Hoxe, 29 de outubro de 2026, celebrouse a Mesa Sectorial docente non universitaria.
Información previa:
O prazo de participación no CXT rematará o 26 de novembro. Ese día publicaranse as ordes dos concursos de Persoas Adultas e Orientación.
- Primeiro resolverase o de Persoas Adultas, as persoas adxudicadas non participarán xa na adxudicación dos outros concursos.
- Logo resolverase o de Orientación, as persoas adxudicadas non participarán na adxudicación do CXT.
- Por último resolverase o CXT.
1. Orde de 2026 pola que se convoca concurso de traslados específico para cubrir prazas nos centros que imparten ensinanzas de educación de persoas adultas
Intervención de CCOO Ensino
Con carácter previo, solicitamos que a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos nos proporcione un catálogo das diferentes prazas que existen na actualidade en cada un dos centros de educación e promoción de adultos, tanto en centros ordinarios como penitenciarios. Vemos que nos últimos anos se levan adxudicando vacantes de especialidades de FP nestes centros e queremos clarificar o catálogo de postos de traballo nestes centros.
En todo caso, para o cómputo das vacantes do CXT de adultos esiximos que saian a concurso aquelas vacantes que levan ofertándose como provisionais nos tres últimos Concursos de Adxudicación de Destinos Provisionais e que non teñan propietario definitivo, xa que demostraron abondamente o seu carácter estrutural.
Solicitamos, ao ser un concurso que non se convoca regularmente, que non se requira unha permanencia de dous cursos no centro de destino definitivo previo, xa que un participante adxudicado en abril no concurso xeral xa non podería concursar, sen ter a culpa de que a Administración convoque o concurso cando lle parece. É dicir, ou se convoca todos os anos o concurso de adultos para evitar estas discordancias ou non se esixen os dous cursos previos de permanencia, solución con viabilidade xurídica, xa que a Lei 2/2015 recolle unha permanencia mínima de seis meses no destino definitivo previo para os concursos específicos.
En canto ás vacantes, faltarían por incluír as seguintes:
-
EPAPU Eduardo Pondal (A Coruña): vacante en Latín proposta pola Inspección Educativa da Coruña o curso pasado, no que non houbo concurso, e vacantes en Lingua Castelá e Literatura e Bioloxía e Xeoloxía ofertadas nas últimas tres convocatorias de CADP.
-
EPAPU de Teixeiro (Curtis): unha vacante de Matemáticas ofertada nos tres últimos CADP.
-
EPAPU Santa María de Caranza (Ferrol): vacantes por xubilación no curso 2025/2026 en Xeografía e Historia e Francés. Así mesmo, deberían incorporarse as seguintes vacantes que se levan adxudicando nos tres últimos CADP: dúas vacantes de Física e Química e unha vacante de Bioloxía e Xeoloxía.
-
IES San Clemente (Santiago de Compostela): dúas vacantes por xubilacións de Sistemas e Aplicacións Informáticas no curso 2024/2025, que ademais foron propostas o ano pasado pola Inspección da Coruña para que saísen a concurso. Solicitamos tamén neste centro as seguintes vacantes que se levan adxudicando provisionalmente durante tres cursos: Xeografía e Historia, Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, Francés, Tecnoloxía, dúas vacantes de Inglés de secundaria, ata oito vacantes da especialidade de Informática (590107) e cinco vacantes de Sistemas e Aplicacións Informáticas (590227).
-
EPAPU de Albeiros (Lugo): unha vacante por xubilación de Lingua e Literatura Galega a 31/08/2025 e, ademais, posibles vacantes de Matemáticas, Lingua e Literatura Galega e Portugués, que se levan ofertando de forma ininterrompida nos últimos tres CADP.
-
EPAPU de Monterroso: unha vacante en Educación Primaria, ofertada de forma ininterrompida nos últimos tres CADP.
-
EPAPU de Bonxe (Outeiro de Rei): debería incorporarse unha vacante de Inglés (secundaria) que leva tres anos adxudicándose de forma provisional e ininterrompida.
-
EPAPU de Ourense: unha xubilación de Inglés de secundaria a 31/08/2025 e vacantes en Filosofía, Lingua Castelá e Literatura, Bioloxía e Xeoloxía, Inglés de secundaria e Pedagoxía Terapéutica que se levan ofertando de forma provisional e ininterrompida nos tres últimos cursos.
-
EPAPU de Pereiro de Aguiar: vacantes de Inglés do corpo de mestres adxudicadas de forma provisional nos tres últimos cursos.
