A mala información pode crear conflitos artificiais que xeren danos a terceiros consciente ou inconscientemente, por iso cando informamos sobre a situación actual na negociación do III Convenio Colectivo do PDI Laboral debemos ser rigorosos pola importancia do tema en cuestión.
O PDI Laboral debe ser consciente que actualmente está en vigor o II Convenio Colectivo do PDI Laboral do SUG recentemente actualizado para axustalo ás novas figuras contractuais da LOSU. Lembremos que é un convenio que leva vixente mais de 12 anos.
Recentemente iniciouse a primeira fase da negociación do III Convenio Colectivo do PDI Laboral. O primeiro que se quere abordar é o ámbito de aplicación é dicir, tomar a decisión de que persoal vai estar incluído neste convenio. As universidades do SUG non foron quen de acordar unha proposta para achegar aos sindicatos respecto o ámbito de aplicación do III convenio colectivo do PDI laboral. CCOO pensa que primeiro debemos ter esa proposta para analizala e facer a contraproposta. Iso é a base da negociación e ese é o rol dun sindicato. CCOO non vai asumir o papel de patronal para facerlle o traballo as unhas Universidades que levan anos sen facer os seus deberes.
Tamén cremos que si deberíamos polo menos, darlle unha volta ao tema das funcións docentes no apartado do ámbito, aínda que só sexa por coherencia, porque discutir o ámbito do convenio colectivo do Persoal Docente Investigador e afirmar que a decisión de inclusión no ámbito debe ser independente de que sexa docente ou non, parece pouco razoable.
Tamén debemos ser conscientes que “engordar” un ámbito incluíndo a “todo o persoal investigador” sen desenvolver as súas funcións, retribucións, horarios, permisos e licenzas, ou carreira profesional, non ten sentido. Utilizar un Convenio Colectivo como caixón de xastre para que as Universidades poidan vender unha imaxe de centros de investigación de excelencia á sociedade é unha inconsciencia e traslada unha imaxe de sindicatos incapaces de negociar acordos favorables para as diferentes categorías do persoal.
E para rematar, tratar de implantar no SUG un modelo de Convenio Colectivo que axude a tapar as miserias das Universidades non é unha aposta intelixente. Usar como base dun futuro Convenio Colectivo unha sentenza do TSXG que só afecta a unha das 3 universidades do SUG, emitida para resolver o desamparo dun determinado colectivo nesa universidade, non semella o máis adecuado. Poñer en risco acordos alcanzados noutras universidades polos representantes electos e lexítimos deste colectivo é unha temeridade e unha falta de respecto.
Dende CCOO desexamos que as Universidades fagan o seu traballo e presenten unha proposta conxunta sobre o ámbito de aplicación do III convenio colectivo do PDI laboral, e logo será tempo de falar entre sindicatos, presentar contraproposta e negociar. Se os sindicatos comezamos facendo de patronal, mal imos.
Sección sindical de CC.OO, o poder de cambiar as cousas.
