Folga xeral do 11 de novembro: coñece os teus dereitos

O mércores 11 de novembro de 2026 celebrarase unha folga xeral de 24 horas en todo o Estado, convocada por CCOO e UGT xunto con outras organizacións sindicais, que conta co apoio do Sindicato de Inquilinas e dunha amplísima rede de organizacións sociais.

Desde CCOO facemos un chamamento ao conxunto da comunidade universitaria para secundar masivamente esta folga. Non hai universidade pública de calidade se a súa comunidade universitaria non ten garantidos:

  • Uns servizos públicos que aseguren de maneira efectiva a sanidade, a educación, a atención á dependencia e os coidados.
  • O acceso a unha vivenda digna e a posibilidade de chegar a fin de mes.

O dereito de folga é unha ferramenta fundamental que permite ás persoas traballadoras suspender temporalmente a súa actividade laboral para reclamar melloras ou defender os seus dereitos. Aínda que se trata dun dereito garantido pola Constitución (artigo 28.2), o seu exercicio práctico suscita dúbidas habituais que queremos aclarar para facilitar un exercicio responsable e libre.

Xornada xeral: a folga abrangue formalmente desde as 00:00 ata as 23:59 horas do día 11 de novembro.

Quen pode secundar a folga?

Calquera persoa traballadora (PTXAS, PDI, persoal investigador e de investigación) que teña unha relación laboral ou funcionarial cunha universidade.

E o alumnado?

En España, o estudantado universitario non ten recoñecido un «dereito de folga» en sentido estrito, xa que constitucionalmente a folga é un dereito laboral reservado ás persoas traballadoras por conta allea.

Con todo, o estudantado universitario si ten a posibilidade de realizar paros académicos, regulados de maneira xenérica polo Real decreto 855/2026, do Estatuto do Estudantado Universitario, e de maneira específica polas normas de cada universidade.

Cómpre sinalar, neste sentido, que a CREUP (Conferencia de Representantes de Estudantes de Universidades Públicas), mediante unha resolución do 28 de outubro de 2026, apoia a folga xeral convocada para o 11 de novembro, chama ao conxunto do estudantado universitario a secundar a folga e participar nas mobilizacións convocadas e insta os Consellos de Estudantes a facilitar e promover a participación do estudantado, así como a impulsar, onde sexa posible e conforme á normativa de cada universidade, a aprobación do paro académico.

Centros con varias quendas de traballo

A folga comeza na primeira quenda, aínda que esta se inicie antes das 00:00 horas do día 11 (por exemplo, ás 22:00 horas do 10 de novembro), e remata ao finalizar a última quenda, aínda que esta se prolongue máis alá das 24:00 horas do día 11.

Antes da xornada de folga

Teño que comunicar previamente se vou facer folga?

Se decides sumarte á folga, non tes a obriga legal de comunicarllo á universidade. É máis, podes decidir facer folga ao longo da xornada, sempre que non foses designado ou designada para prestar servizos mínimos, no caso de que estes se establecesen.

Pode a empresa preguntarme se vou facer folga?

A folga é un dereito de exercicio persoal e voluntario que se manifesta no propio momento do inicio dos paros polo feito de deixar de traballar.

A empresa non debería preguntar nunca se vas facer folga, xa que isto pode entenderse como unha forma de coacción. En calquera caso, se o fai, non tes a obriga de responder. Non existe ningunha obriga legal nese sentido.

E se teletraballo?

Se realizas teletraballo, cando comece a túa quenda non te conectes nin respondas a ningunha comunicación.

Se habitualmente non teletraballas e a empresa che ofrece facelo o 11 de novembro, non aceptes se queres sumarte á folga.

A folga implica non traballar, non simplemente deixar de acudir ao centro de traballo. Non debe utilizarse o teletraballo como unha forma de esquirolaxe tecnolóxica.

Que son os servizos mínimos?

Os servizos mínimos constitúen a garantía para manter as prestacións indispensables nos servizos esenciais para a comunidade durante unha folga.

Existe a obriga legal de fixar servizos mínimos nunha convocatoria de folga universitaria?

Non. Esta obriga afecta directamente aos servizos públicos esenciais, e a universidade non ten esa consideración. Nesta e noutras convocatorias anteriores de folga, isto traduciuse na ausencia de servizos mínimos nalgunhas universidades públicas.

Ten capacidade a universidade para fixar servizos mínimos?

Diferentes sentenzas determinaron que o reitor ou a reitora non pode fixar os servizos mínimos, ao actuar como empregador e non como autoridade gobernativa. A competencia corresponde á comunidade autónoma e unicamente para os servizos esenciais.

Con todo, o Comité de Folga, co obxectivo de atender determinados servizos (animalarios, colexios maiores etc.), pode consensuar con cada universidade uns servizos mínimos e, no caso de chegar a un acordo, remitilo á comunidade autónoma para a súa publicación no boletín oficial correspondente.

Se a universidade establece unilateralmente servizos mínimos, estes son ilegais e CCOO denunciaraos ante os tribunais. Isto xa aconteceu en convocatorias anteriores e as resolucións xudiciais, incluídas as do Tribunal Constitucional, estableceron claramente esta falta de competencia das universidades para fixar os servizos mínimos.

