Toda a información da Mesa Sectorial sobre o Concurso xeral de traslados do 13 de outubro de 2026

No día de hoxe, 13 de outubro de 2026, celebrouse a mesa sectorial docente non universitaria.

Nos seguintes apartados podes consultar a intervención de CCOO Ensino e as respostas da Administración:

1. Orde do concurso xeral de traslados 2026-2027.

Consideracións xerais

  • Reclamamos unha negociación centralizada das vacantes con criterios obxectivos, como se fixo en 2018. Esta negociación comezou a esbozarse na Mesa Sectorial o ano pasado, pero a Administración finalmente non quixo culminala.

Van continuar coa negociación a nivel provincial.
Van mandar un listado coas prazas que se consideran estruturais de cara á negociación.

  • Valoramos positivamente o incremento de case 200 prazas de PT e AL grazas ao acordo.
  • Esiximos que se ofrezan todas as vacantes recollidas nos catálogos vixentes do corpo de mestres/as.
  • Pedimos que se siga facilitando a mobilidade dos mestres e mestras que aínda teñen destino no primeiro ciclo da ESO.
  • Denunciamos o incumprimento dos catálogos, especialmente nos apoios de Educación Infantil.
  • Valoramos positivamente o incremento de máis de 50 prazas de Orientación en secundaria.
  • Reclamamos o reforzo dos departamentos de orientación ata alcanzar a ratio recomendada pola UNESCO: 1 profesional por cada 250 estudantes.
  • Esiximos que se oferten vacantes estruturais de AL en secundaria (597061).

Emendas ao articulado

  • Base 2:
    • Pedimos que se publiquen as vacantes provisionais durante o prazo de solicitudes e as definitivas antes ou simultaneamente á resolución provisional.
    • Reclamamos a inclusión expresa das prazas itinerantes de AL, ademais das de PT.
  • Base 11: esiximos incorporar aos catálogos dos IES e CPI as prazas estruturais de AL.
  • Base 12:
    • Pedimos incluír as seccións bilingües nas prazas que requiren acreditación B2.
    • Reclamamos corrixir a diferenza na esixencia da certificación de galego entre os corpos 593 (catedráticos/as de música e artes escénicas) e 594 (profesores/as de música e artes escénicas).

Baremo

Somos conscientes de que moitos aspectos do baremo veñen determinados pola normativa básica e non poden modificarse nesta negociación. Con todo, queremos deixar constancia do noso desacordo con algúns deles.

  • Apartados 1.1 e 1.2: valoramos positivamente o cómputo íntegro dos servizos durante as excedencias por violencia de xénero.
  • Apartado 1.1.3:
    • Reclamamos que non se perda a puntuación por especial dificultade ao cambiar de destino definitivo.
    • Pedimos o recoñecemento de oficio dos servizos en centros de especial dificultade.
  • Apartado 3:
    • Reclamamos que se puntúen os premios extraordinarios de mestrado.
    • Valoramos positivamente a inclusión dos títulos de lingua de signos.
    • Esiximos eliminar a desigualdade na puntuación dos certificados de EOI de linguas cooficiais.

Propuxérono ao estado pero non se aceptou.

  • Apartado 4.1: pedimos puntuar os servizos como responsable de centros de menos de tres unidades.
  • Apartado 4.3:
    • Valoramos positivamente a incorporación de coordinacións como E-Dixgal e Polos Creativos.
    • Reclamamos puntuar as coordinacións do Club de Ciencias e STEMbach.
    • Pedimos o recoñecemento expreso do persoal asesor de CIEDIX, CGIFP e Abalar.
    • Esiximos puntuar os cargos e coordinacións exercidos polo profesorado substituto e aboar os complementos correspondentes.
    • Reclamamos puntuar todos os cargos desempeñados simultaneamente ou, cando menos, compatibilizar a puntuación da titoría coa doutras coordinacións.

Van mirar de incorporar todas as figuras análogas recoñecidas por esta Administración.

  • Publicacións:
    • Reclamamos que se puntúen as publicacións sen depósito legal.
    • Esiximos maior transparencia nos criterios de baremación e nos motivos de exclusión.
  • Apartado 6.2: pedimos concretar as puntuacións por participación, coordinación e impartición de actividades de innovación educativa.
  • Apartado 6.4: reclamamos eliminar a puntuación específica por desempeñar postos na Administración educativa, xa que estes servizos xa se valoran pola antigüidade (apartados 1.1 e 1.2) e, nalgúns casos, polo desempeño de cargos (apartado 4).
  • Apartado 6.6:
    • Pedimos puntuar as titorizacións de titulacións anteriores aos graos e mestrados, cando sexan equivalentes.
    • Manifestamos o noso desacordo coa exclusión das titorizacións de funcionariado en prácticas anteriores a 2023/24, aínda que a normativa estatal non permita modificalo.
  • Disposición complementaria terceira:
    • Reclamamos aclarar expresamente que o Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria puntúa nos corpos nos que non constitúe requisito de acceso.

Non van modificar o baremo.

2. Rolda final de intervencións

  • Concurso de traslados de educación de persoas adultas: lembramos o compromiso de convocar o concurso este ano, incluíndo as xefaturas de departamento.

Presentarán os borradores na Mesa Sectorial da última semana de outubro.

  • Actualización dos anexos de especial dificultade: lembramos o compromiso adquirido tras unha emenda presentada en solitario por CCOO.

Aceptan a solicitude e presentarán a actualización a finais de outubro.

  • Aulas hospitalarias: reclamamos o seu recoñecemento como postos de especial dificultade, unha reivindicación histórica de CCOO.

Aceptan a proposta e incluirán unha categoría específica no novo anexo.

  • Equipos de Orientación Específicos (EOE):
    • Solicitamos a relación de prazas ocupadas e vacantes por provincia.
    • Esiximos cubrir as vacantes existentes e convocar un concurso de traslados específico.

Consultarán a cuestión.

  • Actualización do expediente: propoñemos permitir a actualización permanente ou habilitar un prazo dun ou dous meses durante o curso.

Estudarán abrir un prazo extraordinario e pretenden permitir a actualización permanente a medio prazo.

  • Cumprimento da base 18 (pagamento do verán) do Acordo de interinos/as:
    • Reclamamos, un ano máis, o seu cumprimento, aproveitando o inicio da elaboración dos orzamentos autonómicos.
    • Lembramos que, malia non existir unanimidade sindical, o Acordo está publicado no DOG e foi asinado por tres das catro organizacións sindicais presentes nesta Mesa Sectorial.
  • Convocatoria de prazas de asesorías: reclamamos a convocatoria das prazas de asesorías da Consellería de Educación, dos CFR e do CAFI, xa que levan dous anos sen convocarse.

Teñen intención de sacar todas as prazas este ano.