Preto de 270 000 estudantes presentáronse en 2025 á Proba de Acceso á Universidade (PAU) e nestes días están a coñecer o seu resultado, polo que logo terán que elixir que e onde estudar. Neste contexto, unha vez máis a universidade pública enfróntase ao desafío de atender unha demanda de prazas que supera amplamente á oferta, polo que miles de estudantes vense na obriga de competir por un número limitado de vacantes, especialmente nalgunhas titulacións.
Esta limitación de prazas, ligado ao aumento da demanda de ingreso nas universidades públicas, vén xerando, curso tras curso, un incremento das notas de corte para acceder ás universidades públicas presenciais, o que impide que moitas e moitos estudantes ingresen no seu grao desexado, non só na súa primeira opción, senón tamén nas seguintes. Isto obriga, a quen se pode permitilo, a considerar como opción as universidades privadas, o cal implica un maior custo económico e sacrificios para as familias. No curso 2023-2024, ofertáronse 245 956 prazas para 2 665 titulacións, pero as preinscricións superaron as 475 000.
Con carácter xeral, as administracións públicas non atenderon á demanda das universidades públicas de incrementar o número de prazas ofertadas: entre os cursos 2014-2015 e 2023-2024 a oferta incrementouse unicamente en 780 prazas. Ante esta necesidade real, as universidades públicas atopan a imposibilidade de aumentar a súa oferta tendo en conta que necesitan da autorización da Administración da que dependen (nacional e autonómica) e o financiamento suficiente para dispoñer dos recursos humanos, técnicos e materiais adecuados.
Esta falta de autorización débese, fundamentalmente a dúas razóns:
- Autorizar un maior número de prazas implica necesariamente un maior investimento, especialmente por parte das CC. AA. no financiamento das universidades públicas.
- Favorecer ás universidades públicas vai en contra do modelo de universidade defendido en boa parte das devanditas comunidades, nas que se aposta polo crecemento incontrolado e inxustificado das universidades privadas e da oportunidade de negocio que estas supoñen. E todo iso a un custo moi inferior ao de investir na universidade pública.
A Lei Orgánica 2/2023 do Sistema Universitario (LOSU), no seu artigo 55.2, establece o obxectivo de alcanzar un mínimo de financiamento público do 1 % do PIB para as universidades públicas para 2030. En valores absolutos, e baseándose no PIB de 2022, este 1 % representaría 14 736 millóns de euros. Nese ano, o gasto público en universidades foi de 11 374 millóns de euros, 3 362 millóns de euros menos. As transferencias correntes e de capital das comunidades autónomas e do Estado ás universidades públicas presenciais representaban o 62,5 % desa cantidade (ou o 57,7 % considerando só as comunidades autónomas). E boa parte das CC AA non están dispostas a investir nin un euro máis nas súas universidades públicas.
Ante esta situación, CCOO considera imprescindible:
- Implementar de maneira inmediata a obriga legal de destinar o 1 % do PIB autonómico ás universidades públicas e garantir que estas contan cun financiamento adecuado, suficiente e previsible no tempo.
- Garantir unha oferta de prazas en todos os niveis (grao, mestrado e doutoramento) que permita que toda aquela persoa que solicite praza nunha universidade pública teña acceso a ela. Isto é especialmente necesario no caso dos mestrados habilitantes: con carácter de mínimos débese garantir a praza a todo o alumnado procedente da universidade pública.
- Ata que se alcance a gratuidade dos estudos universitarios, os prezos do mestrado deben ser iguais que os de grao e debe ampliarse, en relación coas bolsas e axudas ao estudo, a dotación económica (especialmente no caso da axuda á residencia) e os supostos contemplados para afrontar as novas realidades sociais e económicas.
- Esixir aos centros privados universitarios as normas de calidade que debe cumprir unha institución universitaria, revisar a súa necesidade en base a un mapa de titulacións e establecer unha moratoria de 10 anos para a creación, autorización e recoñecemento de novas universidades e centros universitarios.
A falta de financiamento suficiente da universidade pública redunda, entre outros aspectos, na oferta de prazas, na adaptación da oferta de titulacións á demanda da sociedade, nos prezos públicos, na menor capacidade de flexibilizar as opcións asegurando a calidade e, en consecuencia, na maior carga que implica ofrecer formación de calidade. Isto, sumado ao menor control e requisitos esixidos e as facilidades ofrecidas ás universidades privadas, está a abrir o paso a un crecemento das matriculacións nestas entidades privadas. A diminución do peso da universidade pública non fai senón profundar nas desigualdades educativas, dificultando que as institucións educativas públicas poidan avanzar cara á igualdade real de oportunidades e a cohesión social.
Cabe lembrar só un dato: cada euro que se inviste na universidade pública reverte unha media de 5 euros á sociedade. É dicir, o investimento na universidade pública reverte directamente á cidadanía e non só nuns poucos, como ocorre coas universidades privadas, que os beneficios reverten tan só nos seus accionistas.
