Pilar Alegría vaise e a suposta “lexislatura do profesorado” segue sen concretarse

Desde CCOO Ensino valoramos que o labor desenvolvido no Ministerio de Educación e Formación Profesional por Pilar Alegría Continente non é positivo. No tempo no que foi responsable do Ministerio non se avanzou naquelas medidas que se supoñía que ían significar unha mellora das condicións laborais das traballadoras e traballadores do ensino nin tampouco na mellora da calidade, da equidade e da inclusividade do sistema educativo, e que desde CCOO lle fixemos chegar no seu momento.

Esta ía ser a “lexislatura do profesorado” e, a día de hoxe, o profesorado segue a ser o gran esquecido da lexislatura. Ademais, desde CCOO Ensino reivindicamos que esta debía ser tamén a lexislatura da mellora estrutural do sistema educativo e das condicións das súas traballadoras e traballadores. Para iso son imprescindibles incrementos de recursos, de persoal e de recoñecemento profesional. Debe existir unha vontade política decidida e unha aposta clara pola inversión educativa e pola educación pública, extremos que non se cumpriron durante este período.

Nesa liña, é necesario incrementar o investimento educativo ata acadar o 7 % do PIB.

Do mesmo xeito, non se produciu unha negociación da Lei do Estatuto Docente, na que se aborden, cando menos, os seguintes elementos:

  1. Diminución da carga lectiva, redución do horario de permanencia nos centros e mellora das ratios.
  2. Que todos os corpos docentes sexan grupo A1 e a correspondente suba de nivel.
  3. Xubilación anticipada, voluntaria e incentivada para todas e todos.
  4. Regulación específica da saúde laboral docente, incluíndo os riscos psicosociais.
  5. Mellora real da formación inicial.
  6. Formación permanente con recursos suficientes e dentro do horario laboral.
  7. Unha verdadeira carreira profesional, atractiva, articulada e ben incentivada.
  8. Revisión dos sistemas de ingreso e acceso, primando os aspectos pedagóxicos, cunha fase de prácticas con recursos, realmente formativa e ben planificada.
  9. Concreción das funcións do profesorado para evitar a acumulación de tarefas e o exceso de burocracia.
  10. Mellora e homologación á alza das condicións retributivas e laborais do profesorado, incluíndo tamén licenzas, permisos e acción social.

En relación co Persoal de Administración e Servizos Educativos, tampouco se produciron avances significativos nas melloras laborais do colectivo. Neste sentido, non se avanzou en:

  1. A mellora e recuperación do emprego perdido, así como na ampliación dos cadros de persoal dos centros educativos, acorde ás necesidades actuais da escola do século XXI.
  2. O incremento do persoal, tan necesario nos centros, en todos os seus perfís: tanto persoal suficiente para as funcións de administración, control, información e limpeza, como a dotación de persoal de enfermaría en todos os centros e de persoal específico para a atención ao alumnado con necesidades (integración social, persoal técnico educativo, fisioterapeutas, etc.).
  3. A especial relevancia da figura do persoal de enfermaría escolar, que debería ser unha dotación básica en todos os centros educativos.
  4. A negociación dunha mellor formación e cualificación profesional acorde co traballo que se desenvolve nos centros.

Tampouco se avanzou noutros aspectos relevantes para a mellora do sistema educativo, como:

  • A redución das ratios de alumnado por grupo e a asociación desa redución á diversidade, de maneira que todo o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo compute dobre para efectos de ratio.
  • O aumento dos apoios específicos para as necesidades educativas especiais, a desvantaxe social ou a compensación educativa, así como o establecemento de apoios para as dificultades específicas de aprendizaxe.
  • O incremento da rede de orientación educativa e psicopedagóxica en todos os seus perfís profesionais, para unha axeitada detección e seguimento de todo o alumnado.

Por último, non se produciron melloras significativas en:

  • A universalización da oferta pública de xestión directa de 0 a 3 anos.
  • O incremento e aseguramento da oferta pública de Formación Profesional en todas as súas modalidades, deixando ao arbitrio dos territorios a implantación dun sistema dual non axustado á realidade e que precariza e sobrecarga o profesorado.

En resumo, desde CCOO Ensino non podemos facer unha valoración positiva do traballo desenvolvido pola ministra Pilar Alegría á fronte do MEFPD, xa que deixa o Ministerio tal e como o atopou, sen avances significativos en ningún dos aspectos básicos do sistema educativo.

Desde CCOO seguiremos traballando, presionando e actuando para que as melloras que están en trámite se culminen, se impulsen novas medidas e poidamos avanzar na mellora das condicións do sistema educativo e dos seus e as súas profesionais.