-
EPAPU Nelson Mandela (A Lama): unha vacante en Educación Primaria ofertada de forma provisional nos últimos tres CADP.
-
EPAPU Río Lérez (Pontevedra): vacantes en Lingua Castelá e Literatura e Inglés de secundaria propostas pola Inspección o ano pasado, no que non houbo concurso. Ademais, deberían ofertarse vacantes en Lingua Castelá e Literatura, Matemáticas e Física e Química, que se levan adxudicando de forma provisional nos últimos tres cursos.
-
EPAPU Berbés (Vigo): unha vacante en Tecnoloxía, ofertada de forma provisional nos tres últimos cursos.
A Administración pide que enviemos as vacantes todas que creamos que faltan e contestarán en canto teñan información sobre se se incorporarán ou non. -
Con respecto ao baremo, como xa fixemos na mesa sectorial do día 13/10/2026 con motivo do Concurso Xeral de Traslados, queremos deixar constancia do noso desacordo con algunhas delas.
-
Nos apartados 1.1 e 1.2, valoramos positivamente que se recolla de forma expresa que se puntuará a totalidade dos servizos que se presten en situación de excedencia por razón de violencia de xénero.
-
No apartado 1.1.3, de especial dificultade, consideramos que a puntuación xerada nun posto de especial dificultade non se debería perder con cada cambio de destino definitivo. Igualmente, solicitamos que se asegure que os/as participantes que tiveron destino provisional ou teñen o seu destino definitivo nestes centros vexan recoñecidos tales servizos de oficio.
-
No apartado 3, consideramos que falta por incluír como baremable o premio extraordinario nos mestrados. Deberían ter a mesma consideración que os de doutoramento, grao e outras titulacións.
-
Tamén no apartado 3, valoramos positivamente a inclusión dos títulos de coñecemento da lingua de signos como análogos á posesión de certificados de escolas oficiais de idiomas, tal e como recolle o Real decreto 262/2026.
-
No apartado 4:
-
No apartado 4.1 do baremo do persoal docente, «servizos como director/a de centro», deben incluírse os servizos prestados como responsables de centros de menos de tres unidades, xa que os responsables realizan as mesmas funcións que os directores/as en centros cun número de alumnado similar, recaendo na súa persoa a totalidade das coordinacións e dinamizacións (lingua galega, extraescolares, etc.).
-
No punto 4.3, debemos recoñecer que por fin aparecen coordinacións e dinamizacións que solicitamos en anteriores concursos que figurasen, como E-Dixgal ou Polos Creativos, pero, en cambio, non se outorga puntuación como coordinador/responsable/dinamizador do Club de Ciencias ou de STEMbach, por citar dous exemplos, coordinacións que se recollen expresamente coa mesma dedicación de horario lectivo que as anteriores na Resolución do 16 de xuño de 2026.
Entenden que xa queda recollido con “outras figuras análogas” e confirman que así será. -
Deben puntuarse os cargos e coordinacións que desempeña o profesorado substituto, ademais de percibir o correspondente complemento económico, de habelo. A situación é aínda máis inxusta, se cabe, en canto ás titorías e xefaturas de departamento unipersoal ou xefaturas de departamento de orientación, nas que as funcións ten que cumprilas o profesorado substituto si ou si, pero, ao haber un titular da vacante, debe facelo sen puntuación nin complemento económico. Urxe, por fin, a solución desta situación, a todas luces inxusta.
-
-
En canto ao apartado de publicacións, como levamos reclamando nos últimos anos, é incomprensible que non se puntúen publicacións sen depósito legal. Da mesma forma, esiximos máis transparencia por parte da comisión avaliadora que lles permita coñecer ás persoas interesadas os motivos da non baremación dalgunha das súas publicacións.
-
Levamos xa varios anos solicitando que se detalle urxentemente, de forma clara, a puntuación que se obtén pola participación, coordinación e impartición en cada actividade de innovación educativa, correspondente ao apartado 6.2. Non se especifica nin no baremo da orde nin nas instrucións que adoita publicar a Consellería. Por experiencia, sabemos que cada participación supón 0,15 puntos, independentemente da duración, pero non sabemos a puntuación da actividade realmente executada, é dicir, canta puntuación corresponde ao cargo de coordinación ou á impartición.
