Folga xeral do 11 de novembro

Pola dignidade das persoas traballadoras: salarios, vivenda e defensa da universidade pública

Estimadas compañeiras e estimados compañeiros,

Desde CCOO queremos trasladarvos os motivos polos que apoiamos e convocamos á participación na Folga Xeral e nas manifestacións do próximo 11 de novembro. A convocatoria responde á necesidade de dar unha resposta colectiva, tamén por parte do persoal da USC, á perda de poder adquisitivo dos salarios, á crise da vivenda e ao deterioro dos servizos públicos, problemas que afectan directamente tamén á comunidade universitaria da USC. 

A nosa universidade pública non é allea á realidade social. As dificultades para acceder a unha vivenda digna, a precariedade laboral, a insuficiencia salarial e a falta de financiamento público condicionan o presente e o futuro do estudantado, do persoal investigador, do PDI e do PTXAS laboral ou funcionario. 

Reivindicamos:

  • A recuperación do poder adquisitivo dos salarios.  
  • O acceso a unha vivenda accesible e medidas contra a especulación. 
  • Máis financiamento para os servizos públicos e para a universidade pública. 
  • Emprego estable e a redución da precariedade laboral. 
  • A protección das pensións e dos dereitos sociais. 

Na universidade seguimos afrontando problemas coñecidos: perda de poder adquisitivo, temporalidade, dificultades para desenvolver a carreira profesional, sobrecarga de traballo e obstáculos para atraer e reter  e consolidar o talento profesional, investigador e docente. A defensa das nosas condicións laborais forma parte tamén da defensa dunha universidade pública de calidade, accesible e ao servizo da sociedade. 

Por todo isto, animámosvos a participar na Folga Xeral e nas mobilizacións e manifestacións do 11 de novembro. Os avances en salarios, dereitos laborais e servizos públicos só son posibles coa implicación e a mobilización colectiva. Máis info sobre a Folga xeral na universidade pública no seguinte enlace: https://ccooensino.gal/folga-xeral-do-11-de-novembro/

Nove manifestacións en Galicia

As mobilizacións desenvolveranse ao longo da mañá do 11 de novembro en nove localidades galegas. A seguir indícanse os lugares e horarios en que partirán as marchas:

  • A Coruña: ás 12.00 horas, na praza da Palloza.
  • Ferrol: ás 11.30 horas, na praza de España.
  • Santiago de Compostela: ás 13.00 horas, na Alameda.
  • Viveiro: ás 12.00 horas, diante do edificio sindical (rúa García Dóriga).
  • Lugo: ás 11.30 horas, diante do edificio sindical (rolda da Muralla).
  • Ourense: ás 10.00 horas, diante do edificio sindical (parque de San Lázaro).
  • Vilagarcía de Arousa: ás 12.30 horas, na praza de Ravella.
  • Pontevedra: ás 12.00 horas, diante da Consellería de Vivenda (rúa Alcalde Hevia).
  • Vigo: ás 11.30 horas, na Vía Norte. Esta será a manifestación principal en Galicia.