Traballadoras e traballadores da Educación formamos parte dos máis de tres millóns de empregadas e empregados públicos co salario conxelado, os únicos deste país nesta situación.
A tres meses de rematar 2025, o Goberno continúa negándose a negociar un novo marco de incrementos retributivos para este ano e os próximos, amais doutras materias de especial relevancia.
E ante o atropelo, que facer?
CCOO non calou, nin cala, ni calará ante este atropelo. Imos seguir mobilizándonos ata conseguirmos a negociación dun novo acordo na función pública que garanta o poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos, e que poña as bases necesarias para acometer os plans de emprego público imprescindibles para:
- asumir o compromiso de mellora dos servizos públicos,
- acabar coa eiva da temporalidade,
- dar estabilidade aos cadros de persoal, e
- evitar calquera iniciativa encamiñada á súa privatización.
Un acordo ao que esperamos que se sume CSIF, que non asinou en 2022 pero que, á vista da importancia deste, uniuse a pedir que se cumpra en todos os seus termos.
Daquela, haberá mobilizacións?
Fronte a esta agresión, haberá unha resposta contundente. Se o Ministerio non nos convoca á mesa de negociación para falar do noso salario e de construír uns servizos públicos de futuro e acordes ás esixencias da sociedade, haberá novas mobilizacións. Disto que non lle quede dúbida ningunha ao ministro Óscar López!
CCOO non deixou de apremar desde principios deste ano para que o ministro abra decontado a negociación dun novo acordo marco que garanta o poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos para 2025 e os seguintes exercicios. E fixémolo a través da presión institucional, da presión nos medios e, xaora, na rúa, con concentracións masivas en Madrid, en abril e xullo.
Agora toca seguir aumentando a presión. Nesta liña, temos convocadas xa mobilizacións en outubro e novembro; e se non hai resposta, non desbotamos a convocatoria dunha FOLGA XERAL de empregadas e empregados públicos en decembro.
En Galicia, a actuación será similar no caso de non ter avances significativos nas negociacións en vigor polo desenvolvemento de todos os puntos pactados no “Acordo sobre medidas de mellora”.
E a mobilización dará resultado? Non nos cabe a menor dúbida!
Así o demostra a conquista do anterior acordo, asinado só por CCOO e UGT fronte á actuación do outro sindicato na Mesa Xeral, CSIF, que se desmarcou cunha mensaxe de total confrontación coas medidas políticas do Goberno, máis que coas condicións laborais de empregadas e empregados públicos.
Para lograr o asinamento do acordo, CCOO convocou mobilizacións en solitario en todo o Estado, con grande asistencia e repercusión nos medios de comunicación.
Entre elas, a do 11 de novembro de 2021 e a do 14 de xullo de 2022, amais da presión institucional e nos medios.
Estas deron pé a unha negociación e aos froitos dun acordo que nos fixo gañar poder adquisitivo e, sobre todo, limitar as perdas nun marco de incertezas políticas e económicas.