Durante o desenvolvemento da folga

Podo participar na folga se estou teletraballando?

Por suposto que si. Non te conectes nin abras ningunha aplicación da empresa desde as 00:00 ata as 23:59 horas do 11 de novembro.

A empresa non pode esixir explicacións nin establecer contacto.

E se me corresponde prestar servizos mínimos?

Deberás recibir, polo menos 24 horas antes do inicio da folga, unha notificación escrita e persoal para asumir os servizos mínimos durante a xornada de folga, sempre que estes fosen establecidos pola autoridade laboral correspondente nos sectores considerados esenciais.

Non abonda cunha comunicación verbal.

  • Na notificación deberá indicarse o motivo (orde da Administración pública ou acordo co Comité de Folga) e as tarefas específicas que debes realizar.
  • Se non recibiches unha notificación formal de designación para prestar servizos mínimos, podes exercer o teu dereito de folga.
  • Non presentarse a un servizo mínimo obrigatorio pode dar lugar a sancións disciplinarias ou ao despedimento.
  • Se consideras que a orde é abusiva, asina «recibido, non conforme» e reclama pola vía sindical ou legal, sen incumprir a designación.
  • A persoa traballadora designada realizará unicamente as actuacións recollidas na resolución de servizos esenciais. Non se trata de desempeñar todas e cada unha das funcións ordinarias dunha xornada normal de traballo, senón aquelas que resulten esenciais para o servizo.

Pódese substituír unha persoa que participe na folga?

Durante a folga, a universidade non pode substituír as persoas folguistas con persoal alleo á universidade nin con outro persoal da mesma universidade, sexa da mesma ou de distinta categoría.

Non se permite a mobilidade funcional nin xeográfica para substituír persoas traballadoras en folga.

As actuacións deste tipo supoñen unha vulneración do dereito fundamental de folga, que prevalece fronte a outros dereitos.

Os piquetes informativos son legais

A folga é un dereito fundamental que prevalece sobre a liberdade individual de traballar no marco do conflito colectivo. Isto significa que a lei protexe o cesamento colectivo do traballo como medio lexítimo de presión.

Para que a folga sexa visible e eficaz, a normativa ampara a existencia dos piquetes informativos.

Un piquete informativo é un grupo de traballadoras e traballadores que se organiza para difundir os motivos do paro e convencer pacificamente o resto do persoal ou a cidadanía para que se sume á protesta.

As súas funcións consisten en informar, difundir os motivos da folga, persuadir outras persoas traballadoras para que se sumen ou disuadir aquelas que optan por continuar traballando.

O Tribunal Constitucional non só confirmou en numerosas ocasións a legalidade dos piquetes, senón que sinalou que o núcleo esencial do dereito de folga inclúe o dereito a que estes desenvolvan o seu labor dentro do marco da legalidade.

Actividades amparadas pola lei:

  • Informar e convencer: explicar as razóns do conflito nas entradas dos centros de traballo, repartir folletos e facer chamamentos á solidariedade laboral.
  • Manifestarse pacificamente: concentrarse nos accesos aos centros de traballo ou na vía pública de maneira clara e coordinada.
  • Prevalencia do dereito: a difusión da protesta prevalece sobre a simple liberdade de traballar de quen non secunde a folga, sempre que non se recorra á violencia, á intimidación nin ás coaccións.

Límites que non se deben superar:

A protección legal dos piquetes desaparece cando se recorre á coacción violenta ou á intimidación grave.

A lei distingue claramente entre persuadir, algo legal e protexido, e obrigar outra persoa mediante a forza física ou as ameazas a deixar de traballar.

Non se poden «ocupar» os centros de traballo nin as súas dependencias, xa que isto pode dar lugar a infraccións administrativas ou penais.

Presenza das persoas traballadoras nos centros de traballo

A folga pode desenvolverse coa presenza física das persoas folguistas no centro de traballo.

A actuación das persoas traballadoras dirixida á celebración de reunións ou asembleas dentro da propia empresa non atenta contra o dereito de propiedade.

Se o empregador pretende desaloxalas nestas circunstancias, estaría vulnerando os dereitos de reunión e de folga.

Despois da xornada de folga

Unha vez rematada a folga, poden preguntarme se a secundei?

Non. Un empregador non pode preguntarte se fixeches folga despois de que esta remate nin está autorizado a presionarte ou coaccionarte para que respondas.

Como se controla quen exerceu o dereito de folga?

A universidade só pode saber quen fixo folga no momento en que non se presenta a traballar, utilizando os medios de control habituais.

Poderán establecerse sistemas de control específicos sempre que a súa única finalidade sexa organizativa e económica (calcular o desconto salarial), non resulten desproporcionados nin teñan un efecto disuasorio.

Poden sancionarme se secundo unha convocatoria de folga?

Nunca. O exercicio do dereito de folga non pode comportar ningunha sanción para as persoas traballadoras.

Poden despedirme por facer folga?

Por suposto que non, porque sería un despedimento nulo por vulneración dun dereito fundamental.

