Servizos mínimos para a folga do ensino concertado: denunciamos a proposta abusiva da Consellería de Educación

A Consellería de Educación retrátase unha vez máis coa súa proposta de servizos mínimos para a folga do 10 de novembro dos traballadores e traballadoras do ensino concertado.

Un despropósito, un disparate e unha decisión difícil de xustificar. As organizacións sindicais do ensino concertado —FSIE, UGT, CCOO Ensino, USO, SNEP e CIG— asistimos hoxe á xuntanza de negociación dos servizos mínimos máis desconcertante dos últimos tempos.

Como sabedes, os próximos martes 10 e mércores 11 de novembro conflúen dúas convocatorias de folga. Pola natureza destes actos, requírense uns servizos mínimos para garantir os servizos esenciais, que son fixados pola Xunta de Galicia.

Ata aquí, todo ben.

Porén, como vén sendo habitual nas últimas convocatorias de folga, a proposta de servizos mínimos para o ensino concertado do día 10 resulta abusiva e arbitraria. A Consellería sostén que non é así e considera que a súa proposta é razoable e proporcionada.

A novidade desta vez está en que temos unha convocatoria de folga xeral ao día seguinte, para a que tamén hai que negociar uns servizos mínimos. E, para sorpresa nosa, a proposta neste caso é moi distinta da habitual.

Por que temos máis facilidades para exercer o noso dereito á folga un mércores que un martes? Necesitan os alumnos máis protección nunha folga sectorial do ensino concertado que nunha folga xeral? Son máis acertados os criterios dos responsables da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que os dos responsables da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes? Como se explica esta diferenza de criterio entre ambas as consellerías?

A nosa Consellería debe telo moi claro, pois non modificou o seu discurso para xustificarse, desviando responsabilidades e escudándose en que as decisións dos seus compañeiros de Goberno non son da súa competencia. Pero o que si queda claro é que a súa actuación podería rozar a prevaricación e que queda en evidencia a falta de criterios claros e coherentes neste eido.

Porque están moi acostumados a gobernar sen oposición: non saben negociar, só impoñer.

Curiosamente, para rematar, cómpre lembrar que o que están a facer con nós vai en contra dos principios dos que se proclaman defensores no relatorio político do seu 21º Congreso Nacional, celebrado en xuño de 2025, no que expresan que gobernar non consiste en impoñer, senón en representar, unir, respectar a separación de poderes e basearse na legalidade e no debate aberto.

Pois ben, impoñendo non se goberna.

As organizacións sindicais si sabemos o que significa a negociación colectiva e entendémola como unha ferramenta fundamental para avanzar na conquista e na defensa dos dereitos das persoas traballadoras.

Por iso, mantemos a esixencia dunha convocatoria urxente da mesa tripartita, cunha orde do día que inclúa unha calendarización concreta das negociacións e dos compromisos pendentes.

Unha negociación real, con vontade de acordo e prazos definidos, permitiría avanzar na resolución do conflito e evitar que fosen necesarios servizos mínimos en cada convocatoria de folga no ensino concertado.

Porque a solución non pasa por limitar o dereito á folga, senón por negociar e dar resposta ás reivindicacións do sector.

FSIE · UGT · CCOO Ensino · USO · SNEP · CIG

En defensa do dereito á folga.

En defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores do ensino concertado.