19 anos agardando un estatuto do persoal docente e/ou investigador universitario

A Administración ignora o mandato legal que ela mesma estableceu. CCOO esiximos ao Ministerio que cumpra a lei.

O dereito do persoal docente e/ou investigador (PDI) a contar cun Estatuto propio regúlase en 2007, coa modificación da LOU, na súa Disposición Adicional sexta. Desde a súa entrada en vigor o 13 de abril de 2007 e ata a súa derrogación, 16 anos máis tarde, producíronse diferentes intentos formais de negociación que non culminaron na aprobación dun real decreto, malia que a LOMLOU establecía o prazo dun ano para a súa aprobación.

O 12 de abril de 2023 entrou en vigor a LOSU que, na súa Disposición Derradeira décima, establecía que no prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei orgánica o Goberno presentaría ao Congreso dos Deputados un proxecto de lei do Estatuto do PDI universitario.

Prazos? Que prazos? A falta de vontade do Ministerio paralizou a negociación do Estatuto do PDI

Desde a entrada en vigor da LOSU celebráronse catro reunións en tres anos entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU) e persoas delegadas dos sindicatos máis representativos no ámbito da universidade. Practicamente unha reunión por ano e nin sequera pasamos do capítulo II, referido aos dereitos e deberes.

Desde CCOO vimos solicitando de maneira reiterada a convocatoria da mesa de negociación. De feito, as dúas últimas reunións de negociación viñeron precedidas de reclamacións por escrito de CCOO para que se convocase as partes. Agora presentamos un novo escrito reclamando a súa convocatoria.

A negociación do Estatuto do PDI iniciouse hai máis de quince anos e, a día de hoxe, segue paralizada, con incumprimentos reiterados por parte dos responsables políticos dos distintos prazos legais. A última reunión da mesa de negociación produciuse o 25 de setembro de 2025, polo que, tres anos despois da entrada en vigor da LOSU e tras máis de oito meses de paralización do proceso negociador, desde CCOO consideramos que o MICIU non ten un interese real en abordar esta cuestión de forma seria e decidida.

Contar cun estatuto específico para o profesorado universitario é fundamental para blindar a calidade académica, garantir a liberdade de cátedra e definir unha carreira profesional estable e transparente. Consideramos que é tamén o momento de afrontar melloras nas condicións retributivas do PDI. O Estatuto do PDI é unha ferramenta esencial para loitar contra a precariedade, garantir dereitos laborais do século XXI e unificar criterios fronte á dispersión de normativas autonómicas e universitarias.

O MICIU xustificou a lentitude e os sucesivos adiamentos das reunións bilaterais escudándose na falta de dispoñibilidade de financiamento como consecuencia da prórroga orzamentaria do Estado e no feito de ter priorizado outros plans sectoriais, como o Plan María Goyri para a incorporación de talento docente. É dicir, sendo todas as reformas necesarias, parece que esa prórroga non afecta por igual a todos os proxectos normativos ou novos programas, algúns dos cales si teñen dispoñibilidade orzamentaria malia as supostas limitacións legais.

Para CCOO resulta imprescindible abordar de maneira decidida e urxente a necesidade dun texto legal que recolla o conxunto de dereitos do colectivo. Reclamamos a reactivación inmediata do proceso de negociación, xa que non podemos renunciar a definir materias como:

  • O acceso e a promoción do PDI. É necesario un sistema de promoción transparente baseado en criterios obxectivos: docencia, investigación, xestión, extensión, participación e representación. Tamén é necesario desenvolver políticas de igualdade.
  • A definición clara da carreira docente e investigadora. Recoñecemento a todas as figuras do dereito á avaliación da súa actividade —docente, investigadora e de xestión— e ao complemento salarial correspondente.
  • O recoñecemento da carreira profesional. Desenvolvemento da carreira horizontal cunha definición clara dos criterios e dos seus efectos. Articulación da carreira vertical e da promoción interna.
  • A definición clara da estrutura retributiva e a súa dignificación. Suba dos niveis do complemento de destino do titular de universidade (TU) e do/a catedrático/a de universidade (CU).
  • A dignificación das condicións de traballo e das funcións de xestión e representación.
  • A equiparación para todos os efectos entre o TU e o Profesorado Permanente Laboral. Igualdade de dereitos, a todos os niveis, entre o profesorado funcionario e laboral no marco das realidades de cada colectivo.
  • A regulación clara dos dereitos sociais, de saúde, formación, sindicais e de representación do colectivo.
  • A mellora das condicións de traballo e a definición dos dereitos dixitais e de desconexión.
  • O dereito real á conciliación laboral e á flexibilidade da xornada.
  • Medidas contra o acoso laboral, sexual, por razón de xénero ou por discriminación dentro da institución. Plena aplicación das políticas e normas de igualdade e non discriminación.
  • A definición clara e a actualización do réxime de incompatibilidades.

Estas cuestións parece que non interesan ao MICIU, que ignora de maneira reiterada todo aquilo que afecta ás condicións de traballo do PDI. Só así se pode entender que as dúas grandes propostas que afectan de maneira directa a este colectivo, como son o Estatuto do PDI e un novo decreto de retribucións que remate co obsoleto —e ilegal en moitos puntos RD 1086/1989—, sexan precisamente as que os responsables ministeriais están deixando no esquecemento de maneira intencionada.

Neste contexto, desde CCOO entendemos, e así llo trasladamos ao MICIU, que chegamos a un punto de non retorno. Non podemos manter por máis tempo este goteo intermitente de supostas “reunións negociadoras” anuais nas que, en realidade, se fala de diversas cuestións, pero non se afronta unha negociación real e efectiva das condicións de traballo do PDI das universidades públicas. Se o Ministerio fai deixamento das súas obrigas, nós non imos ser cómplices co noso silencio.