Se o fixesen, terían que readmitirte no teu posto de traballo e, ademais, reclamariamos unha indemnización.

Descontos salariais pola participación nunha folga

A lexislación española considera que, ao secundar unha folga, se suspende o contrato laboral durante o período no que a persoa empregada non traballa e, polo tanto, o empregador non está obrigado a aboar o salario correspondente a ese período.

Ademais, durante o tempo non traballado non se cotizará á Seguridade Social.

É dicir, queda a criterio da empresa descontar ou non o salario do día ou dos días de folga. Se a universidade opta por aplicar o desconto, este afectará a:

  1. O salario correspondente aos días de folga. Inclúe tanto o salario base como os complementos salariais (antigüidade, perigosidade, produtividade etc.), se están vinculados ao traballo efectivo.
  2. A parte proporcional das pagas extraordinarias.
  3. As cotizacións á Seguridade Social deses días. Durante a folga non se cotiza e a persoa traballadora queda en situación de «alta especial sen cotización».

Adicionalmente, dedúcese a parte proporcional do descanso semanal correspondente a ese día.

Calquera desconto económico desproporcionado, sanción ou despedimento por participar ou ter participado na folga será NULO de pleno dereito.

Teño que recuperar despois as horas que non traballe?

Nunca. Facer folga tampouco reducirá o período de vacacións nin os días festivos.

Desmontando o discurso do medo

De aquí ao 11 de novembro imos escoitar nos medios de comunicación, por parte dalgúns responsables políticos e universitarios e de determinados sectores interesados, os discursos de sempre: o discurso do medo, da culpa e da resignación.

Neste contexto, cómpre desmentir algunhas afirmacións que se utilizan para desmobilizar.

«Facer folga prexudica o alumnado»

«Facer unha folga en novembro prexudica directamente o estudantado en pleno primeiro cuadrimestre, interrompe as avaliacións continuas e dana a súa formación».

O que realmente prexudica o alumnado é ter laboratorios infradotados, servizos colapsados pola falta de persoal e unhas condicións de acceso e permanencia que seguen sendo un obstáculo para as persoas con menos recursos económicos.

Un día de folga non é un ataque ao alumnado; é a maior lección de educación cívica e cidadá que lle podemos dar desde a universidade.

Estamos ensinándolle que os dereitos non se herdan, deféndense; que, se queremos unha universidade de calidade para o alumnado de mañá, temos que loitar hoxe.

«A folga supón un desconto salarial que non me podo permitir»

Entendemos perfectamente esta preocupación. A ninguén lle agrada ver unha dedución na súa nómina a finais de mes, e menos aínda nestes tempos de dificultades que estamos describindo.

Pero fagamos un exercicio de perspectiva económica real.

O desconto dun día de salario é un impacto puntual, asumible e limitado no tempo.

O que resulta verdadeiramente inasumible, o que constitúe unha sangría económica silenciosa pero letal, é a perda de poder adquisitivo acumulada que sufrimos mes tras mes porque a inflación devora os nosos ingresos mentres as retribucións públicas aumentan por debaixo do custo real da vida.

A inacción, quedar cos brazos cruzados vendo como se desvalorizan as nosas vidas laborais, sae infinitamente máis cara que un día de folga.

A folga é un investimento en dignidade e no futuro dos nosos salarios.

Se non protestamos hoxe pola perda de poder adquisitivo, por uns servizos públicos dignos e pola crise da vivenda, mañá o mercado teranos recortado moito máis que o equivalente a unha xornada laboral.

Para o persoal temporal e precario

Sabemos que o medo existe. Sabemos que as xerarquías universitarias ás veces exercen presións sutís pero efectivas.

Pero cómpre lembrar que o dereito de folga é un dereito fundamental consagrado na Constitución española.

Ampáranos a todas as persoas por igual, independentemente do tipo de contrato, da antigüidade ou da escala funcionarial ou laboral á que pertenzamos.

Non estades soas. CCOO estará vixiando cada recuncho dos campus.

A precariedade combátese colectivamente, non de maneira individual.

Imos combater con todos os recursos legais e sindicais ao noso alcance calquera intento de fixar servizos mínimos abusivos ou calquera indicio de coacción ou represalia.

A precariedade estrutural busca precisamente iso: atomizarnos, illarnos e facernos crer que, se protestamos individualmente, somos prescindibles.

A mellor garantía de seguridade xurídica e persoal é que o paro sexa absoluto.

Se paramos todas e todos, ninguén queda desprotexido.

Se os campus quedan baleiros, o medo cambia de bando.

«Non serve de nada»

As melloras que hoxe consideramos normais conseguíronse mediante a presión colectiva.

Unha folga ampla cambia aquilo que as administracións, as patronais e os partidos se poden permitir ignorar.

O 11 de novembro, a universidade pública para!

Por salarios dignos.

Polo dereito a unha vivenda accesible.

Polo emprego estable e de calidade.

Polo financiamento suficiente das universidades públicas.

Por uns servizos públicos de calidade que garantan a igualdade de oportunidades.

Porque traballamos para vivir, non para pagar. Paramos pola universidade.

Á folga xeral!