CCOO Ensino e Anpas Galegas compartimos diagnóstico e preocupacións sobre o sistema educativo galego

No día de onte mantivemos unha reunión de traballo con Anpas Galegas. A xuntanza permitiu constatar que compartimos unha análise moi similar sobre as necesidades actuais do sistema educativo galego e sobre as inquedanzas que trasladan tanto o profesorado como as familias.

Desde CCOO Ensino consideramos positivo abrir e consolidar espazos de diálogo coas organizacións representativas das familias, porque a mellora do ensino público require unha visión compartida e unha acción coordinada desde os distintos ámbitos da comunidade educativa.

Atención á diversidade e dotación de persoal

Un dos eixos centrais da reunión foi a situación da atención á diversidade. Detectamos preocupacións comúns sobre:

  • Centros con porcentaxes moi elevadas de alumnado con NEAE e NEE.
  • Necesidade de reforzar os equipos de orientación.
  • Incorporación de máis profesionais: PT, AL, persoal de apoio, enfermaría escolar, traballo social e perfil psicopedagóxico.
  • Funcións das coidadoras que, en ocasións, están asumindo tarefas que non lles corresponden.

Desde CCOO Ensino lembramos que o Acordo sobre medidas de mellora xa recolle avances importantes neste ámbito: redución progresiva de ratios, aplicación das ratios do Acordo de agrupamentos de 2009 e o cómputo dobre ou triplo do alumnado con discapacidade, grao de dependencia ou trastorno grave da conduta.

Tamén trasladamos con claridade que o profesorado de PT e AL ten pleno dereito a ocupar cargos directivos ou asumir outras coordinacións. O problema non reside niso, senón na necesidade de garantir unha dotación suficiente de persoal que cubra as horas dedicadas a esas funcións e asegure unha atención adecuada ao alumnado en base ás súas necesidades reais.

Escola rural e equilibrio territorial

Outro bloque relevante foi o impacto da baixada de natalidade no rural, a concentración de alumnado en aulas multinivel e a necesidade dun plan específico de apoio aos colexios rurais.

Compartimos a preocupación polo risco de deterioro progresivo destes centros e pola necesidade de políticas activas que garantan igualdade de oportunidades en todo o territorio. 

Ligado a isto, abordouse a falta de acceso a servizos como escolas de idiomas, escolas deportivas, etc. fóra das cidades e vilas máis grandes, a problemática do transporte escolar nas etapas postobrigatorias para poder ir e vir aos centros eductativos, que está condicionando a continuidade do alumnado no sistema, especialmente nas zonas rurais.

Servizos complementarios e igualdade

Falouse tamén da situación dos comedores escolares e da defensa dun modelo que garanta calidade e igualdade. Entendemos que é preciso avanzar cara a fórmulas que aseguren unha prestación educativa e social adecuada e iso pasa porque todos os comedores sexan de xestión directa.

A cuestión da gratuidade real dos libros e do material escolar segue a ser unha demanda recorrente, que compartimos como obxectivo de equidade.

No ámbito da dixitalización, tratouse tamén a situación de Edixgal, sinalando a importancia de garantir mantemento dos equipos, formación do profesorado e acompañamento ás familias para que calquera ferramenta cumpra realmente a súa función pedagóxica.

Estado e mantemento das infraestruturas educativas

Así mesmo, abordáronse as graves incidencias no estado de mantemento dalgúns centros educativos, con problemas estruturais, deficiencias en cubertas, humidades ou instalacións obsoletas que afectan directamente ás condicións de ensino e aprendizaxe. Especial preocupación suscita tamén a reiterada problemática do exceso de frío no inverno e de calor nos meses finais de curso, situación que repercute tanto no persoal educativo como no alumnado e que require unha planificación seria en materia de eficiencia enerxética, climatización e conservación das infraestruturas escolares.

Ratios e cumprimento dos acordos

Outro punto abordado foi o cumprimento efectivo das ratios e das medidas recollidas na normativa e no acordo asinado, cuestión sobre a que CCOO Ensino, e o resto de organizacións asinantes, temos conseguido a corrección de numerosas incidencias na comisión de seguimento do acordo.
Con todo, existe unha discrepancia clara de interpretación do Acordo sobre medidas de mellora entre a Administración e as organizacións sindicais, que deberá resolverse por medio da demanda contencioso-administrativa que temos interposta.
Porén, esta cuestión non é suficiente para renunciar a todo o xa logrado nin os avances que quedan por desenvolver.

Negociación e mobilización: obxectivos comúns, tempos distintos

Anpas Galegas trasladou a súa intención de promover mobilizacións en defensa do ensino público. Desde CCOO Ensino apoiamos todas aquelas iniciativas que vaian orientadas a conseguir unha mellora da atención á diversidade, as condicións das persoas traballadoras, reducir ratios e, en definitiva, reforzar o sistema educativo.

Agora ben, como organización sindical asinante dun acordo, entendemos que nos atopamos en tempos distintos e que non se deben mesturar negociación e mobilización. O noso compromiso é esgotar as vías de diálogo abertas coa Consellería de Educación e traballar nos órganos de representación das persoas traballadoras para lograr avances reais e consolidados.

Se a vía negociadora encallase ou se esgotase, estaremos nas rúas con toda a contundencia necesaria. Mentres tanto, seguiremos facendo o que vimos facendo ano tras ano: transformar as reivindicacións en acordos efectivos que deriven en melloras reais das condicións do profesorado, do alumnado e das súas familias.


Desde CCOO Ensino queremos destacar que é a Xunta a que executa determinadas políticas e que o papel das organizacións sindicais, coa negociación, a vía xudicial e a mobilización, consiste en influír, corrixir e mellorar esas decisións do poder executivo.

Para lograr eses obxectivos, a nosa forza depende tanto da afiliación que temos como da representatividade obtida nas eleccións sindicais, polo que cada día é máis evidente que a mellora do sistema educativo non depende do ruído, e do “non a todo”, senón do traballo constante, rigoroso e eficaz.