Función Pública non cumpre cos seus empregados e empregadas: os atrasos na xubilación parcial afectan gravemente as persoas traballadoras
O Real decreto 11/2024, de 23 de decembro, representa un avance significativo na regulación da xubilación parcial, ao establecer melloras substanciais tanto para as traballadoras e os traballadores que optan por esta modalidade como para quen os substitúen, que se coñecen como remudistas. Esta lexislación, cuxa entrada en vigor está prevista para o 1 de abril de 2025, busca modernizar e flexibilizar o acceso á xubilación parcial, adaptándoa ás novas realidades do mercado laboral e ás necesidades dos traballadores e traballadoras de maior idade.
A implementación do contrato de remuda no sector público, dada a súa natureza de contrato fixo destinado a substituír persoas traballadoras que acceden á xubilación parcial, presenta a necesidade de garantir o cumprimento dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade nos procesos de selección.
Desde decembro de 2024, a CCOO insiste ante o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública na necesidade de desenvolver e modificar algúns artigos necesarios do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) e da lei da seguridade social para garantir o dereito á xubilación parcial nas administracións e o sector público.
A recente decisión do ministerio de non aplicar os cambios lexislativos necesarios para garantir o dereito á xubilación parcial do persoal laboral a partir do 1 de abril está a xerar un amplo descontento. Este estancamento lexislativo preséntase como unha clara falta de vontade política. É indispensable que tanto Función Pública como as Administracións autonómicas e as empresas do sector público utilicen a taxa adicional de xubilación.
CCOO subliña a importancia de abordar esta situación de xeito estrutural, mediante a posta en marcha de previsións adecuadas e permanentes nas ofertas de emprego público (OEP) por parte das Administracións públicas. Esta medida resulta crucial para garantir a sostibilidade do sistema e a adecuada cobertura dos postos de traballo a medida que se produce a remuda xeracional.
Unha vez chegada a data de aplicación do Real decreto lei 11/2024, Función Pública non cumpre coas modificacións demandadas e solicitadas desde a aprobación desta norma. Desde CCOO seguimos esixíndolles ás Administracións públicas a adopción das seguintes medidas para garantir a correcta execución da xubilación parcial:
- Que as Administracións públicas inclúan de forma habitual e permanente as previsións necesarias nas OEP para cubrir as vacantes xeradas e a disposición orzamentaria correspondente para cumprir coa xubilación parcial.
- Que se emita unha normativa que estableza medidas complementarias para o período transitorio, ata que as medidas estruturais sexan plenamente funcionais, consistentes na contratación temporal de persoal ata a cobertura definitiva.
- Que se realicen as modificacións necesarias no EBEP e na lei da seguridade social para permitir a xubilación parcial do persoal funcionario e estatutario.
- Que o Ministerio de Función Pública asuma a responsabilidade de adoptar as decisións necesarias para facer efectivas estas medidas, incluíndo a responsabilidade dos xestores e xestoras en caso de demoras na súa execución.
A adopción destas medidas é fundamental para garantir a equidade e a sostibilidade do sistema de xubilación parcial no ámbito público.

