CCOO lidera a negociación para reducir xornadas e mellorar condicións dentro da Mesa Negociadora do convenio de ocio educativo

Tal e como se acordou na primeira reunión, planificáronse as datas e dividiuse a negociación por bloques de materias; nesta segunda sesión expuxéronse as propostas relativas á xornada.

CCOO, liderando a negociación, propuxo, xunto ao resto das organizacións sindicais, unha redución da xornada, que pasaría das actuais 1742 horas anuais ás 1695, coa consecuente redución da xornada semanal. Por outra banda, propúxose un descanso de vinte minutos en xornadas continuadas de máis de seis horas e que este descanso compute como xornada efectiva de traballo, mellorando así a redacción do Estatuto dos Traballadores.

Así mesmo, respecto á xornada irregular, horas extraordinarias e descanso semanal, presentáronse propostas de mellora na redacción dos artigos co obxectivo de que ofrezan máis garantías e queden mellor definidos. No caso das horas extraordinarias, é necesaria unha mellora da compensación que recolle actualmente o convenio. Tamén cómpre crear un novo artigo que recolla a posibilidade de pedir unha redución de xornada por motivos familiares.

Respecto ao rexistro de xornada, especialmente nos campamentos, presentáronse diferentes alternativas para chegar a un acordo.

Finalmente, en relación co actual complemento de dispoñibilidade, propuxemos unha suba substancial na porcentaxe establecida, chegando ao 75 % do salario diario.

Pola súa banda, a patronal emprazounos á seguinte reunión para avaliar a proposta que lles trasladamos, ao tempo que nos presentaron as súas:

  • Creación dun artigo de horas complementarias, nas que as horas pactadas coas persoas traballadoras non poderán exceder dun 60 % das horas ordinarias contratadas. No caso das voluntarias, o límite máximo sería do 30 % das horas ordinarias contratadas.
  • En xornada irregular, queren aumentar o número de horas en cómputo anual.
  • Respecto ao rexistro de xornada, pretenden manter a porcentaxe de retribución actual do complemento de dispoñibilidade, sen incrementala.

A seguinte Mesa Negociadora celebrarase o próximo 10 de maio; nela, ademais de avaliar as propostas presentadas na reunión de hoxe, abordarase, tal e como estaba acordado, o bloque de contratación.

Nun sector altamente precarizado, CCOO considera prioritario mellorar substancialmente as condicións laborais das persoas traballadoras. Salarios máis altos, xornadas menos extensas e novas medidas que permitan compaxinar a vida familiar, persoal e laboral.