-
Volvemos insistir, como xa fixemos nos últimos anos, en que non ten sentido, nun concurso de traslados, valorar como un mérito diferenciado ter estado destinado en postos da Administración educativa, xa que xa se puntúa a antigüidade nos apartados 1.1 e 1.2, así como tamén varios cargos no apartado 4.
-
No apartado 6.6, deberían puntuarse as titorizacións de títulos anteriores á entrada en vigor dos graos e mestrados, sempre que sexan equivalentes. Non compartimos que as titorizacións de funcionarios/as en prácticas só se puntúen desde o curso 2023/24 e non anteriormente, pero somos conscientes de que o real decreto non deixa marxe de manobra.
-
No apartado 7, en concreto no 7.2, debe incluírse cada ano de experiencia de impartición en educación para adultos (EBI, ESA ou Bacharelato de adultos), sexa en centros EPA ou en IES. É unha discriminación que quen imparte exactamente as mesmas ensinanzas en centros diferentes, e que xa non está a percibir ningún complemento, non puntúe o mesmo por estar en centros diferentes.
2. Orde de 2026 pola que se convoca concurso de traslados específico para cubrir prazas de xefatura do Departamento de Orientación
Intervención de CCOO Ensino
Queremos empezar a nosa intervención cunha reflexión. Ano tras ano, neste concurso específico ábrese a posibilidade de adxudicar vacantes de xefatura de departamento de orientación de centros de infantil e primaria a persoas sen a titulación axeitada para poder desenvolver completamente o labor orientador, no que se refire a probas diagnósticas, por citar un exemplo. De feito, cuantificamos polo menos 27 vacantes definitivas adxudicadas nos últimos cinco concursos a mestres/as sen titulación.
Para evitar esta paradoxal situación, parece imprescindible esixir como requisitos, e non só como dereito preferente, as titulacións que recolle o artigo 4 do Decreto 120/1998 para poder obter unha adxudicación neste concurso. Para iso, sería necesario acometer, se fose preciso, unha modificación do Decreto 120/1998 para establecer a obrigatoriedade da titulación. Resulta totalmente incongruente esixir a titulación ao persoal substituto e interino para formar parte das listas e non para desempeñar o posto con carácter definitivo.
Igualmente, moitas desas titulacións que recolle o artigo 4 do Decreto 120/1998 xa non están vixentes (Licenciatura en Filosofía e Letras ou Licenciatura en Psicopedagoxía), polo que instamos a que se acometa a súa actualización, incluíndo novas titulacións, como o Mestrado en Psicopedagoxía, que, xunto coa titulación de mestre, habilitaría as persoas interesadas para desempeñar as funcións.
Antes de entrar a analizar o articulado da orde, gustaríanos pedir tamén, con carácter previo, que se aborde a reconfiguración da rede de orientación, xa que a última foi definida en 2009 e a situación do catálogo dos centros foi mudando ao longo do tempo, dando lugar a desequilibrios na rede en todas as provincias. Por iso, é necesario acometer a súa actualización, e esta redefinición ten que realizarse con anterioridade ao concurso de traslados, como si se fai noutros concursos similares.
É absolutamente vital reforzar os departamentos de orientación para que as ratios entre orientadores/as e alumnado se axusten ao que recomenda a UNESCO, é dicir, un orientador ou orientadora por cada 250 alumnos/as. Un primeiro paso foi o plan de reforzo da atención á diversidade, asinado o curso pasado pola Consellería e CCOO, ANPE, UXT e CSIF, que deu lugar a máis de 50 orientadores/as adicionais este curso no ensino secundario. Debemos seguir avanzando tamén en infantil e primaria, reforzar os departamentos de orientación coa figura dun segundo orientador ou orientadora nos centros que máis o precisan e achegarnos a esa ratio dun orientador ou orientadora por cada 250 alumnos/as.
Directamente relacionado con isto, non é admisible que, na base 2.ª, se indique que no anexo III se relacionan os centros que «previsiblemente» estarán adscritos ao centro base. Deben coñecerse con anterioridade. En todo caso, en canto ás prazas xa adxudicadas e ocupadas, solicitamos que, de modificarse os centros adscritos a unha determinada praza, se lle dea ao docente a opción de escoller ser suprimido, aínda que non se modifique o centro base, xa que entendemos que se produce unha modificación substancial das condicións de traballo.
Con respecto ao baremo, queremos facer as seguintes emendas, que coinciden en gran medida coas realizadas respecto ao borrador da orde do concurso de centros de adultos, agás as relativas ao apartado 7:
-
Nos apartados 1.1 e 1.2, valoramos positivamente que se recolla de forma expresa que se puntuará a totalidade dos servizos que se presten en situación de excedencia por razón de violencia de xénero.
