Información sobre o convenio colectivo do PDIL

Recentemente, publicouse a actualización do II Convenio colectivo de PDIL á LOSU e á normativa en materia de conciliación, igualdade e non discriminación. Tamén, un acordo de xubilación que, actualizado consonte a normativa actual, recupera o artigo 42 do convenio que fora derrogado pola reforma laboral de 2012.

O texto consolidado pódelo atopar en:
II Convenio colectivo do PDI L das universidades públicas de Galicia – Texto consolidado (febreiro 2025)

Este acordo parécenos de grande importancia porque inclúe no convenio as figuras da LOSU. Logo dun traballo rigoroso do noso sindicato, as melloras ao texto das universidades foron propostas, case exclusivamente, por CCOO.

A negociación do II convenio colectivo acabou en 2009, pero as universidades tivérono parado ata 2011, cando se asinou. Xa se nos viñeran enriba os recortes e foi un encaixe de palillos publicar as táboas salariais de antes do Real decreto lei 8/2010. Logo só viñeron recortes e máis recortes…

CCOO salvou in extremis o convenio colectivo, que decaería pola Lei 3/2012 de non se promover o acordo de renovación (o resto de sindicatos non fixeron nada) antes da data límite que marcaba esta lei.

Unha vez acabados os recortes, esperamos pola nova lei de universidades e polo estatuto do PDI. Pero este non chega. Aínda así, iniciamos a negociación do III convenio colectivo do PDIL. Hai que elevar as retribucións do persoal precario.

A constitución da mesa negociadora asinouse o 21 de febreiro de 2025. Formamos parte dela as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e mais as organizacións sindicais CCOO, CIG, CSIF e UGT.

Nestes momentos estamos na discusión sobre o ámbito do convenio, en concreto sobre o persoal de proxectos e convenios. É un tema complexo, xa que temos situacións moi distintas de partida nas tres universidades.

  • Na UDC, o persoal das categorías A1 e A2 do acordo de clasificación están, por unha sentenza de TSXG, no convenio colectivo do PDIL. Trátase de categorías que o TSXG entende que teñen perfecto encaixe nas categorías do convenio de persoal investigador e investigador en formación de programas. O resto do persoal de proxectos e convenios non está incluído nun convenio colectivo. Só CCOO defendeu que votaran co PDIL nas eleccións sindicais de 2023. Xa tivemos na UDC un comité de empresa propio que non funcionou, dada a precariedade do sector.
  • Na USC, o persoal de proxectos e convenios está incluído supletoriamente no convenio colectivo do PASL e ten a súa representación (votaron) nos comités de PTXASL. Asináronse acordos para o persoal de proxectos, polos que os salarios van equivaler en cinco anos aos do PTXASL da mesma categoría. É máis, de momento estabilizaron 116 persoas tras un concurso mediante a Lei 20/21 e seguirá habendo concursos para estabilizar a quen alcance a antigüidade necesaria. Ademais, están negociando a carreira profesional.
  • Na UVIGO hai unha mínima regulación deste colectivo tras unha normativa de 2024, pero non participaron nunca de procesos electorais.

Agora mesmo, o problema que se nos presenta é que as universidades non se poñen de acordo sobre o ámbito do convenio. É máis, a Universidade de Vigo, despois de asinar xa a constitución da comisión negociadora de ámbito autonómico, ameaza con negociar un convenio de seu por non estar de acordo coas outras dúas universidades.

É un problema non menor, porque os tempos das universidades están moitas veces marcados polas eleccións aos reitorados. Agora empezamos o ciclo en Santiago e Vigo. E isto pode supoñer a paralización da negociación.