CCOO rexeitou as táboas salariais de 2025 dos centros de educación especial porque os incrementos acordados son insuficientes e non garanten unha mellora salarial efectiva para parte do persoal con retribucións máis baixas.
Desde o inicio da negociación, CCOO defendeu incrementos salariais arredor do 7 %, co obxectivo de recuperar poder adquisitivo e mellorar especialmente as condicións económicas das categorías profesionais máis precarizadas.
A patronal presentou unha oferta con importes inferiores mesmo aos que UGT propuxera anteriormente. Malia iso, UGT e FSIE acabaron aceptándoa. CCOO decidiu non asinar unhas táboas que consideramos insuficientes para dar resposta ás necesidades do sector.
As categorías con salarios máis baixos, as máis prexudicadas
Un dos principais problemas das táboas aprobadas é que, en determinadas categorías, os incrementos pactados poden quedar absorbidos pola aplicación do salario mínimo interprofesional (SMI), sen traducirse nunha mellora efectiva das retribucións.
Esta situación afecta especialmente ao persoal de atención directa, como auxiliares técnicos educativos, educadores e educadoras e persoal coidador, que constitúe unha parte moi importante dos cadros de persoal dos centros de educación especial.
A seguinte comparativa amosa as diferenzas entre a proposta salarial de CCOO e os importes aceptados pola patronal, UGT e FSIE:
| IV. Persoal complementario auxiliar | Proposta CCOO | Patronais + UGT + FSIE |
| Auxiliar técnico educativo / Educador/a | 1.196,31 € | 1.146,64 € |
| Coidador/a | 1.196,31 € | 1.146,64 € |
49,67 € de diferenza entre a proposta de CCOO e as táboas asinadas en cada unha destas categorías.
Para CCOO, os incrementos acordados son insuficientes para protexer o poder adquisitivo das persoas traballadoras e avanzar cara a unhas retribucións xustas.
Seguimos reclamando melloras salariais reais
CCOO tamén presentou unha proposta para actualizar o complemento por solapamento retributivo, co obxectivo de preservar as diferenzas salariais entre categorías profesionais que poden verse reducidas como consecuencia das subas do SMI.
Na mesa negociadora, todas as partes aceptaron abordar con carácter urxente a revisión deste complemento.
A falta dunhas retribucións adecuadas non só prexudica as persoas traballadoras. Tamén dificulta a cobertura dos postos de traballo, favorece a marcha de profesionais do sector e pon en risco a calidade da atención que recibe o alumnado.
Desde CCOO seguiremos defendendo incrementos salariais reais, o recoñecemento profesional e unhas condicións laborais dignas para todo o persoal dos centros de educación especial.

