CCOO volvemos esixir máis recursos para atender o alumnado en situación de vulnerabilidade social

Desde CCOO Ensino queremos recordar o informe que presentamos recentemente, no que se analizan as necesidades do sistema educativo atendendo ao seu incremento nos últimos anos, especialmente as necesidades educativas asociadas aos factores de vulnerabilidade social que teñen os e as menores.

Segundo o INE, 691 579 persoas menores escolarizadas en España sofren carencia material e social grave. Os criterios para esas estatísticas do INE, aplicadas a idade escolar, inclúen non poder permitirse unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días; non poder permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada, non ter capacidade para afrontar gastos imprevistos; non poder asumir, en ocasións, os gastos comúns relacionados coa vivenda; non poder substituír roupa estragada, non ter dous pares de zapatos en boas condicións, non poder participar en actividades de ocio e non poder permitirse conexión a Internet, entre outros.

Organizacións como Unicef ou Save the Children xa alertan da «situación crítica» que vive España respecto da pobreza infantil, que non deixa de aumentar, especialmente pola crise de vivenda. Non son datos, son persoas que tiveron a mala sorte de nacer nunha familia con poucos recursos.

Dende a Federación de Ensino de CCOO esiximos que se poñan en marcha políticas públicas que protexan a infancia e aseguren que todas as familias teñan os medios necesarios para gozar dunha vida e un desenvolvemento persoal e social plenos.

Esiximos tamén que se reforce o sistema educativo con máis orzamento e que este se invista en máis recursos humanos e materiais; en concreto, máis persoal educativo (docente e non docente) dirixido a atender o alumnado en situación de vulnerabilidade social. Todo o contrario das últimas medidas da Consellería de Educación e que xa denunciamos, como a supresión do programa RAOGAL, que son un paso atrás respecto ao que o noso alumnado necesita.