Tal e como vos informamos no seu momento, o pasado 27 de abril abriuse o prazo de presentación de alegacións, no marco do trámite de audiencia e información pública, ao Proxecto de Real Decreto polo que se determinan as especialidades de coñecemento para os efectos do establecemento dos perfís dos concursos das prazas de profesorado universitario das universidades públicas e os ámbitos de coñecemento para os efectos da adscrición dos postos de traballo do profesorado universitario, e se modifica o Real decreto 898/1985, de 30 de abril, sobre réxime do profesorado universitario. Este trámite rematou o luns, 18 de maio, e CCOO presentou alegacións para mellorar o texto proposto.
En primeiro lugar, debemos considerar a necesidade e oportunidade da norma. Nas reunións mantidas co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU), CCOO trasladou desde o primeiro momento que non viamos a urxencia de tramitar esta norma cando a estrutura de áreas do coñecemento está plenamente asentada e, recoñecendo a necesidade de actualizala, non estamos ante unha cuestión determinante para o mellor funcionamento das universidades públicas. A xustificación do MICIU era o mandato contido na LOSU, ignorando que ese mesmo mandato afecta ao Estatuto do PDI e ao financiamento das universidades públicas con, polo menos, o 1 % do PIB, cuestións que consideramos de gran relevancia e nas que o mandato legal non parece importar.
A proposta parte dunha dobre premisa inconexa:
- Todas as prazas que se convoquen deberán estar perfiladas mediante a súa adscrición a unha ou varias especialidades do coñecemento, a partir da relación delas contidas no proxecto de real decreto, o que pola súa vez determina os perfís académicos de que deberán dispoñer as persoas candidatas a obter a dita praza.
- Enumerar os ámbitos de coñecemento a que se deberán adscribir todos os postos de traballo de PDI.
O diálogo previo: acordos e alegacións
Mentres que noutros proxectos normativos non existiu diálogo nin negociación, no caso presente si que houbo un diálogo previo no que se recolleron, máis alá da incorporación ou modificación de determinadas especialidades e áreas de coñecemento e a reclamación doutras que se incluíron no proceso de alegacións, cuestións que entendemos relevantes:
- Inicialmente recollíase que todas as prazas que se provexan mediante concurso nas universidades públicas deberán especificar unha especialidade do coñecemento. CCOO propuxo, e aceptouse, que esas prazas non poidan perfilarse máis alá das especialidades de coñecemento ás que están adscritas.
Porén, non compartimos o criterio de que, seunha praza está perfilada en máis dunha especialidade, os candidatos deberán adecuarse ao perfil académico de cada especialidade establecida no concurso. Esta redacción resulta excesivamente restritiva e obrigaría a persoa que quere acceder á praza a ser especialista en dúas ou máis especialidades de coñecemento. A redacción actual leva a unha hiperespecialización da praza. Neste sentido, alegamos que a adecuación poida ser, polo menos, a unha das especialidades do concurso. - Se ben se aceptou a proposta de CCOO de vincular o perfil académico da praza coas funcións básicas docentes, de investigación e transferencia do profesorado, non se incluíu a necesidade de que estas tarefas estean directamente vinculadas á especialidade e ao ámbito de coñecemento da praza, polo que reclamamos a dita vinculación mediante a oportuna alegación.
- Admitiuse a proposta de CCOO para que as especialidades do coñecemento se vinculen a un ou máis ámbitos de coñecemento, co obxecto de dotar de coherencia a estrutura académica das universidades.
Para CCOO é esencial que se reflicta de forma clara e explícita a vinculación entre os ámbitos de coñecemento e as especialidades especificadas no texto, de tal forma que as diferentes especialidades aparezan vinculadas a un ámbito de coñecemento. Consideramos que esta cuestión é primordial non só para clarificar a estrutura dos cadros docentes e investigadores, senón para garantir a súa coherencia e o dereito á mobilidade, a carreira profesional e a promoción deste persoal. - Igualmente, incluíuse o período transitorio de seis meses proposto por CCOO para que as convocatorias de prazas que se aproben polo Consello de Goberno das universidades públicas con posterioridade á entrada en vigor da norma incorporen xa o perfil ou os perfís de especialidades de coñecemento. No entanto, para CCOO debe reflectirse tanto o perfil de especialidade de coñecemento da praza como o ámbito de coñecemento ao que se vincule, o que quedou plasmado nas alegacións presentadas.
- Por primeira vez nun texto normativo desta natureza, recoñécese, por proposta de CCOO, o dereito das organizacións sindicais representativas a participar e ser oídas no desenvolvemento posterior da norma no referido ás posibles modificacións das especialidades e ámbitos do coñecemento.
Outras alegacións presentadas
Ademais do sinalado ata aquí, CCOO presentou alegacións, entre outras, en relación coas seguintes materias:
- Vinculación entre ámbito e especialidade de coñecemento. CCOO alegou que:
- Aínda que o ámbito de coñecemento se utilice como criterio preferente na organización docente, este debe axustarse ao perfil de especialidade ou especialidades de coñecemento de cada praza, e ser algo potestativo, como se reflicte no texto proposto.
- Débese definir a relación dos ámbitos de coñecemento requiridos para a impartición dos diferentes plans de estudo, de xeito que cada universidade poida vincular de forma adecuada o profesorado atendendo á súa oferta académica e mantendo a concordancia dentro dela.
- O procedemento interno para adscribir os postos de traballo do seu PDI a un determinado ámbito do coñecemento, antes da súa aprobación polos órganos de goberno da universidade, debe tratarse coa representación legal das persoas traballadoras no marco da negociación colectiva. Estamos ante cuestións que afectan as condicións de acceso ao emprego público, a carreira e a promoción profesional do persoal docente e investigador e as súas condicións de traballo, polo que son materia obxecto de negociación colectiva.
Estamos ante unha regulación normativa que vai condicionar a realidade do profesorado das universidades públicas, polo que debemos ser quen de articular unha resposta adecuada e axustada ao modelo de universidade pública que defendemos.