-
No apartado 1.1.3, de especial dificultade, consideramos que a puntuación xerada nun posto de especial dificultade non se debería perder con cada cambio de destino definitivo. Igualmente, solicitamos que se asegure que os/as participantes que tiveron destino provisional ou teñen o seu destino definitivo nestes centros vexan recoñecidos tales servizos de oficio.
-
No apartado 3, consideramos que falta por incluír como baremable o premio extraordinario nos mestrados. Deberían ter a mesma consideración que os de doutoramento, grao e outras titulacións.
-
Tamén no apartado 3, valoramos positivamente a inclusión dos títulos de coñecemento da lingua de signos como análogos á posesión de certificados de escolas oficiais de idiomas, tal e como recolle o Real decreto 262/2026.
-
No apartado 4:
-
No apartado 4.1 do baremo do persoal docente, «servizos como director/a de centro», deben incluírse os servizos prestados como responsables de centros de menos de tres unidades, xa que os responsables realizan as mesmas funcións que os directores/as en centros cun número de alumnado similar, recaendo na súa persoa a totalidade das coordinacións e dinamizacións (lingua galega, extraescolares, etc.).
Estudiarán o dos centros de menos de 3 unidades. Se non o poden meter este ano por limitacións a nivel informático, acceden a incorporalo cunha anotación sobre que non se puido aplicar para o curso 26/27. -
No punto 4.3, non se outorga puntuación ao coordinador de E-Dixgal ou Polos Creativos, ou doutras iniciativas, como coordinador/responsable/dinamizador do Club de Ciencias ou de STEMbach, por citar algúns exemplos, coordinacións que se recollen expresamente coa mesma dedicación de horario lectivo que as anteriores na Resolución do 16 de xuño de 2026.
-
Deben puntuarse os cargos e coordinacións que desempeña o profesorado substituto, ademais de percibir o correspondente complemento económico, de habelo. A situación é aínda máis inxusta, se cabe, en canto ás titorías e xefaturas de departamento unipersoal ou xefaturas de departamento de orientación, nas que as funcións ten que cumprilas o profesorado substituto si ou si, pero, ao haber un titular da vacante, debe facelo sen puntuación nin complemento económico. Urxe, por fin, a solución desta situación, a todas luces inxusta.
-
-
En canto ao apartado de publicacións, como levamos reclamando nos últimos anos, é incomprensible que non se puntúen publicacións sen depósito legal. Da mesma forma, esiximos máis transparencia por parte da comisión avaliadora que lles permita coñecer ás persoas interesadas os motivos da non baremación dalgunha das súas publicacións.
-
Levamos xa varios anos solicitando que se detalle urxentemente, de forma clara, a puntuación que se obtén pola participación, coordinación e impartición en cada actividade de innovación educativa, correspondente ao apartado 6.2. Non se especifica nin no baremo da orde nin nas instrucións que adoita publicar a Consellería. Por experiencia, sabemos que cada participación supón 0,15 puntos, independentemente da duración, pero non sabemos a puntuación da actividade realmente executada, é dicir, canta puntuación corresponde ao cargo de coordinación ou á impartición.
-
Volvemos insistir, como xa fixemos nos últimos anos, en que non ten sentido, nun concurso de traslados, valorar como un mérito diferenciado ter estado destinado en postos da Administración educativa, xa que xa se puntúa a antigüidade nos apartados 1.1 e 1.2, así como tamén varios cargos no apartado 4.
-
No apartado 6.6, deberían puntuarse as titorizacións de títulos anteriores á entrada en vigor dos graos e mestrados, sempre que sexan equivalentes. Non compartimos que as titorizacións de funcionarios/as en prácticas só se puntúen desde o curso 2023/24 e non anteriormente, pero somos conscientes de que o real decreto non deixa marxe de manobra.
En canto ás emendas a vacantes concretas:
-
CEIP Afonso Rodríguez Castelao (Rianxo): a orientadora foi adxudicada no concurso xeral do ano pasado noutro centro, polo que a praza debe saír a concurso de traslados.
-
CEIP Mestre Rodríguez Xixirei e Arquitecto Casas Novoa (Santiago de Compostela): debería ofertarse tal vacante por reorganización da rede de orientación en Santiago de Compostela, ao quedar o CEIP Vite con praza de orientación a tempo completo.
