CCOO Ensino critica o anuncio da OPE 2024 feito pola Xunta de Galicia sen ter pasado por Mesa Sectorial

Desde CCOO Ensino expresamos a nosa profunda preocupación e crítica ante o recente anuncio do Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, sobre a convocatoria de 1.750 prazas en oposicións para o ensino público en 2024. Consideramos que este anuncio é prematuro e pouco considerado, xa que non pasou polo debido proceso de negociación na Mesa Sectorial de Educación cos seus interlocutores.

A falta de diálogo e consenso previo cos representantes sindicais é unha mostra de desprezo cara á participación democrática e a transparencia na toma de decisións que afectan directamente ao sector educativo. Esta actitude unilateral da Administración ignora os procedementos establecidos para unha xestión colaborativa e respectuosa cos profesionais da educación.

Advertimos que, de manterse unha postura pechada por parte da Administración na Mesa Sectorial prevista para as próximas semanas, CCOO Ensino verase na obriga de denunciar esta situación por considerala de mala fe negocial. Exiximos que se respecten as canles de negociación establecidos e se inclúa aos representantes das e dos traballadores en todas as fases do proceso.

O obxectivo anunciado de consolidar a Galicia como a comunidade coa interinidade docente máis baixa de España debe ter en conta o que establece o “Acordo de Interinos” asinado por CCOO, xunto con outras organizacións sindicais (mais non todas), que determina que a taxa de interinidade deberá chegar a estar arredor do 5 % e por este motivo demandaremos unha oferta pública de emprego o máis ampla posible para alcanzar este obxectivo pactado.

En CCOO Ensino abogamos por unha xestión transparente, participativa e respectuosa, e non cesaremos na nosa loita por garantir que se cumpran estes principios fundamentais na administración do ensino público en Galicia.