Acordo de medidas de mellora: información para o ensino concertado

O apartado “2. Redución de rateos resulta de aplicación nos centros privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia. Podes atopar o contido completo deste apartado a continuación. Ademais, para unha comprensión máis ampla e para coñecer os demais apartados, aplicables no ensino público, invitámoste a consultar o acordo íntegro.

2. Redución de rateos

2.1. Redúcense os rateos máximos por grupo na educación infantil, na educación primaria, na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato.

2.1.1. No curso 2024/2025 iniciarase o calendario de aplicación cun rateo máximo de 20 alumnos/ as en 4° de educación infantil. Este rateo máximo de 20 alumnos/as por aula aplicarase de forma progresiva nas etapas de educación infantil e educación primaria nos sucesivos cursos.

2.1.2. Non obstante, aquelas aulas que ao inicio da aplicación progresiva desta redución de rateos teñan entre 20 e 25 alumnos/as, non verán incrementado o seu número de alumnos/as reais en toda a duración do período de aplicación respecto do número real que tiveran no curso anterior.

2.1.3. Os rateos máximos na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato serán de 25 e 30 alumnos/as por aula, respectivamente. A negociación do calendario de aplicación nestas etapas iniciarase coincidindo co remate da aplicación dos novos rateos na etapa de educación infantil.

2.2. Durante a implantación progresiva da redución de rateos máximos nas etapas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato non se realizarán supresións de unidades naqueles centros nos que, a consecuencia da diminución de alumnado, procedese efectuar unha supresión cos límites vixentes no curso académico correspondente pero non proceda cos rateos de 20 alumnos/as en educación infantil e educación primaria, 25 alumnos/ as en educación secundaria obrigatoria e 30 alumnos/as en bacharelato.

2.3. Se nalgún caso excepcional non puidese [sic] cumprirse os novos rateos establecidas [sic], por inexistencia de aulas no centro educativo, no caso das ensinanzas de educación infantil e primaria, dotarase ao centro cun especialista de educación primaria máis dos que Ile corresponden por catálogo.

2.4. Cada alumno ou alumna cunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%, ou cun grao I de dependencia acreditada, ou cun trastorno grave da conduta acreditada [sic] computará, para os efectos deste rateo, como dous.

2.5. Cada alumno ou alumna cunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65%, ou cun grao II ou III de dependencia acreditada computará, para os efectos deste rateo, como tres.

2.6. Computará, para os efectos de rateos, o alumnado repetidor.

2.7. Nas aulas que escolaricen alumnado de diferentes niveis, ciclos e/ou etapas educativas serán de aplicación os rateos contemplados no Acordo de agrupamentos do alumnado do 10 de xullo de 2009.