-
CEIP Virxe do Mar (Narón)
-
CEIP Inmaculada (Ourense)
3. Orde de 2026 pola que se establecen os centros e os postos cualificados de especial dificultade
Intervención de CCOO Ensino
Valoramos positivamente que a Administración por fin trouxese a esta mesa a modificación dos anexos desta orde, case dez anos despois da última modificación e tras múltiples peticións da nosa organización en solitario nesta mesa. Sobre todo, valoramos positivamente que se inclúa no borrador unha histórica solicitude nosa, tamén formulada en solitario nesta mesa, de incorporar unha nova categoría de postos de especial dificultade que comprenda as aulas situadas nos centros hospitalarios.
Solicitamos que se estude a posibilidade de estender a consideración de postos de especial dificultade a outros postos singulares, como os de atención domiciliaria, e tamén a centros de secundaria en determinados supostos.
En canto ás emendas concretas ao anexo de centros, vemos que faltan centros que pecharon ou se integraron noutros desde a última modificación dos anexos da orde ata agora. Tamén comprobamos que faltan centros que accederon nos últimos cursos á condición de unitarios. Finalmente, queremos apuntar que botamos en falta, no apartado de unidades específicas de EE, moitas das incluídas na orde de 2017, así como, sobre todo, na corrección de erros que se publicou posteriormente.
1. Centros que pecharon nos últimos anos e que deberían estar no anexo e non están:
-
EEI de Luaña (Brión), pechada no curso 2020/2021.
-
EEI de Muros, unitaria desde o curso 2023/2024 e pechada no curso 2025/2026.
-
CEIP Pousada Carcacía (Padrón), unitario desde o curso 2021/2022 e pechado no curso 2023/2024.
-
CEIP de Negueira de Muñiz, pechado no curso 2025/2026.
-
CEIP de Vilariño de Conso, unitario desde o curso 2018/2019 e pechado no curso 2024/2025.
-
EEI Nosa Señora do Carme (Marín), que se integrou no curso 2022/2023 no CEIP Sequelo de Marín.
-
CEIP de Merza (Vila de Cruces), unitario desde o curso 2020/2021 e pechado no curso 2022/2023.
-
EEI de Vagalume (Vilagarcía de Arousa), que se integrou no curso 2022/2023 no CEIP de Arealonga do mesmo concello.
2. Centros que figuran actualmente no catálogo de centros como centros dunha unidade e non están no anexo:
-
CEIP de Triacastela, unitario desde o curso 2018/2019.
-
CEIP de Sarreaus, unitario desde o curso 2018/2019.
-
CEIP Eduardo Ávila Bustillo (A Veiga), unitario no curso 2024/2025.
3. Unidades específicas de EE que estaban na orde de 2017 e agora non están:
-
CEIP Maceda.
-
CEIP Manuel Luís Acuña (Ourense).
-
CEIP Mestre Vide (Ourense).
-
CEIP O Couto (Ourense).
-
CPI Padrenda-Crespos.
-
Aparece o CEIP Tomás de Lemos (Ribadavia), pero o nome actual é CEIP de Ribadavia.
-
CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia).
4. Unidades específicas de EE que estaban na corrección de erros da orde de 2017 e agora non están:
-
CEIP Fogar (Carballo).
-
CEIP Plurilingüe Víctor López Seoane (A Coruña).
-
CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña).
-
CEIP Esteiro (Ferrol).
-
CEIP Mestre Pastor Barral (Melide).
-
CPI Castro Baxoi (Miño).
-
CEIP dos Muíños (Muxía).
-
CEIP Barrié de la Maza (Sada).
-
CEIP A Ponte (Lugo).
Detectado un erro no borrador remitido da orde polo cal faltaba parte da listaxe de centros de especial dificultade (faltaban todos os centros da corrección de erros de 2017 máis algunhas prazas novas).
A Administración presenta unha basicamente co mesmo articulado, pero sen listaxe de centros, de forma que esta listaxe publicarase todos os anos nunha resolución conxunta ou previa á do CXT.
Respecto do mantemento de centros pechados hai xa moitos anos nesa listaxe (pola afectación de persoal en expectativa de destino, suprimido ou desprazado), buscarán a forma de metelo no articulado para que non sexa necesario que estes centros figuren especificamente.
Buscarán o xeito de meter isto no articulado para non ter que meter na listaxe centros que foron pechados hai moitos anos.
