A Mesa de Diálogo Social entre os sindicatos e o Goberno de España alcanzou un acordo para ampliar o tempo de permiso retribuído ata os 10 días en caso do falecemento dun familiar, e os dous novos permisos, de 15 días no caso de ter un familiar en coidados paliativos ou dun día para o acompañamento dunha persoa que decida someterse á eutanasia.
O secretario confederal de Acción Sindical e Transicións Estratéxicas, Javier Pacheco, recalcou que o acordo é un “exercicio de dignidade e humanidade” para máis de 18 millóns de persoas asalariadas en España. “Aplicamos unha importante dose de humanidade para o exercicio do dereito dos permisos retribuídos”, salientou o sindicalista.
“Hoxe, o diálogo social fixo un exercicio de dignidade e de humanidade ben importante para poder garantir que a senda que fomos transitando nestes últimos anos para reforzar a estrutura de dereitos das traballadoras e os traballadores nas relacións laborais no marco das empresas siga abrindo camiño, independentemente das dificultades ou trabas que podemos encontrar en cada momento”, explicou.
A partir de agora comezará o proceso de tramitación parlamentaria do cambio normativo necesario para facer efectivos estes novos permisos. Por iso, Pacheco lanza tamén unha mensaxe ao arco parlamentario: “Facemos un chamamento para que os parlamentarios e parlamentarias deste país non impregnen con indignidade o exercicio do parlamentarismo e lle dean as costas a un dereito que apelará a preto de 18 millóns de persoas traballadoras no noso país”, advertiu.
Sentido común e coherencia é o que esixiu Pacheco á representación parlamentaria, para dar “sentido” ao acompañamento das persoas despois da morte dun familiar “nos momentos máis duros que se viven”. “Esta é a única razón á que se ha ater o debate parlamentario para decidir se se apoia ou non a proposta que sae hoxe da Mesa de Diálogo Social”.
