CCOO insta a un cambio inmediato nas políticas universitarias para combater a precariedade do PDI

Comisión do plan de financiamento das universidades públicas españolas. Artigo 55.2 da Lei orgánica 2/2023, de 22 de marzo, do Sistema Universitario (Grupo de traballo LOSU)

O xoves 15 de febreiro, tivo lugar a segunda reunión do grupo de traballo para o desenvolvemento da Lei oránica do Sistema Universitario (LOSU), presidido polo secretario xeral de Universidades e con representación de Comunidades Autónomas (CCAA), Conferencia de Rectores das Universidades españolas (CRUE) e as organizacións sindicais máis representativas.

Nesta reunión valorouse unha serie de propostas de actuación co obxectivo, en palabras da representación ministerial, de loitar contra a precariedade e a temporalidade do PDI das universidades públicas españolas, ao entender que só o 15 % das ditas universidades cumpren co requisito dunha temporalidade inferior ao 8 % nos termos esixidos pola propia LOSU. En todo caso, as partes acordamos que o debate da aplicación da LOSU non se pode limitar unicamente a esta cuestión, pois quedan pendentes moitas outras que deberán abordarse en futuras reunións (dedicación, financiamento, PTXAS, etc.)

Nesta reunión tomouse en consideración o documento presentado polo Ministerio denominado «Propuesta de acciones para facilitar la operatividad de las universidades públicas para implementar la LOSU en el ámbito del PDI». Para iso formuláronse dúas propostas:

  • O denominado «Programa Integra», cuxo obxectivo fundamental é a incorporación de 4200 novos profesores/as axudantes doutores/as, ao entender o Ministerio que esta figura facilita o rexuvenecemento e a consolidación dos cadros de persoal universitarios. Respecto a este programa:
    • As prazas iríanse ofertando entre o curso 2024/2025 e o 2027/2028.
    • O Ministerio propuxo asumir o financiamento dun terzo das prazas (1364 no curso 2024/2025), mentres que as CCAA asumirían os dous terzos restantes nos seguintes cursos. Realmente, o único garantido sería a aplicación do primeiro ano (1364 prazas); o resto de prazas do segundo e terceiro curso estarían condicionados ao acordo e vontade das CCAA, sen ser, nestes momentos, de obrigado cumprimento.
    • A delimitación das prazas de profesorado axudante doutor por CCAA acordarase entre o Ministerio e as CCAA; logo, cada comunidade autónoma definirá, xuntamente coas universidades da súa responsabilidade, a distribución das prazas e o seu despregamento temporal.
    • O deste programa estaría incluído dentro do obxectivo de alcanzar, polo menos, o 1 % do PIB nos orzamentos universitarios.
    • A concreción das prazas e a temporalidade na súa convocatoria poderán adaptarse ás necesidades das universidades.

Este capítulo, ante as discrepancias das CCAA, que reclaman que a corresponsabilidade no financiamento se sitúe no 50 % das prazas que han financiar cada parte, quedou adiado ata unha próxima reunión que se manterá antes de que remate o mes de febreiro.

  • A modificación da LOSU mediante unha disposición adicional para incorporar, en principio, á Lei de Ensinanzas Artísticas Superiores (en trámite de presentación de emendas neste momento), que consistirá en:
    • Ampliar de 2 a 3 anos o prazo para a adaptación dos estatutos das universidades.
    • Establecer como período máximo de posta en marcha das medidas recollidas nas disposicións transitorias sétima (proceso de estabilización de prazas de profesoras e profesores asociadas/os das universidades públicas) e décimo segunda (adaptación do réxime de dedicación do persoal docente e investigador permanente) ao final do curso académico 2027-2028 (enténdese xuño de 2028). Isto supón que:
      • Os procesos de estabilización, inicialmente previstos para o 31 de decembro de 2024, poderían demorar, se así o considera a universidade convocadora, ata xuño de 2028.Isto pode supor unha ampliación da duración dos actuais contratos 6+6 e 5+5 de profesorado asociado en función do novo calendario de aplicación.
      • Por outro lado, a aplicación das dedicacións máximas para o PDI a tempo completo recollidas na LOSU (240 horas, agás a figura de axudante doutor LOSU que tería 180) atrasaríase do inicio do curso 2024/2025 ao inicio do curso 2028/2029.
    • As universidades públicas establecerán, a través dos seus respectivos órganos de goberno, o marco temporal específico das actuacións que resulten precisas para garantir a adecuada posta en marcha en cada universidade do disposto no apartado anterior. Cada proposta temporal deberá ser comunicada para a súa conformidade e seguimento á comunidade autónoma correspondente, así como ao Ministerio con competencia en materia universitaria.
    • As universidades poderán modificar, coa decisión dos seus respectivos órganos de goberno e de negociación, os acordos que en materia laboral alcanzaran respecto dos prazos sinalados para os procesos que fan referencia ás disposicións transitorias sétima e décimo segunda da LOSU, coa finalidade de adecualos aos novos prazos.

