O Tribunal Supremo dita sentenza firme contra a discriminación do persoal docente e investigador (PDI) temporal de Andalucía.
CCOO gaña o recurso e consegue unha sentenza firme por parte do Alto Tribunal, que se pronuncia no sentido de recoñecer con efectos administrativos e económicos os complementos por méritos docentes (quinquenios) e de investigación (sexenios).
CCOO vailles solicitar de inmediato ás universidades públicas de Andalucía que inicien os trámites para avaliar o complemento de produtividade por méritos docentes a todo o PDI temporal. O obxectivo é que se aboen os atrasos correspondentes aos quinquenios recoñecidos desde a data da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSJA, 10/11/2021), sentenza que posteriormente foi recorrida en casación ante o TS, aplicando por tanto efectos retroactivos dun ano.
CCOO solicitará igualmente ás universidades públicas de Andalucía que inicien os trámites coa ANECA para asinar o convenio correspondente para a avaliación da actividade investigadora do PDI temporal. Desta maneira tamén se poderán aboar os atrasos por sexenios.
CCOO acaba así co trato desigual entre os laborais permanentes e os laborais temporais en relación con estes complementos retributivos. Este trato desigual non obedece a razóns obxectivas de clase ningunha. O TS, ao igual que o TSJA, afirma que non é obstáculo para este recoñecemento o feito de que as consecuencias económicas desta equiparación non estean previstas no orzamento das universidades públicas de Andalucía e que manter esta discriminación é inconstitucional.