Desde a Federación de Ensino de CCOO queremos facer pública a nosa profunda indignación pola falta de resposta e o persistente silencio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ante a nosa solicitude formal de reunión. Esta petición, rexistrada hai semanas, tiña como obxectivo abordar a grave e deteriorada situación que se vive nos centros dependentes desta Consellería, que sistematicamente se vén eximindo de responsabilidades privatizando servizos sociais.
CCOO Ensino consideramos que a ausencia de resposta por parte da Consellería é unha mostra de desprezo absoluto ao diálogo social e á labor de representación dos traballadores e traballadoras que prestan servizo nestes centros. O silencio da Xunta non só obstaculiza a busca de solucións, senón que agrava o sentimento de abandono que padece o persoal.
Esta actitude non só afecta aos dereitos laborais, senón que repercute directamente na calidade da atención e nos dereitos das persoas usuarias máis vulnerables: os nenos, nenas e adolescentes en situación de risco e as persoas con discapacidade.
Os motivos da nosa urxente solicitude de reunión son evidentes e foron reiteradamente postos en coñecemento da Administración:
A situación nos centros de protección de menores é insostible. Denunciamos a sobrecarga de traballo do persoal educativo e de coidado, a escaseza de medios materiais e, especialmente, a insuficiencia de cadros de persoal. Isto dificulta ofrecer unha atención individualizada e de calidade, comprometendo o dereito dos e das menores a un desenvolvemento axeitado. Urxe revisar a ratio de profesionais por menor e garantir o cumprimento de todas as condicións de seguridade e benestar. Falamos de vidas, de seres humanos, de traballadores e traballadoras que a diario están expostos a situacións de violencia: agresións verbais e físicas que poden derivar mesmo en traxedias evitables como a acontecida hai meses nun centro de Badaxoz ou hai semanas nun centro de Huelva.
Nos centros de atención a persoas con discapacidade, a situación non é menos preocupante. A alta temporalidade, a falta de cobertura de baixas e xubilacións e o envellecemento dos cadros de persoal están a reducir a capacidade de resposta dos centros. É imprescindible mellorar as condicións laborais e profesionais para reverter a precarización e asegurar que as persoas con discapacidade reciban os coidados e apoios que legalmente lles corresponden.
Desde CCOO Ensino facemos un chamamento á responsabilidade da Xunta de Galicia para que priorice as políticas sociais e garanta condicións de traballo dignas que se traduzan nunha atención de calidade aos colectivos máis vulnerables da sociedade galega.



