CCOO conseguimos que a Xustiza declare improcedente o despedimento dunha traballadora temporal de cociña da Xunta

Os servizos xurídicos de CCOO lograron que o Xulgado do Social n.º 1 de Lugo declarase improcedente o despedimento dunha traballadora temporal da Consellería de Educación, decisión posteriormente confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A Xunta deberá aboarlle unha indemnización de 9163,20 euros.

Os servizos xurídicos de CCOO asumiron a defensa dunha traballadora que prestaba servizos como oficial de 2.ª de cociña para a Consellería de Educación mediante un contrato temporal de substitución. A relación laboral iniciárase en 2020 e fora obxecto de sucesivas modificacións para adaptar a causa da contratación temporal ás distintas situacións da persoa substituída.

En maio de 2025, a Administración comunicoulle o seu cesamento. Ante esta decisión, CCOO levou o caso aos tribunais reclamando que o despedimento fose declarado improcedente, ao considerar que a prolongación irregular da contratación temporal fixera que a relación adquirira carácter indefinido.

O Xulgado de Lugo aprecia irregularidades na contratación temporal

O Xulgado do Social nº 1 de Lugo estimou a demanda en setembro de 2025. Na súa sentenza analiza a sucesión de contratos e anexos e conclúe que se incumpriron as regras que regulan a contratación temporal.

A última modificación contractual realizada en 2021 establecía como causa da substitución unha excedencia para o coidado de familiares. O Xulgado sinala que esta situación tiña unha duración máxima de dous anos segundo o convenio colectivo aplicable e considera que a prolongación da contratación máis alá dese período supuxo un abuso ou fraude na contratación temporal. Como consecuencia, entende que a relación laboral adquirira carácter indefinido.

Por este motivo, o xulgado concluíu que o posterior cesamento da traballadora non cumpría os requisitos necesarios para xustificar o despedimento e declarouno improcedente. A sentenza condenou a Consellería a optar entre readmitila, co correspondente aboamento dos salarios de tramitación, ou indemnizala con 9.163,20 euros.

O TSXG rexeita o recurso da Xunta e confirma o despedimento improcedente

A Xunta de Galicia recorreu a sentenza ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Os servizos xurídicos de CCOO defenderon novamente os intereses da traballadora fronte ao recurso presentado pola Administración.

O TSXG desestimou o recurso da Xunta e confirmou a sentenza de primeira instancia. O Tribunal incide ademais nun elemento especialmente relevante: cando se produciu o cesamento, a persoa á que substituía a traballadora xa tiña concedida unha nova excedencia con reserva do posto de traballo. Por tanto, a causa que xustificaba a substitución seguía existindo e, segundo o Tribunal, non había motivo para extinguir o contrato.

A Sala considera así ilícito o cesamento producido en maio de 2025 e confirma a súa cualificación como despedimento improcedente. Ademais, impuxo á Xunta as costas do recurso.

A Xunta terá que aboar máis de 9100 euros

Tras quedar firme a sentenza, a Administración executou a opción pola indemnización en lugar da readmisión. Unha resolución posterior ordena o pagamento á traballadora de 9163,20 euros en concepto de indemnización por despedimento improcedente.

Desde CCOO Ensino valoramos este resultado dos nosos servizos xurídicos, que permitiu recoñecer os dereitos dunha traballadora fronte a un cesamento irregular da Administración.

Este caso volve poñer de manifesto a importancia de controlar o uso da contratación temporal nas administracións públicas e de reclamar xudicialmente cando os cesamentos non se axustan á legalidade. Desde CCOO continuaremos defendendo os dereitos do persoal e actuando fronte ás situacións de temporalidade e precariedade que vulneren a normativa laboral.