Adaptarase o punto primeiro ao borrador da orde que xa tiñamos.
Traerase esa listaxe xunto coa orde do CXT de cada curso para a súa publicación conxunta ou con carácter previo á da orde do CXT.
4. Rolda final de intervencións
Intervención de CCOO Ensino
Aulas Senda:
-
En relación coa orde de postos de especial dificultade que acabamos de tratar, demandamos información sobre o anuncio da creación das chamadas Aulas Senda.
-
Cantas se van crear, en que centros e con que criterios?
-
Van substituír as unidades específicas de educación especial en centros ordinarios?
-
Que diferenza hai exactamente coas unidades específicas de educación especial?
-
Hai acordos con entidades privadas para a subministración de materiais ou a formación do persoal?
-
-
Tememos que tal anuncio esconda, por un lado, un intento de externalización de algo tan vital como a atención á diversidade nos centros educativos públicos, así como unha segregación deste tipo de alumnado, privándoo da súa inclusión nos grupos ordinarios e limitando a súa integración.
Pagamento do verán ao persoal interino e substituto que traballe máis de cinco meses e medio:
-
Solicitamos, como reclamamos todos os anos, que se cumpra a base 18 do acordo de interinos/as e se proceda a aboar o «verán» ao persoal substituto que supere os cinco meses e medio de nomeamentos este curso. Sabemos que é unha petición que non conta con unidade sindical, pero está incluída no acordo publicado no DOG e asinado por tres das catro organizacións sindicais desta mesa sectorial, polo que esiximos que se cumpra.
«Concursiño» previo ao CADP:
-
Instamos a Consellería a que convoque este ano, previamente ao CADP, un concursiño no que poidan participar os/as funcionarios/as de carreira con destino definitivo e en expectativa de destino para obter un destino provisional, semellante ao organizado noutras comunidades autónomas.
O do “concursiño” haberá que abordalo. O principal problema é a falta de continuidade de profesorado en determinadas comarcas ou tipos de centros.
Centros de educación especial:
-
Solicitamos un complemento específico para estes centros, similar ao que se aboa ao persoal docente de centros de adultos ou colexios rurais agrupados.
-
Do mesmo xeito, reclamamos a creación dun complemento de perigosidade para o persoal docente destes centros, ao igual que existe para outro tipo de persoal que traballa neles.
O destes complementos para os CEE non está previsto polo momento.
Desde CCOO Ensino volvemos solicitalo posto que é unha cuestión que debe abordarse porque resulta de xustiza. -
Creación dos departamentos de FP necesarios tanto para a determinación de funcións como para a dotación orzamentaria.
-
Adaptación da aplicación PROENS, nas súas múltiples facetas, ás características específicas deste tipo de centros ou da educación especial en xeral.
Oferta de ensinanzas de Grego e Latín:
-
Ante as novas que coñecemos nos últimos días de que en varios centros o alumnado que opta por ensinanzas de Grego e Latín ten que acudir ao ensino a distancia a través do IES San Clemente, solicitamos saber cal é o número real de alumnado afectado e que solución lle pensan dar desde a Consellería.
-
Reclamamos datos oficiais sobre aqueles centros nos que, segundo nos trasladan, xa existe profesorado destas especialidades que debe impartir materias afíns en lugar de impartir Latín e/ou Grego por non formarse grupo. Esta situación afectaría ata a 47 IES.
-
Demandamos unha oferta suficiente para que o alumnado sexa debidamente atendido no ensino presencial, que é o que asegura a equidade, reducindo as ratios mínimas nestas materias no ámbito rural.
Respecto do profesorado de Latín e Grego, o gran problema é que non hai profesorado nas listas de substitucións.
Desde CCOO Ensino indicamos que é unha problema cíclico que require dunha actuación urxente. Se non se ofertan estas materias nos centros, malamente o alumnado pode cursar as carreiras universitarias relacionadas e, polo tanto, no futuro non haberá profesorado dispoñible para a cobertura de vacantes.
Equipos de Orientación Específicos (EOE):
- Volvemos solicitar que se nos proporcione unha listaxe de prazas cubertas e vacantes nos equipos de orientación específicos (EOE) de cada provincia. Temos constancia de varias prazas que se atopan vacantes e que non foron cubertas en distintos EOE. Un exemplo é a praza de discapacidade motora no EOE de Ourense; outro serían as prazas de traballo social nas catro provincias. Esiximos que se cubran canto antes e que se convoque tamén un concurso de traslados específico para os EOE.