E, sen figurar na orde do día, as CCAA expuxeron a cuestión da compatibilidade do profesorado substituto con outros contratos de traballo, públicos ou privados.

Como xa sinalamos no anterior comunicado, CCOO celebra que a nova lei poña encol da mesa un dos máis graves problemas da universidade pública española: a precariedade do seu profesorado. Porén, manifestamos a nosa desconfianza ante as medidas propostas xa que:

  • Non se cuantifica o importe do programa INTEGRA e os seus efectos reais sobre os orzamentos universitarios. Non estamos falando simplemente de «crear» 4200 prazas de axudantes doutores. Este profesorado, xunto co que xa presta servizo con carácter temporal nas universidades públicas, ten dereito á estabilización e á carreira profesional. E isto supón un efecto directo nos orzamentos das universidades de forma permanente. Neste sentido, reclamamos que se estableza de xeito claro que o financiamento deste programa non suporá unha minoración dos orzamentos reais das universidades públicas.
  • Non se debe utilizar para transformar actuais prazas de profesorado asociado en prazas de axudante doutor. A estabilización dese profesorado asociado xa se inclúe na LOSU e non garantir que se trate de prazas novas «reais» baleirará de contido o obxectivo do programa.
  • Entendemos que as solucións deben afectar o conxunto de figuras precarias. Neste sentido, solicitamos, sen éxito, que a prolongación no tempo para a estabilización do profesorado temporal se estendese a figuras como o profesorado visitante, cumprindo sempre os requisitos establecidos na normativa de aplicación.
  • As propostas de acción céntranse nas supostas necesidades das universidades, esquecendo os dereitos e realidades do profesorado afectado, que verá variar o seu dereito á estabilización e á dignificación das súas condicións de traballo, non tomando como base o articulado da lei, senón en función do criterio que en cada caso aplique cada universidade ao se ampliar de forma desproporcionada os prazos de aplicación.

E CCOO opúxose frontalmente:

  1. Á modificación da Disposición transitoria 12ª, ao entender que non só non existe conexión co obxectivo de loitar contra a precariedade dos postos de traballo, senón que afonda nela e vai xerar maiores desigualdades ao permitir prolongar de forma inxustificada dedicacións superiores ás 240 horas para o profesorado a tempo completo e perpetuar a dobre escala de dedicación para o profesorado axudante doutor en función de se o contrato se asinou antes da entrada en vigor da LOSU (240 horas) ou despois (180 horas).
  2. A que nin sequera se considere a posibilidade de modificar acordos que xurdisen no ámbito da negociación colectiva no marco doutros ámbitos universitarios de decisión. Neste sentido, logramos que se inclúa que a modificación dos acordos de aplicación e desenvolvemento da LOSU que se alcanzaran requira o acordo dos ámbitos onde eses acordos se firmaran.

Cómpre un cambio nas políticas e xestión universitarias que garanta unhas condicións de traballo estables e dignas para os seus traballadores e traballadoras, elemento necesario para a prestación dun servizo público universitario de calidade. Por todo iso, CCOO fai un chamamento á responsabilidade de todos os actores con capacidade de decisión, para afrontar de vez a situación real das universidades. Os traballadores e traballadoras non poden esperar máis e necesitan ver accións reais de cambio de rumbo.