobre traballo de duración determinada, ao considerar que as medidas existentes non garanten unha resposta real fronte ao abuso. Non abonda con medidas formais ou xenéricas: deben existir instrumentos efectivos, disuasorios e proporcionados.
- Así mesmo, o TXUE insiste en que os procesos de estabilización, aínda sendo lexítimos como vía de ordenación do emprego público, non constitúen en por si unha sanción adecuada fronte ao abuso. E non o son porque se trata de procedementos abertos, sometidos aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, nos que pode concorrer calquera aspirante, sufrise ou non abuso na temporalidade. Por iso eses procesos non reparan por si sós a situación padecida pola persoa temporal abusada.
- Do mesmo xeito, volve quedar en cuestión a insuficiencia da indemnización taxada en 20 días por ano co límite dunha anualidade, ao non incorporar un verdadeiro elemento sancionador vinculado especificamente ao abuso producido. Reitera o TXUE, así como o fixo o Comité Europeo de Dereitos Sociais interpretando a carta social europea, que o réxime indemnizatorio por despedimento en España non é suficientemente disuasorio nin reparador. Tamén se cuestiona a eficacia do réxime de responsabilidades previsto para as Administracións públicas polo seu carácter ambiguo, abstracto e pouco previsible.
Agora ben, hai que subliñar con claridade que o TXUE non impón de forma automática a fixeza como solución xeral nin afirma que esa sexa a única resposta posible. A conversión en fixo aparece na xurisprudencia europea como unha posibilidade para valorar cando non existan no ordenamento interno outras medidas adecuadas para sancionar o abuso, pero non como unha declaración directa e inmediata aplicable sen máis. Neste sentido, desde CCOO trasladamos unha proposta de reforma do despedimento á mesa do Diálogo Social que debe acabar cos sistemas de abuso da temporalidade e modificar o réxime indemnizatorio.
Por iso, desde CCOO insistimos na necesidade de actuar con rigor e sen precipitación. Haberá que esperar ao estudo pormenorizado da sentenza e, especialmente, a como a interpreten e apliquen tanto o Tribunal Supremo como os restantes órganos xudiciais. Será esa doutrina a que determine o alcance real do pronunciamento europeo dentro do marco constitucional e legal español.
CCOO mantén que a solución de fondo esixe unha reforma normativa clara, que adapte plenamente o noso sistema ás esixencias do dereito da Unión Europea, dote de seguridade xurídica as persoas afectadas e evite que a temporalidade abusiva siga resolvéndose a golpe de litixio.
Mentres tanto, seguiremos vixiantes nos procesos de estabilización en curso, defendendo os dereitos do persoal temporal e ofrecendo atención xurídica ás persoas que, de forma individual, decidan exercitar accións xudiciais en defensa dos seus intereses.
Para CCOO, a sentenza europea volve deixar unha conclusión difícil de discutir: as medidas actualmente existentes en España non se consideraron suficientes para previr nin sancionar adecuadamente o abuso da temporalidade no sector público. O que queda agora por resolver é como debe traducirse iso na práctica no noso ordenamento xurídico.

