CCOO e UGT demandan unha reunión urxente ao Ministro Escrivá para culminar aspectos pendentes do Acordo Marco

A área Pública de CCOO e UGT Servicios Públicos, asinantes do Acordo Marco para unha Administración do século XXI, instan a José Luis Escrivá, ministro de Función Pública, a retomar de inmediato a axenda en materia de función pública e transformación dixital, temas específicos recollidos no Acordo Marco e no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia comprometido polo Goberno coa Unión Europea.

Ambos sindicatos insisten na urxencia da convocatoria da comisión de seguimento do Acordo para abordar, máis aló dos aspectos retributivos, importantes cuestións pactadas como a xubilación parcial para o persoal funcionario e estatutario, o carácter de mínimos dos permisos e vacacións, a carreira profesional, a implantación das 35 horas e o teletraballo no ámbito da Administración do Estado, que ten un impacto tamén na administración local e outros ámbitos, así como a implantación do grupo B e a adaptación do Marco Español ao Marco Europeo das cualificacións do novo cadro de clasificación profesional, entre outras materias.

Do mesmo xeito, CCOO e UGT inciden en que, de maneira inmediata, se convoque a comisión de seguimento do plan de choque para axilizar a resolución dos procesos de estabilización, así como a necesidade de seguir na senda de recuperación de emprego público e o rexuvenecemento dos cadros de persoal para dar resposta á grave situación de envellecemento dos mesmos, reivindicacións históricas dos dous sindicatos.

A culminación do Acordo Marco resulta imprescindible para o recoñecemento e profesionalidade das empregadas e empregados públicos, así como para o correcto funcionamento dos servizos públicos do noso país.