Nas últimas dúas semanas, CCOO Ensino mantivo dúas reunións co grupo parlamentario do PSdeG para abordar a situación do ensino público non universitario, do Persoal de Apoio Educativo, do persoal do ensino privado e concertado e dos sectores socioeducativos.
A interlocución institucional forma parte da acción sindical. Negociamos coa Administración que ten a responsabilidade de tomar decisións e trasladamos aos grupos parlamentarios as cuestións que precisan cambios legais, iniciativas parlamentarias ou control da actuación do Goberno.
A nosa posición non depende de quen goberne: apoiamos os avances, esiximos o cumprimento dos acordos e mobilizámonos cando non existe vontade negociadora ou se vulneran dereitos laborais.
Ensino público: cumprir o acordado e continuar avanzando
Na primeira reunión analizamos a situación do ensino público non universitario e o desenvolvemento do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente, asinado en 2023.
Expuxemos os avances acadados, como a redución do horario lectivo, a baixada das ratios, o reforzo da atención á diversidade e as modificacións nos catálogos de postos de PT e AL. O inicio deste curso confirma, ademais, un incremento dos recursos destinados á atención educativa malia continuar a caída demográfica do alumnado.
Tamén trasladamos os problemas de interpretación e aplicación do acordo por parte da Xunta, unha cuestión xudicializada a mediados de 2025, así como a necesidade de modificar a lei para aplicar determinadas medidas. Nestes casos, trasladar as propostas aos grupos con capacidade de presentar iniciativas no Parlamento forma parte do noso traballo sindical.
En CCOO Ensino seguimos esixindo que todas as medidas recollidas no acordo se apliquen con celeridade e ao cento por cento, sen renunciar a novas melloras. A nosa responsabilidade é consolidar cada avance e continuar negociando os seguintes.
Recuperar o pagamento do verán ao persoal substituto
Entre as reivindicacións trasladadas está a recuperación do pagamento do verán ao persoal docente substituto que traballa máis de cinco meses e medio durante o curso.
Para recuperar este dereito é necesario modificar a normativa orzamentaria. Ao mesmo tempo, CCOO Ensino mantén esta medida no Acordo sobre persoal interino e substituto para preservar o compromiso asumido pola Consellería.
Persoal de Apoio Educativo
Na segunda reunión, as secretarías de Persoal de Apoio Educativo e de Ensino Privado e Servizos Socioeducativos trasladaron as reivindicacións destes colectivos.
No ámbito do Persoal de Apoio Educativo reclamamos que a organización dos centros estea resolta antes do inicio do curso, que as substitucións se cubran con axilidade e que ningún alumno ou alumna quede sen a atención que precisa.
Os atrasos na incorporación e cobertura de prazas de persoal auxiliar coidador, limpeza e cociña afectan tanto a atención ao alumnado como as condicións laborais e a conciliación do persoal. Por iso esiximos máis planificación e que os procesos de estabilización e mobilidade estean resoltos antes do comezo das clases.
Persoal do ensino concertado
CCOO Ensino trasladou tamén a situación do persoal dos centros de ensino concertado, para o que reclamamos a convocatoria inmediata da Mesa Tripartita e unha negociación efectiva entre Administración, organizacións sindicais e patronais.
As prioridades son recuperar dereitos, cumprir os acordos pendentes, mellorar as condicións laborais e salariais e garantir o exercicio efectivo do dereito de folga. O bloqueo da negociación xa provocou unha primeira folga parcial o pasado 9 de setembro.
CCOO Ensino rexeita o modelo de concertación de servizos públicos, pero defende as persoas traballadoras das empresas privadas que os prestan con financiamento público. Os seus dereitos laborais non poden quedar subordinados ao modelo de xestión escollido pola Administración.
Discapacidade, protección de menores e educación infantil de 0 a 3 anos
Na reunión abordamos tamén a situación do persoal dos sectores da discapacidade, protección de menores e educación infantil de 0 a 3 anos.
Reclamamos financiamento público suficiente, persoal e recursos adecuados, estabilidade no emprego, salarios dignos, prevención de riscos, conciliación e respecto á negociación colectiva.
A Xunta non pode limitarse a financiar, concertar ou licitar estes servizos e desentenderse das condicións nas que se prestan. A súa calidade depende tamén das condicións laborais das persoas que os sosteñen.
Reivindicacións que dependen do Goberno do Estado
Tamén trasladamos ao PSdeG as cuestións que dependen da normativa estatal.
O Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, asinado en 2022 polo Goberno de España, CCOO e UGT, incorporou compromisos sobre emprego público, clasificación profesional, recuperación de dereitos, promoción e modernización dos procesos selectivos. Entre eles está a reivindicación da integración de todo o profesorado no subgrupo A1.
CCOO continuará reclamando ao Goberno do Estado o cumprimento dos compromisos pendentes, así como a revisión do sistema de acceso á función pública.
Tamén esiximos eliminar as limitacións retributivas que teñen a súa orixe na normativa estatal aprobada a partir de 2010 (pagas extras incompletas na súa compoñente estatal; en Galicia xa cobramos o 100% da parte autonómica grazas a un acordo asinado por CCOO en 2016) e que os sucesivos gobernos do PP e das coalicións encabezadas polo PSOE mantiveron sen resolver.
Independencia sindical para negociar e avanzar
CCOO Ensino non define a súa actuación en función das siglas dun Goberno ou dun grupo parlamentario.
Negociamos coa Xunta porque é quen goberna e executa as políticas educativas en Galicia. Falamos cos grupos parlamentarios porque poden impulsar cambios lexislativos e controlar a acción do Goberno. E trasladamos ao Goberno do Estado as reivindicacións que dependen das súas competencias, ademais de participar nas negociacións co Ministerio de Educación.
Cando existe negociación, negociamos; cando hai posibilidades de acordo, procuramos avances concretos; cando os acordos non se cumpren, reclamamos; e cando non existe vontade negociadora, mobilizámonos.
O noso compromiso non é con ningún partido político, senón coas persoas traballadoras do ensino e dos sectores socioeducativos e coa defensa duns servizos públicos de calidade.

