CCOO e UGT logran que o Goberno se comprometa a implantar unha taxa de reposición adicional que garanta a xubilación parcial do persoal laboral do sector público

Na reunión celebrada entre a Área Pública de CCOO, UGT Servizos Públicos e o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, concretouse modificar a normativa para que non se perda ese dereito. Así mesmo, acordouse abrir a negociación dun acordo salarial para 2025, así como reunir a comisión de seguimento do Acordo Marco para unha Administración do Século XXI para materializar os asuntos aínda pendentes e outra para empezar a negociar un novo acordo.

A Área Pública de CCOO e UGT Servizos Públicos logran que o Goberno se comprometa a implantar unha taxa adicional que permita que o persoal laboral do sector público se poida seguir xubilando anticipadamente. Desta forma dáse solución á formulación das organizacións sindicais para garantir que o persoal laboral poida beneficiarse tamén do acordo de xubilación parcial asinado o pasado 18 de decembro con este Ministerio e que entrará en vigor a partir do próximo 1 de abril. Tamén se acordou modificar a normativa vixente para que non se perda este dereito.

Na reunión celebrada entre o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, o coordinador da Área Pública de CCOO, Lucho Palazzo, e o secretario xeral de UGT Servizos Públicos, Julio Lacuerda, tamén se decidiu convocar a comisión de seguimento do Acordo Marco para unha Administración do Século XXI para culminar os asuntos pendentes, así como empezar a negociar un novo acordo plurianual e acometer a suba salarial correspondente a 2025 para as persoas traballadoras do sector público, de forma independente e desligada da negociación dos orzamentos xerais do Estado.

CCOO e UGT instaron o Goberno a acometer axiña estes avances para que non queden nunha mera declaración de intencións e apremárono tamén a aprobar o antes posible a suba salarial do 0,5 % pendente, con efectos retroactivos do 1 de xaneiro de 2024, para as empregadas e empregados públicos.

As dúas organizacións lembráronlle que aínda están pendentes de materializar aspectos de gran calado do Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, entre os que destacan:

  • A plena implantación do modelo de clasificación profesional consonte o actual Marco Español de Cualificacións Profesionais.
  • A negociación das modificacións normativas para o pleno establecemento e desenvolvemento dos plans de igualdade e os protocolos de acoso sexual e por razón de sexo, conforme a Lei orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
  • A aplicación da xornada laboral de 35 horas.
  • A garantía de atención presencial dos servizos públicos e un plan específico de dixitalización para as zonas de menor poboación ou en risco de exclusión.
  • A creación de emprego neto nas Administracións públicas, redución da temporalidade e rexuvenecemento dos cadros de persoal.
  • A dixitalización, captación e retención do talento, promoción interna, formación e carreira profesional.