CCOO denuncia o transvasamento de responsables universitarios a cargos dos gobernos autonómicos ou do ámbito privado, que cuestiona o modelo público de universidade
As portas xiratorias (transición de cargos públicos a privados ou viceversa) son un fenómeno que tamén afecta ás universidades públicas en España: reitores/as e outros xestores universitarios que, de forma directa ou logo dun breve lapso de tempo desde que abandonan as súas responsabilidades de goberno nunha universidade pública, pasan a desempeñar funcións directivas en universidades privadas, organizacións empresariais ou consellos de goberno autonómicos con orientacións opostas ao modelo público de universidade ao que representaron.
Na análise dos casos identifícase unha clara correlación entre ter ocupado os cargos de máxima responsabilidade (reitor/a, xerente/a) e o posterior acceso a posicións de alto nivel, xa sexa na Administración, normalmente autonómica, ou nunha universidade privada. É dicir, é o exercicio dunha alta responsabilidade nunha universidade pública a que, sobre a base dunha experiencia acumulada, os contactos adquiridos e a imaxe pública que obtén a persoa en cuestión no exercicio da súa responsabilidade na universidade pública, o que fai que reciban as “ofertas” para ocupar cargos fóra da universidade pública de orixe. E nesta circunstancia, podemos sinalar, entre outros, os seguintes exemplos:
| Persoa | Cargo en universidade pública | Novo cargo en universidade privada (ou institución privada) ou Consello de Goberno autonómico | Outros datos relevantes |
| Juan Romo Urroz | Reitor da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), 2015-2024 | Reitor da Universidad Alfonso X el Sabio (privada), nomeado en abril de 2025 | Presidente da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) entre 2022 e 2024. |
| Rafael Puyol Antolín | Reitor da Universidade Complutense de Madrid (UCM), 1995-2003. Na actualidade segue sendo reitor honorario | Presidente da UNIR (privada a distancia) desde 2019. Presidente do Consello de Dirección da IE Universidad e vicepresidente da Fundación Instituto de Empresa | |
| Segundo Píriz Durán | Reitor da Universidade de Extremadura (UEx), 2011-2019 | Reitor da UNIE Universidad (privada do grupo Planeta), desde setembro de 2022. | Entre 2015 e 2017 exerceu como presidente da CRUE. De 2017 a 2019, foi delegado do presidente de CRUE para as relacións coas Asociacións Universitarias de Iberoamérica |
| Roberto Fernández Díaz | Reitor da Universidade de Lleida, 2011-2019 | Desde 2019, forma parte do Consello Asesor da Universidad Europea de Madrid (privada) | Presidente da CRUE entre 2017 e 2019 |
| Juan Carlos Gómez Villamandos | Reitor da Universidade de Córdoba (UCO), 2014-2022 | Conselleiro andaluz de Universidade, Investigación e Innovación da Xunta de Andalucía desde 2022. Durante o seu mandato aprobáronse 4 novas universidades privadas e outra máis en tramitación. | Presidente da CRUE entre 2019 e 2022 |
| José Luján Alcaraz | Reitor da Universidade de Murcia (UMU), 2018-2026 | Foi elixido candidato a secretario xeral da patronal Confederación Empresarial da Rexión de Murcia (CROEAM). Incorporarase cando finalice o seu mandato como reitor, na primavera de 2026 | |
Á vista dos feitos, alguén podería pensar que estamos ante un uso interesado do cargo público como unha plataforma de promoción persoal cara ao que deben considerar como un futuro mellor, máis recoñecido politicamente, mellor remunerado, con maior influencia e expectativas futuras, etc. Encontrámonos con persoas:
- Que se formaron e desenvolveron a súa carreira profesional na universidade pública con base en recursos públicos.
- Que se presentaron voluntariamente e foron elixidas mediante procesos electorais públicos polas súas comunidades universitarias para a xestión e defensa da universidade pública de pertenza.
- Que representaron unha universidade pública en diferentes ámbitos e ante os consellos de goberno da súa comunidade autónoma.
- Unha vez finalizada a súa responsabilidade, ingresan:
- No sector privado, polo xeral con responsabilidades de dirección, xestión de proxectos, presidencia de universidades privadas ou asesorías.
- Ou en gobernos autonómicos nos que se favorece a creación de universidades e centros universitarios privados e, en moitos casos, se cuestiona o modelo público de universidade.
- E todo isto aproveitándose da experiencia de xestión, formación e coñecemento adquirido no sistema público universitario (financiamento, acreditacións, normativas) e da rede de contactos creada en virtude do seu cargo nunha universidade pública para favorecer a institución privada.
Sabemos que esta circunstancia é excepcional fronte aos miles de traballadores e traballadoras (PDI, persoal investigador, PTXAS) das universidades públicas que asumen o seu compromiso diario de servizo e de defensa do modelo de universidade pública en que desenvolven a súa actividade, moitas veces en situacións moi precarias que deben solucionar co seu esforzo e compromiso. Pero, precisamente por isto, cómpre denunciar aqueles casos que, desde o público, danan a universidade pública coa que estamos comprometidos.
O primeiro que debemos sinalar é que esta conduta, cuestionable desde o punto de vista ético, é legal. Desde CCOO entendemos que estamos ante un claro conflito de intereses que cuestiona a finalidade do sistema público. Este “transvasamento” de xestores de universidades públicas á universidade privada ou a responsabilidades de goberno que cuestionan o modelo público, ao final conduce a xerar unha rede de intereses compartidos entre o público e o privado, con riscos para a transparencia e a equidade do sistema. Este fenómeno suscítanos cuestións como ata que punto o seu coñecemento do sistema público pode beneficiar a universidade privada á custa do interese xeral ou se se antepoñen criterios empresariais por riba do ben público.
A lexislación española busca previr os conflitos de intereses mediante a Lei 53/1984, de incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións públicas, e leis específicas para altos cargos, como a Lei 3/2015, reguladora do exercicio do alto cargo da Administración xeral do Estado. Estas leis establecen un período de incompatibilidade logo de cesar nun cargo público, durante o cal non poden traballar en empresas relacionadas coa súa anterior función e a obrigatoriedade de solicitar autorizacións de compatibilidade para certas actividades. Porén, o posto de reitor/a das universidades públicas non está afectado por esta normativa e non existe unha lei estatal específica en España que regule estas portas xiratorias no sector universitario.
Desde CCOO reclamamos que os responsables universitarios, mediante a modificación legal que se considere máis adecuada, estean afectados por este réxime e se estableza un período de incompatibilidade mínimo de cinco anos despois de cesar no cargo nunha universidade pública, durante o cal non poidan traballar en empresas relacionadas coa súa anterior función ou en responsabilidades en gobernos autonómicos con responsabilidades en materia universitaria. Todo isto ten o obxectivo de salvagardar a independencia, a integridade e o bo goberno da universidade pública fronte a modelos que buscan potenciar a universidade como un ben de mercado, ignorando o seu papel como servizo público e garante da promoción social do conxunto da cidadanía.
