CCOO esixe máis recursos para a detección temperá do alumnado con TEA

No Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, o sindicato considera que se deben incrementar o investimento e o persoal especializado dende as etapas máis temperás para garantir uns dereitos aínda moi vulnerables, especialmente no caso das mulleres e das nenas.

A inclusión do alumnado con TEA (trastornos do espectro do autismo) segue a ser unha tarefa pendente nos centros educativos, xa que os recursos humanos para atender axeitadamente o incremento deste alumnado (que se cuadriplicou en 10 anos) seguen a ser insuficientes.

Segundo unha enquisa realizada por Autismo España en 2021, tres de cada catro profesionais da educación que participaron aseguraban ter recibido formación sobre o TEA, pero a maioría (un 75 %) recoñeceu ter pagado cos seus propios cartos os custes desa formación.

Resulta fundamental entender que as persoas con TEA teñen os mesmos dereitos ca calquera outra persoa (ao acceso ao emprego, á vida independente, á inclusión e á non discriminación, a unha educación de calidade, entre moitos outros), segundo a normativa vixente e os tratados internacionais asinados por España, o que nos obriga a garantir o exercicio efectivo destes dereitos e a promover a inclusión plena destas persoas na sociedade.

Mulleres e nenas con TEA:

As mulleres con TEA requiren unha mención especial, xa que moitas veces o trastorno maniféstase de xeito diferente ca nos homes, o que leva a que estean infradiagnosticadas ou reciban un diagnóstico tardío. Segundo a Confederación Autismo España, “a infrarrepresentación das nenas e mulleres autistas na investigación provocou que a maior parte do coñecemento dispoñible sobre o autismo recolla as características e perspectivas dos nenos e homes que o manifestan”.

Isto fai que se enfronten a unha dobre vulnerabilidade, a diagnósticos imprecisos, tardíos ou erróneos, e a que as súas necesidades non sexan tidas en conta no deseño de políticas públicas, por citar só algúns dos obstáculos que afrontan.

As mulleres con autismo poden amosar mellores habilidades de comunicación superficial e teñen tendencia a agochar ou disimular os seus trazos autistas para encaixar socialmente, interiorizando máis as súas dificultades, o que incrementa considerablemente a presenza de comorbilidades como ansiedade, depresión, trastornos da conduta alimentaria, maior hipersensibilidade sensorial, etc.

Así, resulta crucial fomentar unha maior concienciación e ofrecer unha formación axeitada ás e aos profesionais para identificar as presentacións atípicas do autismo nas mulleres e garantir así un acceso temperán ao apoio necesario.

Cómpre destacar a escaseza de datos precisos e de calidade sobre a traxectoria educativa do alumnado con TEA, como a taxa de abandono ao rematar a Secundaria e a súa presenza na educación postobrigatoria e universitaria. A isto hai que engadir a falta de indicadores sanitarios e de emprego, entre outros, e as grandes diferenzas existentes entre os parámetros recollidos polas distintas comunidades autónomas.

Por todo isto, desde a Federación de Ensino de CCOO esiximos un incremento dos recursos materiais e, sobre todo, de persoal especializado dende as etapas máis temperás e durante toda a educación obrigatoria e postobrigatoria, xa que o diagnóstico precoz e o seguimento sostido son vitais para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA.