Reunión de ANECA coas organizacións sindicais máis representativas

O decreto de acreditación do PPL está cada vez máis preto

Avánzase na avaliación da actividade do profesorado polas axencias de calidade autonómicas

Por petición de ANECA, o 9 de abril celebrouse unha reunión entre a axencia e as organizacións sindicais máis representativas (CCOO, UGT e CSIF). Nesta reunión, presidida por Pilar Paneque, presidenta da ANECA, tratáronse dous grandes bloques temáticos:

  • Avaliación da actividade do profesorado, con especial incidencia na actividade investigadora.
  • Acreditacións: profesorado permanente laboral (PPL).

Avaliación da actividade do profesorado

Na reunión abordáronse tres das dimensións da actividade académica: investigación, docencia e transferencia do coñecemento e innovación.

Investigación (sexenios)

  1. Convocatoria 2025. Ante o aumento de solicitudes, especialmente do colectivo laboral, óptase por separar os calendarios de persoal funcionario e laboral. Este último require agora de autorización previa das universidades, fronte ao modelo anterior no que a autorización era posterior. Consideran positivo este procedemento e sinalan que probablemente este modelo se manterá en novas convocatorias. Nestes momentos:
  • Estase avaliando o PDIF.
  • E en maio empezará a avaliación do PDIL, que agora está en fase de revisión administrativa.

Entenden que, dado o ritmo actual, vanse manter os prazos previstos de avaliación e resolución.

En relación cos méritos substitutivos, faise fincapé na súa non obrigatoriedade. As comisións valoran en primeiro lugar as cinco achegas obrigatorias e só en caso de necesidade (se entenden que algunha das principais non cumpre cos requisitos esixidos), se acode ás substitutivas. Ademais, os comités, se o consideraren necesario, poderán solicitar máis información á persoa solicitante. En todo caso, garántese que, se a avaliación de calquera das achegas principais for negativa, acudirase sempre á substitutiva.

  1. Validacións. Con respecto ás validacións dos sexenios recoñecidos ao PDIL que pasa a PDIF, sinálase que se realizarán canda a avaliación do PDIF, polo que estas persoas terán a súa resolución moito antes que en convocatorias anteriores, pois non terán que esperar a que se acabe de avaliar a todo o persoal para iniciar o proceso de validación. Desde CCOO insistimos, unha vez máis, na necesidade de axilizar as validacións, respectando os procesos formais da convocatoria e o pleno da CNEAI para a súa aprobación, para poder implantar un sistema de recoñecemento semiautomático e evitar a perda de dereitos profesionais e salariais do persoal afectado.
  1. O papel das axencias autonómicas de calidade na avaliación futura dos sexenios. O artigo 76 da LOSU recolle que a ANECA valorará a actividade investigadora do profesorado universitario e poderá acordar coas axencias de calidade autonómicas, mediante convenio, o desenvolvemento da avaliación dos ditos méritos individuais. Así mesmo, o conxunto das axencias de calidade acordará criterios mínimos comúns, en aplicación dos cales a ANECA recoñecerá as valoracións realizadas polas axencias de calidade autonómicas para determinar os complementos retributivos do profesorado laboral que acceda aos corpos docentes universitarios.

Isto supón un cambio de modelo no relativo ao papel das axencias autonómicas, que suscita toda unha serie de cuestións que tratamos nesta reunión:

