Toda a información da comisión de persoal do 27 de marzo de 2025

O pasado xoves, 27 de marzo de 2025, tivo lugar a xuntanza ordinaria da Comisión de persoal na que se tratou o seguinte punto:

Proposta de modificación da relación de postos de traballo da Consellería de Política Social e Igualdade e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

O voto de CCOO foi EN CONTRA da modificación da RPT polos seguintes motivos:

Non se teñen en conta ningunha das alegacións presentadas por CCOO en relación a necesidade dunha revisión máis ampla da RPT na que se teñan en conta cuestións comprometidas pola Administración dende hai anos como:

  • Revisións de niveis de postos.
  • Revisión polo miúdo das prazas de xefaturas de servizo e de seccións e apertura, se fose necesario, a determinadas escalas polas funcións que se desempeñan, como por exemplo a apertura a escala de psicólogos/as.
  • Incremento de persoal nos centros de atención directa aos usuarios.
  • Incremento de persoal para que non quede solo unha persoa de noite no centro.
  • Incremento de oficiais de cociña nos centros nos que non hai suficientes para cubrir todas as quendas.
  • Estudo das necesidades de postos en escolas infantís.

Entre outras que xa citamos nas mesas de negociación previas.

Rolda aberta de Intervencións

Teletraballo

CCOO preguntou á Directora xeral de Emprego Público e Administración de persoal se se deu algún tipo de instrución ás Consellerías dende a Dirección Xeral no sentido de non permitir o exercicio do teletraballo os luns e os venres. A directora negou a existencia de dita instrución e anunciou a próxima convocatoria da comisión de seguimento do teletraballo.

Pago de trienios ao persoal laboral que adquira a condición de persoal funcionario

Como xa anunciamos desde CCOO, o procedemento iniciarase coa petición do interesado/a mediante unha solicitude xenérica no modelo PR004. Non se pagarán de oficio.