O sindicato insta o Goberno a evitar ser demasiado cautos na aplicación das medidas e restricións e a establecer un mecanismo claro e sistemático de control para evitar o estrangulamento das universidades públicas.
Sobre o anuncio da modificación do RD 640/2021 de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e a acreditación institucional destes centros, CCOO avalía positivamente que o Goberno se decida a abordar unha problemática alarmante.
Xa en 2021 víase a proliferación de universidades privadas potenciada por un moi laxo RD 420/2015 do PP e a falta de financiamento das universidades públicas por parte dalgunhas comunidades autónomas. Porén, durante a tramitación do RD 640/2021, CCOO sinalou que ese real decreto non terminaba de atallar o problema do aumento indiscriminado de centros de titularidade privada.
Por tanto, valoramos que agora se estude recoller algunhas das propostas que o noso sindicato fixo en 2021. Xa daquela nos parecía lóxico, por exemplo, que o informe da Conferencia Xeral de Política Universitaria fose vinculante para a creación dun novo centro universitario. Parece que haberá agora un informe de ANECA sobre a súa viabilidade e calidade que si será vinculante. Coidamos que ambos os informes deberían selo.
Tamén nos parece positivo que se regule un mínimo de estudantado (4500) para poder crear unha universidade, á par da creación de aloxamento universitario accesible (10 %), asegurar a solvencia económica e a experiencia en xestión universitaria dos seus promotores, aumentar os requisitos en investigación ou que os centros en liña, dado o seu ámbito nacional, teñan que ser aprobados polas Cortes Xerais.
No entanto, e a falta de dispor dun borrador con todas as modificacións propostas, consideramos que o Goberno non debe pecar, outra vez, de demasiado cauto. Para velar pola calidade do Sistema Universitario Español cómpre establecer un mecanismo claro e sistemático de control doutros parámetros non mencionados no recente anuncio do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, encabezado por Diana Morant.
CCOO reclama:
- Que se vixíe e aseguren os recursos humanos e as infraestruturas suficientes que posibiliten unha formación práctica e de calidade do alumnado.
- Que se vele polas condicións laborais do persoal das universidades privadas, factor fundamental da calidade da docencia universitaria.
- Que se vixíen e limiten as ratios profesorado/estudantes.
- Que haxa unha parte de financiamento finalista para universidades públicas nos orzamentos que impida o estrangulamento ao que algunhas comunidades autónomas están a sometelas, o cal se traduce en deterioración do servizo público de educación superior e competencia desleal das privadas.
