A Consellería debe garantir o funcionamento da infraestrutura tecnolóxica, respectar as funcións do profesorado e acordar unha organización que asegure a calidade da formación.
Ante a problemática trasladada polo profesorado de Informática do IES de Teis, desde CCOO Ensino queremos deixar clara a nosa posición:
1. Ser docente de Informática non implica ser o servizo técnico de todo o centro.
Do mesmo xeito que impartir clase na familia de “Administración e xestión” non obriga a levar a contabilidade do centro educativo, nin ser docente da familia de “Electricidade e electrónica” obriga a reparar a instalación eléctrica do edificio, pertencer á familia de “Informática e comunicacións” non supón asumir automaticamente a administración de toda a rede, dos servidores e dos servizos informáticos do centro.
2. Preparar as prácticas, exercer a coordinación TIC e manter unha infraestrutura complexa son responsabilidades diferentes.
O profesorado debe preparar os recursos necesarios para a súa docencia. A coordinación TIC e o seu equipo teñen funcións específicas de dinamización, apoio didáctico e primeiro nivel de soporte, recollidas na Orde do 17 de xullo de 2007.
Estas responsabilidades non equivalen a asumir, de maneira indiscriminada, o soporte técnico integral dun centro.
Este criterio é aplicable tamén a outras familias profesionais de FP, como Química ou Fabricación Mecánica, por citar só dous exemplos. Os seus laboratorios, talleres e equipamentos necesitan mantemento para garantir unha formación práctica de calidade e en condicións de seguridade. Cómpre distinguir a preparación das prácticas e o mantemento ordinario asociado á docencia das tarefas especializadas de revisión, reparación ou mantemento das instalacións. A Administración debe garantir os recursos necesarios en todos os casos, respectando as funcións e a xornada do profesorado, con independencia da súa especialidade.
3. As horas complementarias non permiten impoñer calquera tarefa.
A Resolución do 16 de xuño de 2026 recolle tarefas de mantemento e preparación de prácticas no horario non fixo e asignacións específicas para a coordinación TIC e o profesorado colaborador.
Rexeitamos que estas previsións se utilicen como unha autorización xenérica para cargar sobre o profesorado de Informática todo o mantemento especializado. Incluír unha tarefa nun horario non resolve, por si só, se corresponde realizala nin garante tempo suficiente para asumila.
4. A dedicación docente ao soporte especializado debe ser unha solución acordada.
Cando a Administración e o profesorado consideren axeitado que este último asuma esas tarefas, defendemos unha solución voluntaria, expresamente autorizada e con funcións, responsabilidades e dedicación horaria claramente definidas.
A experiencia acumulada e o coñecemento diario das necesidades das aulas teñen valor e deben terse en conta. Pero realizar historicamente ese traballo non o converte nunha obriga automática nin crea, por si só, un dereito a substituír horas de docencia por mantemento.
5. A Administración debe garantir o soporte técnico sen impoñer tarefas adicionais ao profesorado.
No IES de Teis, a asignación de profesorado realizouse atendendo ás tarefas lectivas e non lectivas previstas, pero a Consellería obviou a dotación horaria necesaria para o soporte técnico do centro. Esa necesidade segue existindo e debe ser atendida.
Corresponde á Administración resolvela pola vía legal que determine, garantindo un servizo suficiente e adecuado ás necesidades das ensinanzas. En ningún caso aceptaremos que a solución consista en asignar estas tarefas adicionais ao profesorado, sen que lle correspondan legalmente esas funcións, agás que exista aceptación voluntaria e compensación horaria.
O funcionamento da infraestrutura tecnolóxica e a formación do alumnado non poden depender de que o profesorado asuma unha carga de traballo adicional sen recoñecemento.
6. A recuperación das 18 sesións lectivas non é a orixe deste problema.
As 18 sesións lectivas son unha mellora das condicións de traballo do profesorado. O problema está en non ter previsto como atender o soporte técnico do centro, non na redución do horario lectivo.
A Resolución do 16 de xuño de 2026, que regula a xornada para o curso 2026/27 mentres se elabora a nova orde de xornada e horarios, contempla a atención ás necesidades específicas dos centros cunha elevada oferta de Formación Profesional.
Ademais, noutros moitos centros de Galicia, tanto IES como CIFP, esta cuestión está resolta mediante acordos mutuamente beneficiosos para a Consellería, os centros e o profesorado, que permiten atender o soporte técnico e aplicar a nova xornada.
Por tanto, non compartimos que se presente esta situación como unha consecuencia inevitable das 18 sesións lectivas nin como un problema xeneralizado a todos os centros. Esiximos que se resolva alí onde existe.
7. CCOO Ensino esixirá unha solución urxente e definitiva para este curso.
Na Xunta de Persoal Docente Non Universitario de Pontevedra do mércores 21 de outubro, defenderemos este posicionamento e esixiremos á Administración unha solución urxente e definitiva, cando menos para o curso 2026/27.
A mobilización sen negociación resulta estéril: a presión debe traducirse en solucións concretas. Por iso, desde CCOO Ensino traballaremos para resolver este problema a través da Xunta de Persoal e da interlocución directa coa Consellería, coa finalidade de acadar compromisos efectivos e verificables.
A nosa intervención e a interlocución coa Consellería terán tres obxectivos concretos:
- Garantir o soporte técnico que precisan o centro e as súas ensinanzas.
- Impedir a imposición destas tarefas adicionais, que non corresponden legalmente ao profesorado. Deben ser aceptadas voluntariamente pola súa parte e con compensación horaria.
- Acordar unha organización viable, con responsabilidades, recursos e dedicación horaria claramente definidos.

