Carta aberta a toda a comunidade educativa da ensinanza concertada de Galicia

Compañeiras e compañeiros:

Ante o inicio do novo curso atopámonos con que, malia as reiteradas mobilizacións, numerosos escritos e outras medidas tomadas o curso pasado, a Consellería de Educación continúa a ignorarnos e a adiar respostas ás nosas peticións.

Ás OO.SS representativas do sector, nin nos convocou á Mesa Tripartita para iniciar ningún tipo de negociación, nin respondeu aos nosos escritos, nin fixo o mínimo xesto de reverter a situación.

A nosa preocupación pola situación que atravesa o persoal dos centros de Ensino concertado en Galicia é cada vez máis profunda. Só se conta connosco para incrementar a burocracia e as obrigas.

É un caso inédito que se manteñan bloqueados tanto os acordos de mellora das condicións laborais como o abono da paga extraordinaria de antigüidade ou os complementos de cargo desde hai 17 anos. Ano tras ano a lei de orzamentos reitera o mesmo parágrafo de bloqueo e ano tras ano a Consellería négase a falar destes temas e negociar argüíndo razóns económicas.

O persoal traballador da ensinanza concertada representa un terzo da educación en Galicia, somos máis de 7.000 profesionais que desenvolvemos unha función educativa esencial e que, con todo, levamos anos soportando situacións de desigualdade, incumprimento de acordos, perda do poder adquisitivo, falta de recoñecemento e condicións laborais que non se corresponden coa responsabilidade do noso traballo, e sempre coa escusa da falta de recursos.

É o momento de dicir XA ABONDA! E témolo que facer unidos/as, porque só demostrando a nosa forza poderemos lograr mudar este agravio.

Desenvolvemos a nosa actividade dentro do sistema educativo sostido con fondos públicos, pero as nosas condicións laborais e salariais continúan moi lonxe das existentes noutros ámbitos educativos. É un principio básico do sindicalismo que non admite excepcións: que a igual traballo, igual salario e iguais dereitos.

Por iso resulta especialmente indignante comprobar como aproban reducións da carga lectiva ata as 18 horas en Secundaria e as 23 horas en Infantil e Primaria para o ensino público, mentres miles de docentes do ensino concertado seguimos asumindo, con sorte, 25 horas lectivas semanais. É unha situación que evidencia, unha vez máis, a fenda existente entre quen desempeñamos funcións equivalentes dentro do mesmo sistema educativo.

Non estamos a reclamar privilexios.

Estamos a reclamar xustiza, a esixir que se convoque a Mesa Tripartita para abrir negociacións XA!

Estamos a reclamar o cumprimento dos acordos asinados.

Estamos a reclamar o aboamento da paga de antigüidade e dos complementos retributivos.

Estamos a reclamar condicións dignas para o persoal de administración e servizos.

Estamos a reclamar a homologación real das condicións laborais e salariais do persoal do ensino concertado.

Seguindo o plan de acción do curso anterior, o que vos propoñemos é iniciar este con medidas contundentes.

Esta é a planificación prevista que hai que difundir masivamente e implicar a todos e todas porque nos xogamos moito:

1 SETEMBRO 2026:
Envío de comunicado a traballadoras e traballadores.

2 SETEMBRO 2026:
Envío masivo de correos electrónicos ao Conselleiro e ao Director Xeral de Centros e Recursos Humanos.

7 SETEMBRO 2026:
Rolda de prensa en Santiago

9 SETEMBRO 2026:
FOLGA PARCIAL de 9:00 a 12:00 horas
CONCENTRACIÓNS en Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo e Ourense ante as Delegacións da Xunta ás 10:00 horas

Continuaremos en vindeiras datas con Asembleas nas principais cidades e novas convocatorias de Folga, se a Consellaría de Educación non abre negociacións, das que seredes informadas e informados oportunamente.

CONTAMOS CON TODAS E TODOS!

É O MOMENTO!

NON PODEDES FALTAR!