  • Alcanzáronse os devanditos acordos con todas e cada unha das axencias de calidade autonómicas? Non. En 2025 dúas CC. AA. avaliaron o seu PDIL: Catalunya (AQU) e País Vasco (UNIBASQ), que son as únicas axencias que viñan realizando esta avaliación de maneira previa. Están avanzando nun convenio de recoñecemento con estas dúas axencias para que as súas acreditacións sexan recoñecidas por CNEAI e, así, poidan ser recoñecidas automaticamente en ACADEMIA. En todo caso, ese convenio, que responde a un modelo común para o conxunto das axencias de calidade autonómicas, aínda non se asinou.
  • Queda pendente de concretar o convenio con algunha axencia de calidade autonómica?, con cal? En realidade, non se asinaron estes convenios con ningunha axencia. A idea é que en 2026 as CC. AA. con axencias de calidade (Madrid, Aragón, Andalucía e Valencia xa anunciaron que o farán) asuman a avaliación da actividade investigadora do PDIL, xa que ANECA reterá a avaliación do PDIF. Canarias seguramente adiará esta cuestión ata 2027. Estas axencias deberán asinar no seu momento o convenio anteriormente sinalado.
  • En caso de que non se concrete o acordo ou non exista axencia autonómica, debe entenderse que ANECA manterá a avaliación do profesorado deses territorios que así o soliciten? ANECA sinala que, se algunha axencia non puider asumir esta avaliación en 2026, «veríase como resolvelo» (non sabemos se podería considerarse unha extensión da actual prórroga, que se limitaba ao ano 2025), pero a súa intención é delegar esta cuestión nas axencias autonómicas canto antes.
  • Asinaranse acordos entre ANECA e as axencias autonómicas para o recoñecemento mutuo das avaliacións? Desde CCOO expuxemos a necesidade de que as axencias autonómicas e ANECA asinen acordos de recoñecemento das súas avaliacións. Para que esa acreditación resulte efectiva e se garanta o marco estatal de acreditacións e o dereito á mobilidade e á carreira profesional do profesorado, debe entenderse que, xunto cos acordos de ANECA con cada axencia autonómica de calidade, debería asinarse un acordo marco entre ANECA e o conxunto das axencias autonómicas para o recoñecemento mutuo das acreditacións que realicen, baseándose no establecemento conxunto duns criterios comúns.

ANECA sinala que os acordos que asinará a CNEAI con cada unha das axencias autonómicas serán suficientes, ao que lle formulamos á dúbida de se os ditos recoñecementos van ser efectivos cando un profesor/a presente un sexenio recoñecido por unha axencia distinta da do territorio en que pide o recoñecemento.

ANECA indica que o recoñecemento do sexenio farao a CNEAI baseándose nos acordos individuais asinados con cada unha das axencias autonómicas e, polo tanto, ese sexenio debería poder levarse e ser recoñecido por calquera axencia autonómica distinta daquela en que se recoñeceu inicialmente. Insiste en que o sexenio recoñecido pola CNEAI debe selo igualmente por calquera axencia autonómica. Esperemos que sexa así.

Sexenio de transferencia

Non se poderá convocar ata que o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU) regule mediante real decreto (RD) a súa posta en marcha. Unha vez que se publique este RD, abordarase a definición dos criterios de avaliación e que achegas se manterán no ámbito de avaliación da actividade investigadora e cales pasan ao ámbito da transferencia e a innovación. Por parte de ANECA, estase avanzando no programa de avaliación, definindo os campos avaliables. No novo estatuto de ANECA está recollida a creación da CNEAT (similar a CNEAI en investigación), con 15 comités, para a avaliación da transferencia e a innovación.

En todo caso, e dados os requirimentos para iso, dificilmente se convocará este ano.

CCOO vén reclamando esa regulación desde a experiencia piloto do ano 2018, e non comprendemos o deixamento do MICIU en relación con este recoñecemento da actividade do profesorado e o persoal investigador das universidades públicas. Esta actividade, o mesmo que a docente e a investigadora, debe ser obxecto de avaliación vinculada ao recoñecemento de retribucións adicionais.

A avaliación da actividade docente

Ata o de agora, a avaliación da actividade docente realizábaa cada universidade para o seu profesorado. Coa redacción dada ao artigo 76 da LOSU, pode entenderse que esa avaliación pasaría a realizala a ANECA, que poderá acordar coas axencias de calidade autonómicas, mediante convenio, o desenvolvemento da avaliación deses méritos individuais. Esta consulta, expresada por CCOO co obxecto de clarificar un aspecto esencial para o profesorado universitario, foi respondida desde ANECA no sentido de negar que consideren esta posibilidade. Polo tanto, manteríanse os actuais procedementos de avaliación.

Acreditacións

Acreditación a profesorado permanente laboral (PPL)

Canto á acreditación a PPL, a Secretaría Xeral de Universidades está en fase de elaboración do real decreto que a regule e que virá substituír o programa PEP, para a acreditación PCD e profesor/a de universidade privada. Houbo que recorrer á fórmula de RD pois non foi posible consensuar os criterios mínimos para a acreditación coas CC. AA., e non se puido replicar o procedemento seguido para a avaliación da actividade investigadora.

A lóxica presentada por ANECA foi que o mesmo procedemento e criterios que se teñen para as figuras funcionariais se aplique ás figuras laborais, de forma que:

  1. A acreditación a PCD non se poderá solicitar a partir da entrada en vigor do RD de acreditación do PPL. Resolveranse todas aquelas solicitudes que fosen presentadas antes da entrada en vigor do RD, aínda que a resolución sexa posterior á dita data.
    A instancia de CCOO, aclárase que as acreditacións de PCD seguen sendo válidas para o acceso a PPL desde outras figuras de contratación ou para a conversión a PPL desde PCD. E isto con independencia da entrada en vigor da nova acreditación a PPL.
    Porén, a actual acreditación a PCD non se recoñecerá para o acceso á figura de TU.
  2. Os méritos esixidos para a acreditación a PPL axustaranse aos esixidos na LOSU e serán similares aos das figuras funcionariais comparables, en aplicación do establecido no artigo 82 da LOSU. Desta forma:
    • Cunha mesma solicitude poderase obter a acreditación a TU e a PPL.
    • Igualmente, coa única solicitude, poderase obter a acreditación a CU e a PPL comparable (CU laboral se a figura se crea normativamente no ámbito autonómico).
    • Non se emitirá unha acreditación nin a PPL nin a TU só por ter a acreditación a PCD.
  3. Desaparece a acreditación a profesor/a de universidade privada que se emite actualmente, se así se solicita, ao acreditarse a PCD.

Neste marco, o profesorado obterá dúas acreditacións (PPL e TU) cun mesmo procedemento.

En todo caso, debe terse en conta que as axencias autonómicas de calidade teñen capacidade para regular as súas propias acreditacións a PPL, con independencia da regulación estatal. Nestes momentos, tanto AQU Catalunya como AQUIB (Baleares) teñen regulada esta cuestión. Neste caso, ao non existir agora (e non se considera que sexa factible a medio prazo) acordos de recoñecemento mutuo, esas acreditacións só serían válidas se así o recoñece a universidade convocadora do proceso de provisión de prazas.

ANECA indica que xa hai criterios mínimos acordados para a acreditación a PPL (os da LOSU) pero poderían pedir outros as axencias autonómicas.

CCOO prioriza a necesidade de que estes acordos se concreten para evitar atomizar o mapa de acreditacións e lesionar os dereitos do profesorado. En todo caso, lémbrase que calquera profesor/a pode optar por solicitar a acreditación á ANECA ou á axencia autonómica de calidade da comunidade autónoma onde preste servizo e que a acreditación de ANECA debería ser recoñecida polas axencias autonómicas.

De todas formas, deberase prestar atención á redacción final do real decreto.

Prazos medios

Canto aos prazos de acreditación, a media sitúase en 5,2 meses e case todos os campos se sitúan por debaixo dos seis meses. O maior atraso localízase Física, con 7,6 meses. Dado o volume de solicitudes presentadas, non se espera que estas marxes temporais se reduzan moito máis.

Revisión dos criterios de acreditación

En 2027 téñense que revisar os criterios de acreditación. ANECA sinala que empezaron a deseñar o proceso que se seguirá para a dita revisión.

Agradecendo a ANECA a convocatoria e a súa vontade de diálogo, CCOO considera que tanto o MICIU como ANECA deben avanzar en:

  1. A modificación tanto do RD 1806/1989 de retribucións do profesorado como da Orde de 2 de decembro de 1994 pola que se establece o procedemento para a avaliación da actividade investigadora en desenvolvemento do Real decreto 1086/1989, de 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario. É indispensable redefinir o marco legal para abordar cuestións xa formuladas (pleno recoñecemento de dereitos ao PDI a tempo parcial na avaliación da súa actividade ou o proceso de validación de sexenios recoñecidos como PDIL cando se pasa a PDIF) como outras posibles cuestións (por exemplo, o período mínimo de oito meses de actividade para que se compute o ano completo natural para estes efectos).
  2. O recoñecemento mutuo entre ANECA/CNEAI e as axencias autonómicas de calidade das avaliacións tanto da actividade académica como das acreditacións que se concreten en cada ámbito. O contrario só suporá fragmentar territorialmente o dereito ao recoñecemento e a carreira profesional do profesorado universitario.
  3. A necesidade de articular estes procesos no marco da negociación colectiva, na medida en que se trata de cuestións que afectan á carreira profesional, promoción e dereitos laborais e retributivos do profesorado universitario.